Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 19 de abril de 2002 Páx. 5.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de marzo de 2002 pola que se autoriza o cambio de domicilio social da Fundación Juana de Vega e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Juana de Vega.

Resultando que a Fundación Juana de Vega foi constituída por Juana de Vega Martínez y Losada, condesa de Espoz y Mina, dándolle coma finalidade a de dar ensino e capacitación agrícola ós interesados de San Pedro de Nós, en Oleiros (A Coruña), segundo carta fundacional que consta no seu testamento do 31 de maio de 1869, e que foi protocolizada en acto xudicial do 22 de xuño de 1872.

Resultando que esta fundación se clasificou como benéfico-docente pola Real orde do 30 de xuño de 1925, do Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes.

Resultando que mediante resolución da Consellería de Educación e Cultura do 2 de xullo de 1985, logo de seren asumidas por esta Comunidade Autónoma as competencias en materia de fundacións, autorizouse o cambio de denominación da fundación ó actual de Juana de Vega e aprobouse o cambio de finalidade e os novos estatutos da fundación, encontrándose inscrita no rexistro de fundacións desta consellería co número 58.

Resultando que a Fundación Juana de Vega solicitou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o cambio de domicilio social que figura nos seus estatutos.

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación e as súas posteriores modificacións.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 do citado regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-lo cambio do domicilio social da Fundación Juana de Vega á casa e predio da súa propiedade, denominada A Carballeira, sita na rúa Salvador Allende, s/n, lugar de Vilar, en San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña).

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición, que pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser impugnada potestativamente mediante o recurso de reposición no prazo dun mes e ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria