Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.076

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Escola Municipal de Música da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo da Escola Municipal de Música da Coruña (código convenio 1503911), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-2-2002, subscrito en representación da parte económica por representantes da empresa, e, da parte social polo comité de empresa o día 13-2-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 1 de marzo de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Escola Municipal

de Música

Capítulo I

Ámbitos

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

A súa aplicación será no ámbito da Escola Municipal de Música da Coruña. Respetarase o contido do convenio colectivo estatal, aprobado por Resolución do 18 de xullo de 2000, que terá carácter de dereito necesario de mínimos.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A duración deste convenio colectivo será a comprendida entre o 1 de xaneiro de 2002 e o 31 de decembro de 2004.

Entrará en vigor a partir da data da súa aprobación, se ben os seus efectos económicos aplicaranse desde o 1 de xaneiro de 2002.

Unha vez finalizado o seu período de vixencia, prorrogarase automaticamente, con modificación da táboa salarial, de non mediar denuncia por ningunha

das partes asinantes, con dous meses de aviso previo polo menos ó seu vencemento.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal sexa con contrato fixo ou eventual que preste os seus servicios na Escola Municipal de Música da Coruña.

Artigo 4º.-Comisión paritaria. Constitución.

Dentro do mes natural seguinte á aprobación deste convenio colectivo, constituirase unha comisión composta por catro membros, dous en representación da parte empresarial, dos que un será designado polo concello, e dous representantes dos traballadores -dos que un será necesariamente o representante sindical electo e outro elixido polos traballadores do centro- e reunirase por petición de calquiera dos seus membros. A dita comisión terá as funcións de interpretación, mediación, arbitraxe e seguimento, e corrixirá calquera erro que puidera producirse na publicación do establecido no presente convenio.

Esta comisión aprobará o seu regulamento interno de funcionamento, nomeando entre os seus membros un presidente e un secretario.

Artigo 5º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade especifica do empresa ou entidade concesionaria da Escola Municipal de Música, e axustarase ó establecido no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais que resulten de aplicación ás empresas ou organismos incluídas no campo de aplicación funcional deste convenio colectivo.

Capítulo II

Clasificación do persoal

Artigo 6º.-Grupos e categorías profesionais.

O persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación do presente convenio, de conformidade coa súa titulación e o traballo efectivo desenvolvido no centro, clasificarase nun dos seguintes grupos profesionais e, dentro del, nunha das categorías relacionadas:

Grupo I. Persoal docente:

Profesor titular.

Profesor adxunto ou auxiliar.

Grupo II. Persoal de administración:

Xefe de administración.

Oficial administrativo.

Auxiliar administrativo.

Contratado en formación.

Grupo III. Persoal de servicios xerais:

Conserxe.

Porteiro.

Empregada/o de limpeza.

Artigo 7º.-Definición de categorías.

Profesor titular: é o que, reunindo as condicións e titulación académica esixidas pola lexislación aplicable, exerce a súa actividade educativa para o adecuado desenvolvemento dos programas dentro do marco pedagóxico e didáctico establecido polo centro.

Profesor adxunto ou auxiliar: é o profesor que, designado polo titular do centro, colabora co profesor titular no desenvolvemento dos programas.

Xefe de administración: é quen ten ó seu cargo a dirección administrativa e a secretaría do centro, de todo o cal responderá ante o seu titular.

Oficial administrativo: é quen baixo a dirección do xefe de administración ou do titular da empresa, exerce funcións burocráticas e contables que esixen iniciativa e responsabilidade. Accederase a esta categoría trala permanencia de cinco anos na categoría de auxiliar administrativo.

Auxiliar administrativo: é quen exerce funcións administrativas, burocráticas, de atención ó teléfono, recepción e demais servicios relacionados co departamento de administración.

Contrato en formación: é o traballador que mantén relación laboral co centro, en virtude dun contrato especifico de formación.

Conserxe: é quen atende as necesidades do centro e recepción de visitas e procura a conservación das distintas dependencias do centro, organizando o servicio de ordenanzas e persoal auxiliar.

Porteiro: é quen realiza a vixilancia das dependencias e persoas que entren e saian, velando por que non se altere a orde. Coida da puntual apertura e peche das portas de acceso ó predio e edificios que integre o centro. Faise cargo das entregas e avisos, trasladándoos puntualmente ós seus destinatarios. Ten ó seu cargo acender e apaga-las luces nos elementos comúns. Ten ó seu coidado o normal funcionamento de contadores, motores de calefacción e outros equipos equivalentes e comúns.

Empregada/o de limpeza: é quen ten ó seu cargo o servicio de limpeza das instalacións do centro.

Artigo 8º.-Categorías temporais funcionais.

Considéranse categorías temporais funcionais as de director, vicedirector, xefe de estudios e secretario académico, ou calquera outra que propoña a empresa; serán desempeñadas por aqueles traballadores docentes ós que a dirección da empresa llelo encomenda e polo tempo específico en que se manteñan nos cargos, sen posibilidade de consolidar estas categorías.

As categorías específicas nos artigos anteriores teñen carácter enunciativo e non supoñen obrigación para a empresa de ter cubertas todas elas.

Capítulo III

Contratación e cesamentos de persoal

Artigo 9º.-Contratación.

Os traballadores ó servicio da empresa sen pactar modalidade especial ningunha que afecte a duración do contrato consideraranse fixos, salvo proba en contrario que acredite a natureza da actividade.

Igualmente, terán a consideración de traballadores fixos aqueles que non teñan un contrato de traballo formalizado por escrito, así como aqueles que, finalizadas as prórrogas legais, continúen prestando servicios para a empresa.

Os contratos temporais, cando se concertasen por un prazo inferior ó máximo establecido e chegado ó seu termo non foran denunciados por ningunha das partes nin existise acordo expreso de prórroga, pero se continuaran realizando as tarefas e mantendo a relación laboral, prorrogaranse automaticamente ata o dito prazo máximo sempre que a lexislación o permita.

Os traballadores contratados na modalidade de a tempo parcial terán preferencia para ampliaren a súa xornada, en caso de o necesita-la empresa e reuniren os traballadores as condicións que o posto precisa a criterio da empresa ou entidade concesionaria da Escola Municipal de Música da Coruña.

Artigo 10º.-Período de proba.

Os traballadores contratados ó amparo ou dentro do campo de aplicación deste convenio colectivo, quedarán sometidos a un período de proba segundo a súa categoría profesional e o que a continuación se establece:

a) Persoal do grupo 1: 3 meses.

b) Persoal do grupo 2: 1 mes.

c) Persoal do grupo 3: 1 mes.

O dito período de proba computarase para efectos de antigüidade.

Artigo 11º.-Vacantes.

Enténdese por vacante a situación producida nun centro por:

a) Baixa dun traballador como consecuencia da extinción de relación laboral.

b) Por ampliación de cadro de persoal.

Con carácter xeral, as vacantes que se produzan, cubriranse con traballadores da propia empresa, sendo o titular dela o que oídos os representantes legais dos traballadores, decida se existe entre o seu persoal aquel que reúna as condicións requiridas.

Os auxiliares administrativos con cinco anos de servicio na categoría ascenderán a oficiais, e de non existir vacantes continuarán como auxiliares administrativos coa retribución de oficial.

As vacantes producidas entre o persoal de servicios xerais poderán cubrirse polos traballadores da categoría inmediata inferior da mesma rama, sempre que reúnan, a xuízo da empresa, a capacidade e aptitude para o desempeño do posto que se vai cubrir.

Artigo 12º.-Cesamento voluntario.

O traballador que desexe cesar voluntariamente no servicio da empresa deberá polo en coñecemento do seu titular, por escrito, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

a) Persoal do grupo 1: un mes.

b) Persoal do grupo 2: quince días.

c) Persoal do grupo 3: quince días.

O incumprimento por parte do traballador da obrigación de avisar coa indicada antelación, dará dereito ó empresario a descontarlle da liquidación o importe dun día de salario por cada día de atraso no aviso, co límite de días previstos para o aviso previo.

Artigo 13º.-Xornada de traballo de persoal docente.

As horas de traballo do persoal docente que preste os seus servicios no centro serán de 33 á semana. A distribución destas horas será de luns a venres, e delas 8 serán complementarias.

Nos contratos de menor duración gardarase a mesma proporción de horas complementarias.

Quen desempeñe a categoría de director reducirá en 8 horas o seu horario lectivo que serán dedicadas a tarefas directivas. Ademais, tanto o vicedirector, como o xefe de estudios e o secretario, reducirán en 5 horas o seu horario lectivo para desencolve-las mesmas funcións.

Artigo 14º.-Xornada de traballo do persoal non docente.

O persoal non docente afectado por este convenio desenvolverá o seu traballo nun horario de 35 horas semanais, de lunes a venres.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan das xornadas establecidas neste convenio. A iniciativa para propo-la realización de horas extraordinarias corresponde á empresa ou entidade concesionaria da Escola Municipal de Música, e a libre aceptación do traballador.

O número máximo de horas extraordinarias estará regulado polo establecido legalmente.

Capítulo IV

Vacacións e permisos

Artigo 16º.-Vacacións e permisos.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán un mes de vacacións retribuídas por cada ano completo de servicio. Se o tempo de servicio activo fora inferior a un ano, terase dereito ós días que, en proporción, correspondan.

As vacacións colleranse durante o mes de agosto, sendo matinal a xornada do mes de xullo.

O persoal docente e non docente terá en Semana Santa e Nadal de igual vacación que a que a empresa estableza como vacación para os seus alumnos.

Catro días laborais durante o ano a determinar dous polo titular do centro e dous polo traballador.

Artigo 17º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores terán dereito a solicitar, xustificando a súa petición, permiso retribuído polos seguintes motivos:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días laborables por nacemento dun fillo, inmediatos ó mesmo ou negociando a súa toma posterior á saída hospitalaria del.

c) Tres días en caso de enfermidade grave ou falecemento dun parente ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, por estes motivos, o traballador deba facer un traslado fóra da provincia en que radique o seu domicilio, o prazo ampliarase a cinco días.

d) Un día laborable por traslado do domicilio habitual e por actos sociais (vodas) de familiares de ata segundo grao.

e) O tempo preciso e indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, imposible de realizar fóra da xornada laboral.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

g) Por tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

As letras b, c e d son extensibles ás parellas de feito, situación que se acreditará da forma legalmente establecida.

Artigo 18º.-Maternidade e adopción.

Os traballadores terán dereito á súa retribución total durante os permisos de maternidade ou adopción a teor da lexislación vixente e nas condicións que nela se determinen.

Artigo 19º.-Permisos non retribuídos.

Todo o persoal afectado por este convenio poderá solicitar ata 15 días de permiso sen soldo, por ano, que deberán serlle concedidos, de o solicitar, con polo menos, vinte días de anticipación ó inicio do seu gozo.

Nunha mesma empresa non poderá haber dous traballadores gozando simultaneamente deste beneficio, salvo que as necesidades de organización permitan, a xuízo do empresario.

Artigo 20º.-Lactación.

As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. O traballador/a, pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos traballen. O traballador/a deberá avisar previamente o empresario con quince días de antelación a data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

Artigo 21º.-Reducción da xornada por garda legal.

Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retributiva, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo- coa diminución proporcional do salario- cunha extensión mínima dun tercio e

máxima da metade da mesma atendendo ás peculiaridades do centro.

Capítulo V

Xubilacións e excedencias

Artigo 22º.-Xubilacións.

Os traballadores xubilaranse ós sesenta e cinco anos. Non obstante, se o cumprimento da dita idade se producise mediado un curso escolar, por acordo entre o titular do centro e o traballador poderá demorarse a súa efectividade ata o día en que coincida coa finalización do dito curso.

Igualmente, se ó alcanza-la idade legal de xubilación, o traballador non cotizara a carencia necesaria para o recoñecemento do dereito, poderá continuar mantendo a relación laboral ata alcanza-la cotización precisa co límite de sesenta e nove anos.

Os dous parágrafos anteriores deben interpretarse dentro do marco actual dunha política global de emprego que favoreza a substitución do persoal en idade de xubilación coas medidas de fomento do emprego promovidas polo Ministerio de Traballo, e sempre que o traballador cumpra os requisitos para gozar de pensión de xubilación segundo a normativa da Seguridade Social.

Os traballadores terán dereito a un premio de xubilación, equivalente ó importe de tres mensualidades ordinarias, sempre que acrediten unha antigüidade mínima de quince anos na empresa.

Artigo 23º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa, nos termos previstos nos artigos seguintes.

En ambos casos, o traballador non terá dereito a retribucións, salvo o establecido no capítulo correspondente a dereitos sindicais.

Artigo 24º.-Excedencia forzosa.

Será causa de excedencia forzosa os seguintes:

1. Por designación ou elección para un cargo publico que imposibilite a asistencia ó traballo.

2. Por servicio militar ou substitutivo durante o tempo mínimo obrigatorio de duración.

3. Polo exercicio de funcións sindicais, de ámbito provincial ou superior, sempre que a central sindical a que pertenza o traballador teña representatividade legal suficiente no ámbito negocial do presente convenio colectivo.

4. O descanso dun curso escolar para aqueles docentes que desexen dedicarse ó seu perfeccionamento profesional despois de dez anos de exercicio activo no mesmo centro. Cando este perfeccionamento sexa consecuencia da adecuación do centro a innovacións educativas, o período de exercicio no centro quedara reducido a catro anos.

Características e condicións.

O traballador que goce de excedencia forzosa ten dereito a reserva do posto de traballo, cómputo da antigüidade adquirida durante o tempo que aquela dure e a reincorporarse ó centro.

Desaparecida a causa que motivou a excedencia, o traballador terá trinta días naturais para reincorporarse ó centro. En caso de non o facer, causará baixa definitiva no mesmo.

A excedencia forzosa deberá ser concedida automaticamente, logo de presentación da correspondiente documentación acreditativa.

Artigo 25º.-Excedencia por coidado de familiares.

a) Para atender a un familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retributiva. Neste caso a excedencia non será superior a un ano. Se dous ou máis traballadores xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario podría limita-lo seu exercicio.

b) Excedencia, de duración non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como adopción ou nos suposto de acollemento, tanto permanente como por adoptivo. Cando o pai e a nai traballen no mesmo centro de traballo só un deles poderá gozar desta excedencia.

En ambos supostos, durante o primeiro ano o traballador ten dereito a reserva do seu posto de traballo e o resto do período que, no segundo caso, se sinala, á reserva dun posto do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Neste tipo de excedencia compútase o período para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación.

Artigo 26º.-Excedencia voluntaria.

A excedencia voluntaria poderase conceder ó traballador logo de petición por escrito, podendo solicitalo todo o que leve, polo menos, un ano de antigüidade no centro e non tivese excedencia durante os catro anos anteriores.

A dita excedencia empezará a gozarse o primeiro mes do comezo do curso, salvo mutuo acordo para adiantalo.

O permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun ano e un máximo de cinco.

O traballador que teña a dita excedencia voluntaria só conserva o dereito ó reingreso se no centro houbese unha vacante na súa especialidade ou categoría laboral.

Durante este tempo non se lle computará a antigüidade.

Capítulo VI

Actualización e perfeccionamento

Artigo 27º.-Cursos de actualización e perfeccionamento.

Para realizar exames oficiais que conduzan ó perfeccionamento e promoción profesional na empresa, o traballador terá a correspondiente licencia, con dereito a retribución, debendo xustificar tanto a formalización da matrícula como o feito de asistir á realización do exame ou exames.

Artigo 28º.-Formación continua.

O presente convenio adhírese ó III Acordo nacional de formación continua.

Nos cursos organizados de acordo cos plans específicos do Acordo nacional de formación continua, os empresarios veranse obrigados a facilita-las horas laborais precisas para efectua-la dita formación, sen reducción do salario.

Así mesmo, os traballadores estarán exentos das taxas para cursos de perfeccionamento no mesmo centro.

Capítulo VII

Melloras sociais

Artigo 29º.-Axudas ós fillos dos traballadores.

Os fillos dos traballadores que estudien no centro estarán exentos de paga-las taxas.

Artigo 30º.-Incapacidade temporal.

Nos supostos de traballadores en situación de incapacidade temporal, aboaráselle ó traballador o complemento necesario para alcanza-lo 100% da retribución mensual ordinaria que lle correspondería de poder desenvolve-las súas actividades laborais durante un período de dezaoito meses.

Artigo 31º.-Seguros.

A empresa asegurará aqueles instrumentos propiedade dos profesores, dos que a achega sexa necesaria a criterio da empresa, consensuada coa representación dos traballadores.

Ademais, o centro deberá contar con dúas pólizas de seguro que garantan a cobertura de responsabilidade civil e accidentes individuais de todo o persoal afectado por este convenio, coas seguintes condicións:

Responsabilidade civil: na que poidan incorre-los asegurados con motivo das súas actuacións exclusivamente profesionais, con inclusión de fianza e defensa criminal e exclusión de:

-Riscos que poidan ser asegurados polo ramo de automóbiles.

-Calquera dano inmaterial que non sexa consecuencia directa dos danos materiais ou corporais garantidos por esta póliza.

-Riscos excluídos polas compañías aseguradoras.

Prestación máxima por sinistro: 5.000.000 de pesetas.

Accidentes individuais: o risco garantido do seguro de accidentes será as 24 horas, incluíndo tanto actividade profesional como vida privada, coas seguintes condicións:

-Capital asegurado en caso de morte: 3.000.000 de pesetas.

-Capital asegurado en caso de invalidez absoluta ou permanente: 5.000.000 de pesetas. Existirán porcentaxes reguladas sobre esta última cifra para as perdas ou inutilidades absolutas de membros.

Non haberá indemnización diaria por perda de horas de traballo. Os dereitos deste seguro son compatibles con calquera outro.

Capítulo VIII

Retribucións

Artigo 32º.-Conceptos.

O salario dos traballadores comprendidos dentro do campo de aplicación deste convenio estará composto polos seguintes conceptos retributivos: salario base- e, se é o caso, antigüidade- e complemento de categoría profesional.

As retribucións do persoal comprendido neste convenio quedan establecidas nas táboas salariais que figuran como parte integrante del, como anexo. O pagamento do salario efectuarase por meses vencidos, nos cinco primeiros días do mes seguinte e dentro da xornada laboral -de se-las condicións de abonamento en man-. Aboarase en metálico, cheque bancario, transferencia ou outras modalidades, logo de acordo cos traballadores.

Artigo 33º.-Revisión de retribucións.

Durante a vixencia deste convenio, anualmente revisaranse as retribucións en función da previsión do IPC estatal, comezando estas revisións a partir do exercicio 2003.

Artigo 34º.-Complemento de categorías funcionais.

Os traballadores que desempeñen categorías funcionais temporais percibirán mensualmente, con independencia das outras retribucións que lles correspondan -e mentres desempeñen efectivamente as categorías de director, xefe de estudios, secretario ou calquera outra que propoña a empresa- os complementos que aparecen nas táboas salariais anexas a este convenio.

Artigo 35º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán, como complemento periódico de vencemento superior a un mes, o importe de dúas gratificacións extraordinarias equivalentes, cada unha delas, a unha mensualidade do salario base, antigüidade e complemento de categoría funcional.

As ditas pagas extraordinarias faranse efectivas durante os meses de xuño e decembro.

Artigo 36º.-Antigüidade.

Por cada trienio vencido, o traballador terá dereito a percibi-la cantidade que, para tal efecto, se indica nas táboas salariais que figuran en anexo.

O importe percibirase en cada mensualidade (doce) e en cada paga extraordinaria (dúas), acumulándoo ó soldo correspondente.

O importe de cada trienio farase efectivo na nómina do mes do seu vencemento.

Artigo 37º.-Traballos de superior categoría.

Cando se encomende ó persoal, sempre por causas xustificadas unha función superior á correspondente á súa categoría profesional, percibirá a retribución establecida a aquela, mentres subsista a situación. Se o período de duración da mencionada situación é superior a seis meses durante un ano ou oito duran

te dous, o traballador poderá optar a estar clasificado na nova categoría profesional, que desempeñe efectivamente, salvo necesidades de titulación, percibindo neste caso a diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 38º.-Traballos de inferior categoría.

Se por necesidades imprevisibles do centro este precisara destinar un traballador a tarefas correspondente a unha categoría inferior á súa, só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos correspondentes á súa categoría profesional. Esta situación plasmarase por escrito nun acordo, precisando, sempre que sexa posible a temporalidade da situación facendo referencia a este artigo e co coñecemento dos representantes legais dos traballadores.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 39º.-Non discriminación.

Ningún traballador poderá ser discriminado por razón da súa afiliación sindical, podendo expresar con liberdade as súas opinións, así como publicar e distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social, comunicándollo á empresa.

Artigo 40º.-Delegados de persoal.

Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Artigo 41º.-Dereito de reunión.

Garántese o dereito dos traballadores do centro a reunirse no mesmo, sempre que non se perturbe o desenvolvemento das súas actividades e, en todo caso, de acordo coa lexislación vixente.

As reunións deberán ser comunicadas ó director ou representante da empresa, coa antelación debida, con indicación dos asuntos incluídos na orde do día e as persoas non pertencentes ó centro que van asistir á asemblea.

Artigo 42º.-Cota sindical.

Por requirimento escrito dos traballadores afiliados ás centrais sindicais, os centros poderán descontar na nómina dos traballadores o importe da cota sindical, que se ingresará na conta que o sindicato correspondente determine.

Na autorización escrita dos traballadores deberá facerse consta-lo importe que se autoriza a descontar.

Artigo 43º.-Acumulación de horas.

Para facilita-la actividade sindical, poderase chegar a acordos entre organizacións sindicais e patronais, con representatividade no sector, sobre a acumulación de horas sindicais dos delegados das respectivas organizacións sindicais. Nos ditos acordos fixaranse por ambas partes as condicións e o procedemento.

Artigo 44º.-Ausencia por negociación de convenio.

Os representantes designados polos traballadores que se manteñan en activo no centro e fosen designados membros da comisión negociadora, logo de aviso e xustificación poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración para participar en negociacións de futuros convenios ou nas sesións da comisión paritaria de interpretación, mediación arbitraxe e conciliación do convenio.

Capítulo X

Réxime disciplinario

Artigo 45º.-Faltas.

En materia de faltas e sancións aplicarase o réxime general establecido na lexislación laboral vixente, consideraranse as seguintes:

A) Faltas leves:

a) Tres faltas leves de puntualidade inxustificada no posto de traballo durante 30 días.

b) Unha falta inxustificada de asistencia durante o prazo de trece días.

c) Dar por concluída a clase con anterioridade á hora da súa terminación, sen causa xustificada, ata dúas veces en trinta días.

d) Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando falte ó traballo por causa xustificada, a menos que sexa evidente a imposibilidade de o facer.

e) Neglixencia na entrega de cualificacións nas datas acordadas en control de asistencia e disciplina dos alumnos.

B) Faltas graves:

a) Máis de tres e menos de dez faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de trinta días.

b) Máis dunha e menos de catro faltas inxustificadas de asistencia ó traballo nun prazo de trinta días.

c) O incumprimento das obrigacións educativas, de acordo coa lexislación vixente.

d) Discusións públicas con compañeiros de traballo no centro que os menosprecien ante os alumnos ou os seus familiares.

e) Faltar gravemente á persoa do alumno, ou dos seus familiares.

f) A reincidencia en falta leve nun prazo de sesenta días.

C) Faltas moi graves:

a) Máis de nove faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de trinta días.

b) Máis de tres faltas inxustificadas de asistencia ó traballo cometidas nun prazo de trinta días.

c) O abandono inxustificado e reiterado da función docente.

d) As faltas graves de respecto e os malos tratos, de palabra ou obra, a calquera membro da comunidade educativa do centro.

e) O grave incumprimento das obrigacións educativas, de acordo coa lexislación vixente.

f) A reincidencia en falta grave, se se cometese dentro dos meses seguintes a producirse a primeira infracción.

Artigo 46º.-Prescrición.

As infraccións cometidas polos traballadores prescribirán: as faltas leves, ós dez días; as graves, ós quince días, e as moi graves, ós cincuenta días, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de a cometer.

Artigo 47º.-Sancións.

A comisión das faltas polos traballadores é susceptible de ser sancionadaa da seguinte forma:

a) Por faltas leves: amoestación verbal e, se foran reiteradas, amoestación por escrito.

b) Por faltas graves: amoestación por escrito. Se existise reincidencia, suspensión de emprego e soldo de cinco a quince días, con constancia no expediente persoal.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a trinta días, apercibimento de despedimento que poderá ir acompañado á suspensión de emprego e soldo ou despedimento.

Tódalas sancións serán comunicadas por escrito ó traballador, indicando a data e feito que a motivaron. Remitirase copia dela ós delegados de personal, membros do comité de empresa ou delegado sindical.

A non comisión de faltas leves durante seis meses, e de graves durante un ano, determinará a cancelación das análogas que puideran constar no expediente persoal.

Artigo 48º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse, como dereito ad personam, aquelas condicións que viñesen gozando e que, no seu conxunto e se é o caso, en cómputo anual, sexan máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 49º

O cambio de titularidade da empresa implicará a permanencia dos dereitos tipificados no presente convenio para os traballadores, de acordo co artigo 44 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 50º.-Promoción e formación profesional.

O traballador terá dereito:

a) Ó goce dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como unha preferencia a elixir quenda de traballo se tal é o réxime instaurado na empresa, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou á concesión de permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

ANEXO

Táboa salarial

Categoría laboralSalario 2002Trienios

Profesor titular3.637.920 ptas.5.530 ptas.

Profesor titular-25 horas2.674.941 ptas.4.419 ptas.

Profesor auxiliar3.274.128 ptas.5.110 ptas.

Profesor auxiliar-25 horas2.407.448 ptas.4.195 ptas.

Oficial administrativo2.425.280 ptas.4.987 ptas.

Auxiliar administrativo2.244.000 ptas. 4.987 ptas.

Conserxe2.315.040 ptas.4.987 ptas.

Complementos para categorías funcionais:

-Vicedirector: 500.000 ptas.-Xefe de estudios: 500.000 ptas.-Xefe de departamento: 500.000 ptas.-Secretario: 500.000 ptas.