Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.039

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se convocan as derradeiras probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar para maiores de 16 anos e se dictan instruccións para a súa realización.

O Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do

14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, dispón no seu artigo único, punto 5º, que en aplicación do establecido na disposición adicional cuarta, 1, da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, durante os cinco anos seguintes á extinción do oitavo curso da educación xeral básica se continuarán convocando probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar nos termos previstos no artigo 52.3º da mencionada Lei orgánica 1/1990.

A Orde do 27 de xaneiro de 1998 (DOG do 4 de marzo) modificada pola Orde do 24 de outubro de 2000 (DOG do 21 de novembro) ten por obxecto a regulación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar, que se convocarán tódolos anos ata o remate do curso 2001/2002.

Atribuída á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional capacidade para a elaboración, desenvolvemento e avaliación das probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar, de acordo co preceptuado na Orde do 27 de xaneiro de 1998 e na Orde do 24 de outubro de 2000 referidas anteriormente, esta dirección xeral resolveu:

Convoca-las derradeiras probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar no ano 2002 conforme se indica nos epígrafes seguintes:

I. Condicións dos aspirantes.

I.1. Poderán realizar esta proba extraordinaria aqueles aspirantes que teñan cumpridos os 16 anos de idade con anterioridade ó 31 de decembro de 2001, é dicir, nados no ano 1985 ou anteriores, e que non estiveran escolarizados na educación secundaria obrigatoria no ano 2002.

I.2. Para a realización da proba os aspirantes acudirán provistos do DNI ou outro documento oficial suficiente para a identificación persoal. Así mesmo, poderán ir provistos do diccionario de lingua castelá, lingua galega e o da lingua estranxeira pola que optasen.

II. Matrícula.

II.1. A matrícula realizarase do 18 de abril ó 9 de maio inclusive para a convocatoria de xuño e do 1 ó 15 de xullo inclusive para a convocatoria de setembro. A solicitude axustarase ó modelo que figura no anexo I.

II.2. Para a convocatoria de xuño, a matrícula formalizarase no Servicio da Inspección Educativa das delegacións provinciais. Os directores dos centros públicos ou privados autorizados para impartir ensinanzas de adultos poderán presentar no Servicio da Inspección Educativa das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de matrícula dos alumnos inscritos no seu centro. As solicitudes de matrícula deberán presentarse nos prazos establecidos no punto anterior.

II.3. Para a convocatoria de setembro, os aspirantes matriculados na convocatoria de xuño que non aca

dasen a suficiencia para ser propostos para o título de graduado escolar quedarán matriculados para a convocatoria de setembro sen ter que presentar unha nova solicitude. O resto de aspirantes deberán realiza-la matrícula, nas datas establecidas, no Servicio da Inspección Educativa das delegacións provinciais.

III. Lugar de realización da proba.

Cada delegación provincial, no ámbito da súa competencia, designará a localización xeográfica dos centros onde se van realiza-las probas extraordinarias e as comisións de avaliación. Para designa-la localización xeográfica dos centros terase en conta o número de alumnos aspirantes matriculados, os alumnos procedentes de centros penitenciarios, os alumnos con dificultades especiais e outros aspectos significativos de acordo cos seguintes procesos:

1. Tendo en conta os informes do Servicio de Inspección Educativa, e á vista do número de alumnos matriculados, as delegacións provinciais determinarán o número de comisións avaliadoras, lugares de realización da proba e o nome e número de alumnos asignados a cada comisión. Unha vez establecidas as comisións, cada delegación provincial, antes do 31 de maio para a convocatoria de xuño e antes do 1 de agosto para a convocatoria de setembro, fará pública a relación de alumnos asignados a cada comisión facendo publicidade no taboleiro de anuncios e a través dos medios de comunicación.

2. Coa finalidade de proceder á autorización dos centros nos que se vai realiza-la proba, unha vez rematado o proceso de matrícula, as delegacións provinciais remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 22 de maio para a convocatoria de xuño e antes do 24 de xullo para a convocatoria de setembro, a relación dos centros nos que se van realiza-las probas extraordinarias, así como o número de aspirantes inscritos en cada un deles.

IV. Acreditación de avaliación continua.

1. Para dar cumprimento ó disposto no artigo 7, apartado 3º, da Orde do 27 de xaneiro de 1998 (DOG do 4 de marzo), os directores dos centros autorizados para impartir ensinanzas de preparación de probas para a obtención do título de graduado escolar, unha vez finalizado o proceso de ensinanza-aprendizaxe, emitirán un informe a modo de acta do seguimento dos alumnos aspirantes ás probas. Neste informe, segundo o modelo do anexo II, figurarán soamente aqueles alumnos matriculados no centro con anterioridade ó 30 de novembro de 2001 e remitirase á comisión avaliadora correspondente a cada alumno antes do 14 de xuño.

2. As comisións avaliadoras, unha vez realizada a avaliación da proba e á vista do informe de seguimento e avaliación continua emitido polos profesores autorizados, poderán propoñer para a expedición do título de graduado escolar aqueles aspirantes que sendo avaliados negativamente nalgunha das áreas

que configuran a presente proba extraordinaria, alcancen os obxectivos establecidos para a extinguida educación xeral básica. Neste caso, terán que pronunciarse tódolos membros da comisión de forma colexiada.

3. Os alumnos aspirantes que acrediten ter superada en centros autorizados algunha área ou áreas correspondentes ó oitavo curso da extinguida educación xeral básica para o que se utilizará o documento normalizado, anexo III, quedarán dispensados da realización da proba naquela área ou áreas avaliadas positivamente axustándose a cualificación ó punto VII desta resolución.

4. Os aspirantes que acrediten ter superada algunha área ou areas nas anteriores probas de madurez e probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar quedarán eximidos da realización da proba naquela área ou áreas avaliadas positivamente, axustando a cualificación ó punto VII desta resolución.

V. Contidos da proba.

V.1. As materias constitutivas da proba extraordinaria están agrupadas nas seguintes áreas:

-Matemáticas e ciencias da natureza.

-Ciencias sociais.

-Lingua castelá.

-Lingua estranxeira (francés ou inglés).

-Lingua galega.

V.2. Cada delegación provincial, o día anterior á data de realización das probas, enviará un funcionario acreditado para recolle-los protocolos de exames na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Unha vez recibidos distribuiranse, en presencia do delegado provincial e do xefe do Servicio Provincial de Inspección ou funcionarios nos que deleguen, procedendo ó empaquetado e lacrado dos distintos paquetes que serán entregados, no seu momento, ós presidentes das distintas comisións avaliadoras segundo o número de comisións que actúen na provincia.

V.3. As delegacións provinciais adoptarán tódalas medidas necesarias para que, en ningún caso, poida ser coñecido o contido da proba antes da súa realización.

VI. Data e normas de realización.

VI.1. As probas celebraranse os días 18 de xuño e 5 de setembro en sesións de mañá e tarde.

VI.2. A sesión da mañá, que comezará ás 9.30 horas, dedicarase íntegra ás áreas de matemáticas e ciencias da natureza, ciencias sociais e lingua estranxeira e terá unha duración de 4 horas.

VI.3. A sesión da tarde, que dará comezo ás 16 horas, comprenderá :

a) Lingua castelá:

a.1) Exercicio de redacción.

A comisión avaliadora elixirá un tema para propoñer ós aspirantes. O tema elixido debe ser pre

ferentemente dun contido de tipo social ou cultural e de ampla difusión local, rexional, nacional ou internacional.

Na valoración da redacción que realicen os aspirantes terase en conta a forma de estructura-los datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, a presentación do tema e o dominio da ortografía.

O tempo para a realización será dunha hora como máximo.

a.2) Cuestións de lingua castelá e literatura.

O tempo para a súa realización será dunha hora.

b) Lingua galega:

b.1) Exercicio de redacción:

Aterase ó disposto no punto a.1 para a lingua castelá.

O tempo para a súa realización será dunha hora.

b.2) Cuestións de lingua e literatura galegas:

O tempo para a súa realización será dunha hora.

VII. Puntuación e cualificación da proba.

VII.1. Puntuación.

Obterase da suma das puntuacións conseguidas na totalidade da proba. A cualificación global final outorgarase de acordo coa seguinte escala:

a) Área de matemáticas e c. da natureza.

Matemáticas: puntuación máxima 25 puntos.

Ciencias da natureza: puntuación máxima 10 puntos.

* Total máxima puntuación: 35 puntos.

b) Área de ciencias sociais.

Ciencias sociais: puntuación máxima 15 puntos.

c) Área de lingua castelá e literatura.

Redacción: puntuación máxima 15 puntos.

Cuestións de lingua castelá e literatura: puntuación máxima 15 puntos.

* Total máxima puntuación: 30 puntos.

d) Área de lingua estranxeira.

Lingua estranxeira: puntuación máxima 10 puntos.

e) Área de lingua e literatura galega.

Redacción: puntuación máxima 15 puntos.

Cuestións de lingua e literatura galega: puntuación máxima 15 puntos.

* Total máxima puntuación: 30 puntos.

VII.2. Cualificación da proba.

PuntuaciónCualificación

105 e máisSobresaliente

86 a 104Notable

73 a 85Ben

60 a 72Suficiente

Menos de 60Insuficiente

VII.3. Cualificación por áreas fundamentais.

Se a cualificación global da proba fose insuficiente, pero as puntuacións dalgunha ou dalgunhas das

áreas sinaladas conseguisen o nivel de puntuación mínima indicado no punto VII.4., esas áreas consideraranse superadas, debendo a comisión avaliadora emiti-la certificación correspondente e non sendo necesario ter que examinarse novamente da área ou áreas superadas en posteriores convocatorias.

VII.4. Puntuación mínima necesaria para superar unha área.

En matemáticas e ciencias da natureza, puntuación mínima de 17 puntos.

En ciencias sociais, puntuación mínima de 8 puntos.

En lingua castelá, puntuación mínima de 15 puntos.

En lingua estranxeira, puntuación mínima de 5 puntos.

En lingua galega, puntuación mínima de 15 puntos.

En todo caso, ó presentarse á proba para a obtención do título de graduado escolar, os aspirantes poderán acreditar, mediante certificación, as áreas superadas en anteriores convocatorias ou exentas (caso de lingua galega) que xa non serán obxecto de avaliación nesa convocatoria.

VIII. Comisións avaliadoras.

VIII.1. As comisións avaliadoras das probas extraordinarias, tal como se establece no artigo 6 punto 1º da Orde do 27 de xaneiro de 1998 (DOG do 4 de marzo), estarán constituídas por un inspector ou director de centro público designado polo delegado provincial de educación, como presidente, e cinco vocais, un por cada unha das áreas do currículo, un dos cales actuará como secretario, designados polo delegado provincial.

VIII.2. Os funcionarios que formen parte das comisións avaliadoras e deberán trasladarse da súa localidade de destino terán dereito ás indemnizacións establecidas legalmente.

VIII.3. Realizada a proba, os presidentes das comisións cubrirán a ficha estatística que se xunta como anexo IV e remitirana ó xefe do Servicio Provincial da Inspección Educativa, que de haber máis dunha comisión cubrirá a ficha estatística de resumo provincial, anexo V. As devanditas fichas enviaranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do próximo 29 de xuño e 28 de setembro para as respectivas convocatorias.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2002.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Delegados provinciais da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria.