Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.045

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 128/2002, do 14 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura e urbanización de vía.

O Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), en sesión do día vinteseis de abril de dous mil un, aprobou o proxecto de apertura e urbanización de vía, e na sesión do once de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Vila de Cruces foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día un de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catro de febreiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello con esta vía trátase

de desconxestiona-la trama viaria urbana, permeabilizando e favorecendo a conexión cos camiños e estradas tanxenciais, así como artella-lo tráfico do núcleo urbano do municipio; por outra banda, con este proxecto dótase dos servicios necesarios de iluminación pública, saneamento e abastecemento domiciliario de auga potable ás edificacións lindantes, que non dispoñen dela o que podería chegar a compromete-la salubridade pública.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura e urbanización de vía.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais