Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2002 Páx. 4.798

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 32.1º establece que as persoas que non reúnan as condicións de titulación académica esixibles para acceder ós ciclos formativos poderán facelo trala superación dunha proba na que demostren te-la preparación suficiente para cursar con aproveitamento estas ensinanzas.

A Lei 55/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, veu a flexibiliza-los requisitos esixidos para o acceso a ciclos formativos de formación profesional de grao superior para os que estean en posesión do título de técnico, rebaixando a idade de acceso mediante proba a 18 anos para acceder a un ciclo superior da mesma

familia profesional, ou dunha familia afín que regulamentariamente se determine.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, establece os sistemas de acceso e admisión ós ciclos formativos e marca as liñas básicas que deben reuni-las probas de acceso a estes, determinando que serán reguladas polas administracións educativas.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais e as directrices sobre os seus títulos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 5.2º, que a proba de acceso ós ciclos formativos será convocada e regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Tendo en conta a experiencia acumulada ó longo dos cursos precedentes, procede regulamentar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o acceso mediante proba ós ciclos formativos de grao medio e de grao superior. Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

I. Disposicións de carácter xeral.

Primeiro.-Esta orde será de aplicación ós procesos de admisión de alumnado que desexe cursar ensinanzas de ciclos formativos pola vía de acceso mediante proba, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ó ano, unha proba para o acceso ós ciclos formativos que na comunidade se impartan. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo ós ciclos formativos.

Terceiro.-A inscrición para realiza-la proba farase na secretaría dos centros docentes públicos de educación secundaria nos que se impartan ensinanzas de formación profesional específica, nos prazos que se determinen na convocatoria.

Os modelos de solicitude para a inscrición nas probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e grao superior recóllense respectivamente nos anexos VI e VII desta orde.

Cuarto.-En cada convocatoria, as probas para o acceso a cada un dos ciclos formativos de formación profesional específica, xa sexa de grao medio ou grao superior, realizarana tódolos aspirantes nas mesmas datas e ás mesmas horas.

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporanlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional os centros públicos da provincia nos que se realizarán as probas.

Para atende-la demanda de colectivos específicos de traballadores que non reúnan as condicións académicas necesarias, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán solicitarlle a celebración de convocatorias especiais á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. A devandita solicitude será tramitada cunha antelación de polo menos 2 meses á data proposta de celebración.

Quinto.-As probas e os seus criterios de avaliación serán coordinadas pola Subdirección Xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

II. Desenvolvemento e avaliación das probas.

Sexto.

1. Do desenvolvemento das probas responsabilizaranse, en cada centro proposto, as comisións de realización de probas nomeadas polo delegado provincial por proposta da Inspección Educativa que estarán integradas cada unha delas por un presidente/a e alomenos dous vocais.

O/a presidente/a será un inspector/a ou director/a dun centro público.

Os vocais serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de educación secundaria e do corpo de profesores/as técnicos de formación profesional.

2. Da avaliación das probas responsabilizarase un tribunal único nomeado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e composto por un presidente, inspector ou director de centro, e un coordinador-corrector por cada área ou materia avaliable.

En cada área ou materia incorporaranse tantos correctores como se considere necesarios en función das características da proba e do número de persoas inscritas. Estes correctores terán carácter preferente para formar parte das comisións de realización de probas descritas no punto un deste artigo.

Ó tribunal avaliador poderán incorporarse os asesores necesarios para resolve-las exencións da proba específica dos ciclos formativos de grao superior pola correspondencia coa práctica laboral segundo o procedemento establecido no artigo duodécimo desta orde.

Este mesmo tribunal atenderá as reclamacións ás probas.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, este tribunal avaliador considérase incluído na categoría primeira.

Sétimo.-A cualificación da proba expresarase do seguinte xeito:

1. Ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica: a valoración de cada unha

das partes de que consta a proba expresarase mediante a cualificación de apto ou non apto. Para a superación da proba será necesario obte-la cualificación de apto en ámbalas dúas partes desta.

2. Ciclos formativos de grao superior: a valoración de cada unha das partes de que consta a proba expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acadar en cada unha das partes a cualificación mínima de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.

3. As actas serán remitidas polo tribunal único ós servicios provinciais de Inspección Educativa que procederán ó seu arquivo. Así mesmo unha copia autentificada remitirase a cada centro onde se realizou a proba, segundo o anexo I, para o coñecemento dos interesados, arquivo e emisión das certificacións correspondentes.

Oitavo.-A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que se realizou, segundo o modelo que figura nos anexos II e III desta orde, indicando, se é o caso, os ciclos formativos de grao superior ós que pode acceder. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na Secretaría do centro no que realizou a proba.

Tal como se establece no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, a certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e as ensinanzas correspondentes ó ciclo formativo.

III. Requisitos de admisión ás probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional específica.

Noveno.-Para poder concorrer á proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio, deberase ter cumpridos 18 anos de idade ou cumprilos no ano en que se realicen as probas.

Así mesmo, poderán concorrer a esta proba, sen o requisito de idade, aquelas persoas que teñan superado un programa de garantía social.

Décimo.-Para poder concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao superior será preciso ter cumpridos 20 anos ou cumprilos no ano de realización da proba.

Para aqueles que acrediten estar en posesión do título de técnico e desexen acceder a un ciclo formativo de grao superior da mesma familia profesional ou dunha familia afín que regulamentariamente se determine, o requisito de idade para a realización da proba rebaixarase a 18 anos ou cumprilos no ano da realización da proba.

IV. Requisitos das probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica.

Undécimo.-A ciclos formativos de grao medio:

O contido da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio tomará como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria e valorará os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudios. Esta proba constará de dúas partes:

1º. Parte de contidos de tipo sociocultural.

2º. Parte de contidos de carácter científico-tecnolóxico.

As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba de acceso ós ciclos formativos, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle ó tribunal avaliador que se indica no epígrafe sexto punto dous desta orde; a persoa que a solicita xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada. Unha copia da resolución (anexo IV) deberá incorporarse ó expediente académico do alumno.

Duodécimo.-A ciclos formativos de grao superior:

Os contidos da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior adecuaranse ós currículos das correspondentes modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. A citada proba constará de dúas partes:

a) Parte xeral.

b) Parte específica.

A parte xeral acreditará a madurez en relación cos obxectivos do bacharelato. As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos poderán quedar exentas de realizar esta parte da proba, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

A resolución sobre a exención da parte xeral correspóndelle ó tribunal avaliador que se indica no epígrafe sexto punto dous desta orde; a persoa que a solicita xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada.

A parte específica avaliará as capacidades respecto ó campo profesional correspondente ó ciclo formativo que se pretende acceder. Desta última parte da proba poderán quedar exentas as persoas que

acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudios que pretende cursar. A solicitude de exención da parte específica deberá formularse no momento da inscrición e irá acompañada da seguinte documentación:

-Certificación da empresa na que se fagan constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada, relacionadas co campo profesional que se corresponde cos estudios que pretende cursar, e número de horas dedicadas a elas. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades económicas e xustificantes de pagamento desta.

-Certificación da Tesourería da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral na que estivese afiliada onde conste a empresa e o período de contratación.

As solicitudes de exención da parte específica serán resoltas polo tribunal avaliador que se indica no epígrafe sexto punto dous desta orde. Unha copia da resolución (anexo V) deberá incorporarse ó expediente académico do alumno/a.

No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54 a, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común) e contra ela poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante o director/a Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 de modificacións da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 25 de abril de 2000, pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño e todas aquelas disposicións de igual o inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional