Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2002 Páx. 4.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2002 pola que se convocan tres cursos e unha xornada de formación en materia de consumo.

No uso das atribucións outorgadas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, os cursos e xornadas indicados no anexo I da presente resolución, que se desenvolverán de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos e xornadas deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que correspondan, a instancia que, como modelo, se recolle no anexo II desta resolución.

2. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso que se solicita, así como á imposibilidade de participar en ningún curso no ano seguinte.

3. O prazo de presentación de instancias será de dez días contados desde o seguinte ó da publicación da presente resolución.

4. As solicitudes de admisión ó curso axustaranse ó modelo recollido no anexo II desta resolución e dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela. As instancias presentaranse no rexistro da EGAP, pero poderanse utilizar, así mesmo, os sistemas previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada actividade do referido anexo I.

Terceira.-Selección.

1. Os criterios selectivos que se utilizarán serán os recollidos no anexo I para cada unha das actividades programadas.

2. As relacións de seleccionados para participar nos cursos publicaranse nos taboleiros de anuncios da EGAP e do Centro de Información Administrativa

e Atención ó Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Cuarta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselle certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nas actividades programadas. É obrigatoria a asistencia e a puntualidade a tódalas sesións previstas dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, se ben a falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá a expedición das correspondentes certificacións de participación e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Quinta.-Modificacións.

1. A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento das actividades anunciadas co fin de adaptalas ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspende-la realización do curso de que se trate, utilizando para estes efectos os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

Curso de Información e etiquetado de productos.

1. Obxectivos.

Actualiza-los coñecementos sobre a etiquetaxe de productos alimenticios e a información que deben conter, segundo as normativas actuais. Analiza-la normativa de etiquetaxe de productos industriais e de preparados perigosos.

2. Destinatarios.

Persoal do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de Información ó Consumidor.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 16 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (EGAP).

3.3. Datas: 29 e 30 de abril de 2002.

3.4. Horario: de mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 30.

4. Contido.

Etiquetaxe de productos industriais: normativa xeral de etiquetaxe. Normas específicas nos sectores: téxtil, calzado e electrodomésticos. Etiquetaxe dos productos alimenticios: normativa xeral e normativas específicas de vacún, peixe e conservas.

Curso: de mediación en consumo.

1. Obxectivos.

Desenvolver habilidades negociadoras entre o persoal receptor das reclamacións de consumo, co fin de promove-lo ánimo de acordo e contribuír á resolución das situacións conflictivas.

2. Destinatarios.

Persoal do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de Información ó Consumidor.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 20 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (EGAP).

3.3. Datas de realización: 11, 12 e 13 de xuño de 2002.

3.4. Horario: mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 25.

4. Contido.

A comunicación. Introducción á mediación. Definición de problemas. O perfil do mediador. Estructura da mediación. A negociación. O acordo do proceso de mediación.

Curso: formación de árbitros.

1. Obxectivos.

Proporcionarlles ós destinatarios coñecementos técnicos e xurídicos e habilidades que favorezan o desenvolvemento do labor arbitral de consumo.

2. Destinatarios.

Árbitros dos distintos colexios arbitrais de Galicia ou persoas que poidan actuar como árbitros.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 8 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (EGAP).

3.3. Datas de realización: 1ª quincena de novembro de 2002.

3.4. Horario: mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 25.

4. Contido.

A mediación e a conciliación como alternativas á arbitraxe de consumo ou como partes do mesmo proceso. A actuación arbitral: abstención e recusación. O procedemento arbitral: o laudo, a proba. Dificultades na práctica da proba no procedemento arbitral. A execución forzosa e a anulación. Problemas que se van resolver.

Xornadas de formación en consumo para xornalistas.

1. Obxectivos.

Analiza-las informacións que sobre o consumo aparecen nos distintos medios de comunicación e, en especial, os elementos da deontoloxía profesional no eido do xornalismo de consumo e os problemas ligados á seguridade e saúde dos consumidores.

2. Destinatarios.

Xornalistas dos distintos medios de comunicación galegos.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 16 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela (EGAP).

3.3. Datas: novembro de 2002.

3.4. Horario: mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 50.

4. Contido.

Medios de comunicación de masas en España: evolución. Relación entre sociedade e medios de comunicación. Marco xurídico: o suxeito pasivo. A ética no ámbito do consumo. Elementos de deontoloxía profesional no campo do xornalismo de consumo e os problemas ligados á seguridade e saúde dos consumidores. Hábitos e formas de consumo dos usuarios dos medios de comunicación. Conclusións e estratexias de futuro.