Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 129/2002, do 22 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Sandiás (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do camiño veciñal número 1, Sandiás-Ponte Liñares.

O Concello de Sandiás, en sesión que tivo lugar o día cinco de xuño de dous mil un, aprobou o proxecto de acondicionamento do camiño veciñal número 1, Sandiás-Ponte Liñares, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o día trece de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezanove de xuño de dous mil un.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello a urxencia vén dada pola necesidade de mellora-la seguridade vial e a protección de peóns ante o aumento do tráfico rodado, xa que a estrada que se pretende mellorar soporta unha grande intensidade de tráfico rodado por ser vía de acceso ós pobos de Couso de Limia e Vilariño das Poldras, así como ós municipios limítrofes de Vilar de Santos e Rairiz de Veiga; por outra banda pola citada estrada transitan moitos veciños por concentrarse nesta zona numerosas vivendas e parcelas que explotan os veciños de Sandiás.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Sandiás (Ourense), a efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do camiño veciñal número 1, Sandiás-Ponte Liñares.

Sobrado dos Monxes, vintedous de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais