Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 15 de abril de 2002 Páx. 4.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 5 de abril de 2002 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á forte dependencia que estas economías teñen, basicamente, da natureza e do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e isto determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para corrixi-las citadas fluctuacións económicas, e, se é o caso, evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo, así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben de redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que permitan voltar á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é un dos vierios para acada-los obxectivos sinalados, xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara ó consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e a capacidade para promover un turismo sustentable, circunstancia que obriga á busca dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existir unha serie de construccións cun grande valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e incluso antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados para un uso turístico dentro do denominado «turismo rural» pero, ante todo, deben de significar unha importante achega á calidade da oferta e consecuentemente ó desenvolvemento económico da zona. Por isto o acondicionamento destas construccións ten que realizarse a través de proxectos que afonden no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó mesmo tempo, respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo a autenticidade e a calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo coma do intervencionismo.

En consecuencia e con cargo ós créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade e seguindo as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade

Autónoma de Galicia e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 de dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural que pola súa conceptuación como actividade turística se considera incentivable ó abeiro do antedito Decreto 172/2001. Por todo o antedito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Poderá ser beneficiarios de subvencións para a creación de turismo rural, as persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

Ás ditas concesións, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, destínase un crédito dun importe de 2.254.883,41 A, distribuídos en 5 anualidades, a saber, no ano 2002, 902.048,86 A, no 2003, 302.643,86 A, no 2004, 231.142,19 A. no 2005, 422.587,67 A e no 2006, 396.460,83 A. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, haberá que aterse ó que dispoñen os artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios de 2002, 2003, 2004 e de 2005, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados,

nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecida no artigo 15 do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamento, restauración e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2º e 3º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do

7 de maio de 1996, nas modalidades de hospedería e residencia, dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o mobiliario nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar, así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá formular solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, no só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, ás do contorno afecto á propiedade do predio, debéndose respecta-las características peculiares do medio rural galego.

c) A superficie pechada destinada a cuartos (e os seus baños), non poderá ser maior que a destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación.

d) Comeza-la súa execución durante o ano 2002 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

e) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Inicia-la súa actividade turística provista da correspondente autorización de apertura da Administración turística, incluídos tódolos servicios determinados no proxecto presentado ó concurso de subvencións, no prazo máximo de 6 meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia.

4. Os establecementos clasificados na modalidade de residencia e que sexan beneficarios das axudas convocadas ó abeiro da presente orde comprométense a poñer o fronte do establecemento e de maneira permanente, unha persoa responsable á disposición dos clientes.

5. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística do establecemento que se cree ó abeiro da presente orde e mante-los durante un período de 5 anos.

6. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

7. A que en ningún caso o funcionamento do restaurante que se crea como complemento á actividade de turismo rural altere o fin último desta.

8. Someterse ás actuacións de comprobación que se van efectuar pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

9. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

10. Para reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Non ter acadado, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e términos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

11. A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

f) Os titulares dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terá que presenta-la propiedade do inmoble obxecto de subvención ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto de subvención, así como a explotación do establecemento, durante un período, non inferior a 20 anos, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso o título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun rexistro público. En calquera caso, o beneficiario da subvención presentará o pleno uso e goce do inmoble.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento do investimento subvencionable pero, en todo caso, a contía máxima da subvención calcularase, mediante a adición dos seguintes parámetros:

1º. Prazas ofertadas:

Grupo A: ós proxectos encadrados neste grupo, é dicir, pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, a subvención será de dez mil douscentos cincuenta (10.250) euros por praza de aloxamento ofertada ó público.

Grupo B: ós proxectos encadrados neste grupo, é dicir, «Casa de Aldea», seis mil cen (6.100) euros por praza de aloxamento ofertada ó público.

2º. Por creación dun establecemento de restaurante:

Grupo A: ós proxectos encadrados neste grupo, novecentos (900) euros por praza de aloxamento ofertada.

Grupo B: ós proxectos encadrados neste grupo, seiscentos (600) euros por praza de aloxamento ofertada.

3º. Por creación de emprego:

En ámbolos grupos, A ou B, á subvención engadiráselle seis mil cen (6.100) euros por cada posto de traballo que se cree indefinido que supere a por

centaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que a seguir se especifica, se presentarán, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención, é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Proxecto básico asinado por arquitecto, facendo consta-lo seu número de colexiado, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Referencia dos materiais e acabados propostos.

-Referencia dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Anexo III, asinado e debidamente formalizado.

i) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á comisión delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro procedéndose ó arquivo, sen máis trámite e logo de resolución, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de turismo, os xefes de servicio de fomento e promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de turismo rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º. A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras con elementos configuradores de producto turístico náutico o pola súa fisonomía tradicional mariñeira; o interese do espacio en relación a figuras de protección ambiental ou a declaración oficial como turístico do municipio.

2º. Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestructuras básicas e a oferta de servicios de utilización turística.

3º. O estado actual e as características da edificación conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º. Número de postos de trabajo que se van crear e o seu grao de estabilidade.

5º. As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

6º. A oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento.

7º. Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñocidos nos mercados, en particular, os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

8º. A relación entre a oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

9º. Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Gallego de Promoción Económica.

10º. A incidencia que nos recursos turísticos ten na área do investimento consonte a estudios e análise aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

11º. No estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mismos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará á directora xeral de Turismo os acordos adoptados por esta. Dos ditos acordos redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A resolución de concesión, determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2002, 2003, 2004, 2005 e 2006 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose ocaso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo

de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo IV. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitiranlle á antedita dirección xeral, a seguinte documentación, por duplicado exemplar:

a) Proxecto definitivo básico e de execución da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conforme o determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente deberá ser informado favorablemente, polo xefe do servicio de investimentos e supervisión técnico-turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Fotocopia compulsada de documento que acredite que o beneficiario da subvención é propietario do innmoble obxecto de rehabilitación e, no caso de existir propiedade pro-indivisa, deberase de achegar poder notarial dos copropietarios, outorgándolle representación ó sinalado beneficiario, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde. No caso de non presenta-la propiedade do inmoble que se vaia restaurar para turismo rural o beneficiario da subvención achegará fotocopia compulsada de calquera título válido en dereito, da disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto de subvención así como a explotación do establecemento, durante un período, non inferior a 20 anos, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso o título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun rexistro público. En calquera caso, o

beneficiario da subvención presentará o pleno uso e goce do inmoble.

c) Documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas nun epígrafe que posibilite a explotación da vivenda obxecto de subvención como establecemento de turismo rural consonte as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

d) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorrido o sinalado prazo dun mes e non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada pola directora xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderase incrementa-los importes das xa concedidas ó abeiro desta orde.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe desta se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase do 2002: 1 de novembro de 2002.

Fase do 2003: 30 de xuño de 2003, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2003.

Fase do 2004: 30 de xuño de 2004, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2004.

Fase do 2005: 30 de xuño de 2005, se o importe da subvención se imputou a catro anualidades. No caso de terse imputado a máis, 15 de outubro de 2005.

Fase do 2006: 30 de xuño de 2006.

Se a subvención somentes se imputou ó exercicio de 2002, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2002.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Estas modificacións deben de ser solicitadas, supervisadas tecnicamente e aprobadas previa a súa execución. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social.

3.4. Certificado explícito da dirección de obra de que as obras se están executando segundo o proxecto aprobado e que non exista modificación ningunha que non se tivera aprobada previamente.

3.5. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara. Poderase apraza-la presentación deste documento ata a derradeira solicitude de pagamento sempre e cando se teñan iniciados os trámites para a súa concesión.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos e obrigas ós que se fan referencia no artigo 3º.e) e no anexo III da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.7. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 30.050,60 A, cando se solicite o pagamento da anualidade do 2002 ou, se é o caso, do 2003, 2004 ou 2005, ademais da documentación indicada no epígrafe 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 16.dous do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir consonte o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderase condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, subsistan as mesmas circuntancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvención reguladas na presente orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nesta se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento os anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 60.101 A.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-discontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a comisión delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso posteriores ó 30 de xuño de 2006. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sétima.-Terán a consideración de beneficiarios de subvención as persoas físicas ou xurídicas que, sen ser propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, presenten, por calquera título válido en dereito, unha disposición do inmoble que permita realiza-lo investimento obxecto de subvención, así como a explotación do establecemento, durante un período, non inferior a 20 anos, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso, o título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública ou ben estar inscrito nun rexistro público. En calquera caso, o beneficiario da subvención presentará o pleno uso e goce do inmoble.

Oitava.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Novena.-Os establecementos de turismo rural que obtiveron subvencións con cargo ós programas orzamentarios 651A e 751A da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse recalificar, consonte as determinacións contidas Decreto 267/1999, do 30 de setembro, pola que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, como hoteis de natureza, montaña, rústico, monumentos ou en calquera outra especialidade hoteleira con base nas súas especiais características de localicación, tipo de edificación e servicios sen que isto supoña a perda da subvenión concedida, sempre e cando que coa solicitude de reclasificación se incorpore compromiso en escritura pública de mante-los compromisos adquiridos coa subvención no seu día concedida.

Podrán acollerse a esta posibilidade de reclasificación sempre e cando a súa resolución de concesión de subvención fose anterior ó 31 de decembro de 1999.

Décima.-Os expedientes de subvención formulados ó abeiro da orde desta consellería do 20 de decembro de 2000 (DOG nº 250, do 28 de decembro) pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural e que foron informados favorablemente pola comisión técnica, a que fai referencia á referida orde, na súa reunión do día 27-11-2001 serán considerados como beneficiarios de subvención logo do preceptivo trámite de fiscalización; considerarase como subvencionable a parte do investimento executado no ano 2001 e, para tales efectos, achegarase polos interesados, por requirimento da Dirección Xrral de Turismo, a documentación acreditativa de obra executada do dito ano.

Décimo primeira.-No caso de concesión de subvención que incluíse a creación de restaurante no establecemento de turismo rural éste rexerase pola Orde do 17 de marzo de 1965 (BOE nº 75, do 29 de marzo), pola que se aproba a ordenación turística de restaurantes non existindo a obriga de crear cociña independente á da propia casa cando tecnicamente se xustifique a non necesidade desta para os efectos de calidade do servicio.

Décimo segunda.-En todo caso, e para os efectos do cálculo do investimento subvencionable imputable á edificación, o orzamento de execución material non será superior para o grupo A a 410 euros/m e para o grupo B a 370 euros/m; a urbanización deberá de orzamentarse a parte e mediante relación valorada.

No caso de que se incorpore o expediente documento do técnico redactor do proxecto dabondo xustificativo dun maior custo/m imputable á edificación, a comisión técnica poderá, excepcionalmente, propor que o cálculo do investimento subvencionable/m sexa superior ó establecido no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social,

e Turismo

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE