Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2002 Páx. 4.773

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 28 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se notifica a resolución do expediente de dilixencias previas 177/2001 a IPR. Promociones, S.L.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, tramitou expediente de dilixencias previas, seguido en virtude de denuncia formulada por Esperanza Casar Aceiro, contra a promotora inmobiliaria IPR. Promociones, S.L., finalizando este trámite con resolución do expediente de dilixencias previas 177/2001.

O citado acordo é do seguinte teor:

Resolución expediente dilixencias previas 177/2001.

Vista a denuncia presentada por Esperanza Casar Aceiro como propietaria da vivenda 3ºC da casa nº 119, da rúa Dr. Casares de Monforte de Lemos contra a entidade mercantil IPR. Promociones, S.L., e despois das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes feitos:

Primeiro.-Que con data 25 de setembro de 2001, Rexistro de Entrada do 27 do mesmo mes e ano, foi presentada por Esperanza Casar Aceiro denuncia diante desta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, na que sucintamente se recollía o seguinte:

«Que no portal do edificio nº 119 da rúa Dr. Casares de Monforte de Lemos existe unha porta de acceso ó edificio nº 117 da mesma rúa, permitindo a tódolos propietarios dos distintos pisos do edificio nº 117 acceder ás súas respectivas vivendas a través do portal do edificio nº 119, como se se tratase dun portal para ámbalas edificacións, sendo aberta a dita porta polo constructor do edificio nº 117.

Estas actuacións supoñen a vulneración dos estatutos da comunidade de propietarios reflectidos na escritura de obra nova e división horizontal, sen que exista documento ningún posterior que permita ou ampare esta situación».

Segundo.-Que a cualificación definitiva outorgada por esta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo é de 13 de xaneiro de 1993, correspondéndose a mesma ó proxecto elaborado polo promotor IPR. Promociones, S.L. para a edificación da vivenda 119-121 da rúa Dr. Casares de Monforte de Lemos.

Terceiro.-Que con data 22 de decembro de 1992, produciuse rectificación da orixinaria escritura de división horizontal, segundo consta en documento público correspondente ó protocolo 1343 do notario de Monforte de Lemos, Bruno Otero Alfonso.

Cuarto.-Que posteriormente e mediante escritura de data 17 de xuño de 1993, protocolo nº 587 do notario de Monforte de Lemos, Bruno Otero Alfonso, produciuse nova rectificación da orixinaria escritura de división horizontal, promovida pola comunidade de propietarios da casa nº 119-121 da rúa Dr. Casares de Monforte de Lemos, figurando, entre outros, como subscribente do dito documento, a denunciante Esperanza Casar Aceiro, sendo o seu contido do seguinte teor:

«II. Que na escritura de declaración de obra nova e división horizontal autorizada o día dous de xullo de mil novecentos noventa e un, polo notario con residencia en Monforte de Lemos, provincia de Lugo, José Antonio de la Cruz Calderón, baixo o número 661 de protocolo, posteriormente rectificada por outras escrituras, omitiuse dicir por erro involuntario que o anteportal do mencionado edificio (numero 119-121 da rúa Dr. Casares desta cidade) era elemento común do dito edificio e ademais do edificio estremeiro pola esquerda, sinalado co número 117, e que a partir do citado anteportal e a través de cadansúa porta se entra nos ditos edificios.

III. Como consecuencia do anterior engádese un novo parágrafo ó artigo 8 dos estatutos polos que se regula a comunidade do edificio, co seguinte contido:

Os gastos do anteportal por ser elemento común deste edificio e do estremeiro pola esquerda, número 117, serán satisfeitas a partes iguais polos dous edificios consonte as normas establecidas neste artigo e no artigo 6 destes estatutos».

Fundamentos de dereitos.

1. É competente para a resolución destas dilixencias previas o delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a teor do disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.

2. Á vista da rectificación producida pola comunidade de propietarios no réxime de propiedade horizontal que orixinalmente rexía o funcionamento e réxime administrativo da casa nº 119-121 da rúa Dr. Casares de Monforte de Lemos, constituíndo voluntariamente unha servidume de paso sobre o portal da dita casa para dar servicio ó edificio nº 117 da mesma rúa e lugar, actuación recollida en documento público outorgado, entre outro, pola denunciante, e que recolle no relato fáctico baixo o nº 3 precedente, entendendo que corresponde á xurisdicción ordinaria entender sobre a cuestión debatida polo que, procede conforme o disposto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto (Regulamento de procedemento para o exercicio da facultade sancionadora), e disposicións concordantes, o sobresemento das actuacións e o arquivo delas.

Por todo elo acorda decreta-lo sobresemento das actuacións e o arquivo delas.

Contra o presente acordo poderá interpoñerse recurso de alzada diante do conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado desde a notificación desta resolución.

Lugo, 20 de febreiro de 2002.

Antonio Boné Pina

Delegado provincial de Lugo