Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2002 Páx. 4.840

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 20 de febreiro de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes Fonte Soutullo e outros e Costa de Feáns e outros da parroquia de San Martiño do concello do Grove.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

-Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

-Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

- Teodoro Arribas Serrano (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes da parroquia de San Martiño do concello do Grove:

-Xoan Xosé Torres Costas.

-Ramón Garrido Otero.

Vocais representantes da parroquia de San Vicente do concello do Grove:

-Calixto Escariz Vázquez.

-Servando Garrido Castro.

Vocais representantes da parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo:

-Antonio Touriño Rey.

-Guillermo García Otero.

Secretaria: Mª José León Gómez (xefa do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 8 de febreiro de 2002, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Riba das Vellas e outros da parroquia de San Martiño do concello do Grove.

Antecedentes de feito.

Primeiro.- Por Rafael Mourelos Rodiño, Xoán Xosé Torres Costas e Bernardino Filgueira Álvarez, solicitou en data 5-12-1996, a iniciación dos trámites para a clasificación como veciñais en man común dos montes Riba das Vellas e outros da parroquia de San Martiño do concello do Grove.

Segundo.-Con data de rexistro de entrada 30-9-1998 renúnciase á clasificación das parcelas nº 21 Robaleiras, nº 22 Río do Vilar, nº 25 Serpente leste, centro e oeste, nº 38 Campo dos Abrollos e nº 40 Capela da Lanzada.

Terceiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión do 12-4-2000, acordou inicia-los trámites para a clasificación, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais co obxecto de elabora-lo informe preceptivo.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, procedeuse á apertura do trámite de audiencia formulándose as alegacións que se consideraron oportunas e practicándose a proba declarada pertinente.

Quinto.-Por acordo do xurado na reunión celebrada o 29 de novembro de 2000, noméase instructor do expediente a Teodoro Arribas Serrano.

Sexto.-O instructor do expediente, Teodoro Arribas Serrano, expón a súa proposta, manifestando que os montes Riba das Vellas e outros dos que se solicita

a súa clasificación, se poden agrupar da seguinte forma:

Nome do monte: Fonte Soutullo e outros.

Formado polas parcelas: Fonte Soutullo, Río dos Lagos, Leste Gatiñeira, monte da Zapateira, monte da Garita, Ferreiras de Feáns, Outeiriño de Arriba, Paramiño e parte da Sur Gatiñeira. Neste monte atópanse as instalacións do centro de interpretación da natureza da Siradella de acordo coa cesión que o concello do Grove fixo á Consellería de Agricultura, hoxe Consellería de Medio Ambiente.

Cabida: 90 ha, aproximadamente.

Lindes:

Norte: predios particulares, muro por medio e estrada O Grove-Alto da Siradella.

Sur: límite parroquial con San Vicente do Grove e estrada a San Vicente.

Leste: estrada Pontevedra-O Grove, predios particulares muro por medio e camiño a Con do Loureiro.

Oeste: límite parroquial de San Vicente do Grove, estrada O Grove-Reboredo, predios particulares, muro por medio e estrada O Grove-Alto da Siradella.

Lindantes:

Norte: A Toxa, S.A., herdeiros irmáns Otero Goday.

Sur: monte clasificado da CMVMC de San Vicente do Grove.

Leste: herdeiros de Joaquín, Eloy Álvarez e outros, A Toxa, S.A., Pilar Romero Lorenzo e outros.

Oeste: Agustín Beltrán e Gabriel Bea, Ramón Rodal e Amancio Barral e MVMC de San Vicente do Grove.

Proponse a súa clasificación por terse demostrado, no curso do expediente, o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños da parroquia.

Nome do monte: Cruz de Feáns e outros.

Formado polas parcelas: Cruz de Feáns, monte de Paredes (excluída a superficie explanada onde se atopa a escola-taller do concello do Grove), Castro, Costa de Feáns, Costa do Xaniño, Con do Ouro, A de Flores, Da de Flores de Abaixo.

Cabida: 28 ha, aproximadamente.

Lindes:

Norte: predios particulares muro por medio.

Sur: predios particulares muro por medio, camiño e estrada Pontevedra-O Grove.

Leste: predios particulares muro por medio, antiga estrada Pontevedra-O Grove e escola taller do concello do Grove.

Oeste: predios particulares, muro por medio e camiño da Granxa.

Colindantes:

Norte: Antonio Fontoira e outros.

Sur: herdeiros de Eopoldo, Eduardo Vieira.

Leste: Jacobo Aguín Aguiño e outros, José Garrido.

Oeste: A Toxa, S.A., Eduardo Vieira e herdeiros de Pablo Domínguez e outros.

Propónse a súa clasificación por terse demostrado, no curso do expediente, o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños da parroquia.

Resto das parcelas das que se solicita a súa clasificación: denominadas Cova da Loba norte, Cova da Loba Sur e parte Da Sur, Riba das Vellas, Con da Cruz, Carracedo, Con do Zapato, Alleiriña, As Salgudas, A do Quinto ou Casteliño, Riba das Eiras, Norte da Granxa, Braña dos Muíños, Istmo da Lanzada, Con de Peroucho, Parcela Central da Toxa, norte e sur Ponte da Toxa, Louxo Pequeno, Sur Mourisca e Tourís Illa.

Proponse a non clasificación con base en:

-Con respecto ás parcelas Cova da Loba Norte, Cova da Loba Sur e parte Da Sur Gatiñeira por atoparse xa clasificadas a favor da CMVMC de San Vicente do Grove.

-Con respecto ás parcelas Riba das Vellas, Con da Cruz, Carracedo, Con do Zapato, Alleiriña, As Salgudas, A do Quinto ou Casteliño, Riba das Eiras, norte da Granxa, Braña dos Muíños, Istmo da Lanzada, Con de Peroucho, Parcela Central da Toxa, norte e sur Ponte da Toxa, Louxo Pequeno, sur Mourisca e Tourís Illa por non ter acreditado o aproveitamento veciñal en exclusividade polos veciños de San Martiño do Grove.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co recollido no artigo 1 da citada Lei 13/1989, do 10 de outubro, o feito que xustifica ou exclúe a clasificación como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse demostrado ou non o aproveitamento veciñal de feito do dito monte, reservándose á xurisdicción civil ordinaria os temas de dominio e demais dereitos reais sobre o monte.

Terceiro.-De acordo co establecido no artigo 12 da Lei 55/1980, de montes veciñais en man común, e no artigo 27 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practiquen en virtude de sentencia dictada en xuízo declarativo.

Cuarto.-En consideración ó exposto e de conformidade co establecido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades adminis

trativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de específica e xeral aplicación ó caso examinado, propón o instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

1. Clasificar como veciñais en man común a favor dos veciños da parroquia de San Martiño do concello do Grove os montes Fonte Soutullo e outros e Cruz de Feáns e outros por terse demostrado no curso do expediente o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas e reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa descrición, cabida e lindes sinalados no antecedente do feito sexto.

2. Non clasificar como veciñais en man común as parcelas seguintes: Cova da Loba Norte, Cova da Loba Sur e parte Da Sur, Riba das Vellas, Con da Cruz, Carracedo, Con do Zapato, Alleiriña, As Salgudas, A do Quinto ou Casteliño, Riba das Eiras, Norte da Granxa, Braña dos Muíños, Istmo da Lanzada, Con de Peroucho, Parcela Central da Toxa, norte e sur Ponte da Toxa, Louxo Pequeno, Sur Mourisca e Tourís Illa, polos seguintes motivos:

-Cova da Loba Norte, Cova da Loba Sur e parte Da Sur Gatiñeira por atoparse xa clasificadas a favor da CMVMC de San Vicente do Grove.

-Riba das Vellas, Con da Cruz, Carracedo, Con do Zapato, Alleiriña, As Salgudas, A do Quinto ou Casteliño, Riba das Eiras, Norte da Granxa, Braña dos Muíños, Istmo da Lanzada, Con de Peroucho, Parcela Central de A Toxa, norte e sur Ponte da Toxa, Louxo Pequeño, Sur Mourisca e Tourís Illa por non ter acreditado o aproveitamento veciñal en exclusividade polos veciños de San Martiño do Grove.

Os representantes da parroquia de San Martiño do concello do Grove expresan a súa desconformidade coa resolución adoptada manifestando a total diferencia, ó seu parecer, en canto ós lindes das parcelas das que se solicitou a súa clasificación en relación cos expostos, así como respecto dos lindes existentes nas resolucións de clasificación dos montes veciñais da parroquia de San Vicente do concello do Grove e da parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo, facendo consta-las múltiples denuncias efectuadas no curso da tramitación do expediente de que se trata.

Por parte dos representantes da comunidade veciñal da parroquia de Noalla do concello de Sanxenxo non se expresa desconformidade coa resolución adoptada. Así mesmo, os representantes da comunidade veciñal da parroquia de San Vicente do con

cello do Grove manifestan que historicamente son lindeiros con San Martiño e Noalla engadindo a súa conformidade coa resolución adoptada en canto á parroquia de San Martiño do Grove.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admnistracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de febreiro do 2002.

José Antonio López Rodríguez

Delegado provincial de Pontevedra

e presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra