Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2002 Páx. 4.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 14 de marzo de 2002 pola que se acorda a cesión da propiedade da embarcación, denominada Arao, pertencente á Consellería de Medio Ambiente a favor do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

O Real decreto 1945/2000, do 1 de decembro, aproba o estatuto do Consello Superior de Investigacións Científicas, configurándose no artigo 1 como un organismo público de investigación con carácter de organismo autónomo, con personalidade xurídica pública diferenciada, patrimonio e tesourería propios, así como autonomía de xestión e plena capacidade xurídica e de obrar.

O Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo pertencente ó Consello Superior de Investigacións Científicas vén utilizando a embarcación Arao, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, para os seus traballos de experimentación científica no mar.

A devandita embarcación prestou servicio anteriormente no Parque Natural das Illas Cíes, comprobándose que non era o barco máis axeitado para o traballo que hai que desenvolver nas illas. Por outra banda, a falta de persoal axeitado para o seu manexo (patrón de embarcación e mecánico) obrigou

a contratar un servicio de transporte que atende os traballos no parque natural sen darlle ningún uso á embarcación Arao.

A Consellería de Medio Ambiente tramitou o expediente de cesión de uso de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdase a cesión en propiedade e a favor do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, centro de investigación dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, dos bens mobles, adscritos a esta consellería, que seguidamente se relacionan:

Embarcación denominada Arao, coas seguintes caracterísiticas: propulsado por dos motores diesel de 56 CV, de Nissan; casco de acero de 9 TRB; construído en Astilleros Oceano S.A., de Vigo; nº

de construcción 8; eslora:12; manga: 3,4; puntal: 1,3; desprazamentos medios de 9 TM".

Artigo 2º.-A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse ó desenvolvemento da investigación científica e técnica e ó servicio da política científica e tecnolóxica do país, co obxecto de impulsar e contribuír ó desenvolvemento económico, social e cultural.

b) A cesión, en propiedade, outórgase con carácter definitivo, sen prexuízo do previsto nos parágrafos seguintes.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen para o fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens devolveranse á Consellería de Medio Ambiente, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioración que experimentasen.

d) A Consellería de Medio Ambiente poderá comproba-lo cumprimento das obrigas que leve implícitas a cesión, en virtude das facultades de control e vixilancia da cesión atribuídas no artigo 87 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e o presidente do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Medio Ambiente, a través da súa Delegación Provincial de Pontevedra realizará os trámites necesarios para a efectividade da presente orde.

Segunda-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente