Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2002 Páx. 4.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hixitel (limpeza e recolla do lixo no porto do Berbés en Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Hixitel (limpeza e recolla do lixo no porto do Berbés en Vigo), con nº de código 3603512, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-2-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data do 7-1-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de febreiro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para o persoal dos servicios de limpeza e recolla do lixo do porto pesqueiro de Vigo. Ano 2002-2003

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos/as traballadores/as do servicio de limpeza e recolla do lixo no porto pesqueiro de Vigo (O Berbés), que a empresa Hixitel, actual contratista, ou a empresa que a poida substituír ten concertado coa Autoridade Portuaria de Vigo.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

1. A duración do convenio será de dous anos e estenderase desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2003.

2. Sen embargo, seguirase aplicando ata a sinatura do novo convenio que o substitúa.

3. O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura. As condicións económicas terán a súa vixencia a partir do 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 3º.-Denuncia.

O presente convenio considerarase automaticamente denunciado unha vez rematada a vixencia prevista no artigo anterior, sen necesidade de ningún aviso previo.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódolas condicións económicas ou de calquera índole contidas no presente convenio, teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas por anteriores adxudicatarios, que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores verbo do presente convenio, subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poidan interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse a mellora económica que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

1. As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza ou orixe.

2. Os aumentos de retribucións que puideran producirse no futuro por disposicións legais só serán aplicables cando considerados globalmente e en cómputo anual, superen ós aquí pactados. No caso contrario, seran compensados e absorbidos manténdose o presente convenio nos seus propios termos.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

1. No prazo máximo de 10 días a partir da sinatura do convenio, constituirase unha comisión mixta de interpretación e vixilancia do convenio.

2. Estará formada por representantes da parte económica e da parte social, pertencentes ó comité de empresa, ós delegados de persoal. Ámbalas dúas partes poderán contar con asesores.

3. Reuniranse por instancia da parte, cantas veces sexa necesario, debendo celebra-la reunión dentro das 48 horas seguintes á convocatoria.

4. As súas funcións serán as seguintes:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio.

b) Vixilancia e cumprimento do pactado.

c) Estudio e valoración de novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio que poidan afecta-lo seu contido.

d) Cantas outras actividades tendan á eficaz práctica do convenio e a unha maior solución interna dos conflictos.

5. As reunións da comisión mixta paritaria, cando sexan convocadas pola parte empresarial, o día correrá a cargo da empresa, e cando sexan convocadas pola parte social será o 50%, é dicir, o día investido nunha reunión correrá a cargo da parte social e a próxima a cargo da empresa. Despois de cada negociación dun convenio colectivo, as catro primeiras reunións desta comisión serán por conta da empresa.

Artigo 7º.-Interpretación e aplicación do convenio.

1. Ámbalas partes conveñen que calquera dúbida ou diverxencia que poida xurdir sobre a interpretación ou aplicación deste convenio, sexa sometida, antes de establecer reclamación ante os órganos competentes, a informe da comisión mixta paritaria.

2. A comisión mixta paritaria deberá emiti-lo seu informe nun prazo máximo de 48 horas, a partir do día seguinte a aquel no que fora solicitado.

3. As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstruirán en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa previsto na lei.

Capítulo II

Condicións económicas

Artigo 8º.-Condicións económicas.

1. As condicións económicas serán as que para cada categoría se establecen na táboa salarial anexa, de acordo cos artigos seguintes.

2. O pagamento da nómina mensual efectuarase o último día hábil de cada mes. Cando coincida en festivo ou en sábado efectuarase o día anterior. A entrega da nómina será o día anterior ó pagamento.

3. O traballador/a, logo de notificación á empresa dun mes, poderá elixir calquera entidade bancaria para o ingreso da súa nómina, achegando, xunto coa solicitude, os datos relativos á súa conta bancaria.

Artigo 9º.-Salario base.

O salario base do persoal afecto a este convenio será o que para categoría se establece na táboa salarial anexa. O salario base devengarase por día natural.

Artigo 10º.-Antigüidade.

1. O complemento de antigüidade consistirá en trienios do 5%.

2. A antigüidade aboarase o primeiro mes do ano que se cumpra o trienio.

Artigo 11º.-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

1. O persoal afecto a este convenio percibirá un complemento do posto de traballo denominado complemento tóxico, penoso e perigoso sendo o seu importe para o ano 2002 de 100,38 euros (16.702 pesetas) por once meses, o 30% do salario base de cada categoría para o ano 2003 polos once meses.

2. Quedan exceptuados da percepción deste complemento os postos de traballo desempeñados por empregados técnicos-administrativos.

3. Este complemento aboarase por día efectivamente traballado.

4. Por cada día de ausencia ó traballo descontaranse 3,35 euros (556,73 pesetas).

Artigo 12º.-Complemento de transporte.

Os/as traballadores/as afectados/as por este convenio percibirán en concepto de complemento de transporte no ano 2002 a cantidade de 66,71 euros

(11.100 pesetas) mensuais, efectuándose o seu devengo en 12 pagas.

Para o ano 2003 percibiranse en concepto de complemento de transporte o IPC real do ano 2002.

O complemento de transporte aboarase a pro rata do tempo traballado, non tendo este concepto a consideración de salario para ningún efecto, polo cal non se computará para o cálculo de antigüidade, gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc. e tampouco se percibirá cando se atope en situación de incapacidade temporal, queda mesmamente exento de cotización á seguridade social. Por cada día de ausencia ó traballo descontaranse 2,22 euros (370 pesetas).

Artigo 13º.-Complemento de nocturnidade.

1. Os/as traballadores/as que realicen a súa xornada entre as 22 e as 6 horas percibirán un complemento de nocturnidade, consistente no 35% do salario base de cada categoría. O dito importe incrementarase fóra da masa salarial.

2. Este complemento aboarase por día efectivamente traballado en xornada nocturna.

Artigo 14º.-Pagas extraordinarias.

1. As pagas extraordinarias de verán, Nadal e beneficios aboaranse, cada unha, a razón de 30 días de salario base máis antigüidade.

2. As pagas de verán e de Nadal devengaranse anualmente a pro rata do tempo traballado. Aboaranse os días 15 dos meses de xullo e de decembro, respectivamente.

3. A paga extraordinaria de beneficios devengarase do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, e aboarase o día 15 de marzo do ano seguinte ó seu devengo.

4. As pagas extraordinarias percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador estivese en situación de IT durante o período de seu devengo.

Artigo 15º.-Festivos traballados.

1. Cando un traballador/a teña que traballar un domingo ou un festivo estes serán abonados na contía de 6,01 euros (1.000 pesetas) a hora para tódalas categorías, concedendo a empresa ademais un día de descanso que se aboará como día efectivamente traballado.

Artigo 16º.-Axudas de custo.

Os/as traballadores/as que por razóns de prestación de servicio sexan desprazados a lugares de traballo sitos fóra do municipio da súa residencia e que non teñan a condición de traslado do artigo 40 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á indemnización polos gastos orixinados que recibirá o nome de axudas de custo, devengando media axuda de custo cando o traballador deba realizar unha comida; axuda de custo completa, cando deba realizar dúas comidas, e axuda de custo completa con pernoitación cando deba efectuar dúas comidas e pernoitar fóra do domicilio do traballador.

A contía das axudas de custo será a seguinte:

Ano 2002:

a) Media axuda de custo: 12,59 euros (2.095 pesetas) día.

b) Axuda de custo completa: 22,37 euros (3.722 pesetas) día.

c) Axuda de custo con pernoitación: 37,29 euros (6.205 pesetas) día.

No ano 2003 aplicarase o aumento pactado, IPC real do ano 2002.

Artigo 17º.-Incrementos salariais.

1. Para o ano 2002 os salario será o recollido na táboa salarial anexa, para o ano 2003 incrementaranse as táboas salariais do ano 2002, no IPC real, correspondente ó 2002, distribuíndose este incremento linealmente entre tódalas categorías.

Artigo 18º.-Anticipos.

O persoal que o solicite terá dereito a percibir un anticipo a conta do traballo realizado durante a mensualidade na que o solicita, por un importe máximo ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos concederanse o día 15 de cada mes solicitándoos con alomenos 24 horas de antelación.

Capítulo III

Condicións de traballo

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

1. Establécese unha xornada semanal para o ano 2002 de 38 horas e 30 minutos e para o ano 2003 de 38 horas a semana, incluídos 30 minutos para o bocadillo.

2. A xornada de traballo dos servicios de recolla e limpeza, distribuiranse de luns a sábado.

3. Nos días de Sábado Santo, 24 e 31 de decembro non se realizarán os servicios de recolla do lixo e limpeza. Aboaranse como días efectivamente traballados.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se disfrutarán entre os meses de xuño a setembro, ámbolos dous inclusive. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable que non sexa nin sábado, domingo, festivo ou día de descanso.

En cada empresa elaboraranse as quendas correspondentes. Para a elección de quenda por parte dos traballadores/as, seguirase en cada empresa unha orde rotativa de preferencia, de tal maneira que quen tivo preferencia de elección de quenda o ano anterior, é o último á hora de elixir quenda no ano seguinte.

O aboamento destas farase en función do salario base do convenio, antigüidade, complemento de transporte.

Os traballadores/as que con anterioridade ó período vacacional se encontren en situación de IT, terán

dereito ó seu desfrute sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.

Artigo 21º.-Permisos e licencias.

Logo de solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio ou unión de feito do traballador/a: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parente que convivan co traballador/a: 1 día natural.

c) Parto de esposa: 5 días laborais.

d) Falecemento, enfermidade grave, accidente e hospitalización:

-Do cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días laborais.

-Pais, pais políticos e fillos: 3 días naturais.

-Irmáns e parentes ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houber convivencia, a licencia sería de 5 días laborais. O mesmo ocorrería se o falecemento, accidente e hospitalización dos parentes anteriores se producise fóra da localidade.

e) Falecemento de tío: 1 día natural. Se houber convivencia entre o traballador/a e o falecido, a licencia sería de 2 días naturais.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborais.

g) Os/as traballadores/as que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído de ata seis días ó ano para concorrer a exames, logo de comunicación do traballador/a á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

h) As traballadoras por lactación dun fillo menor dun ano, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso da lactación e da reducción de xornada, corresponderá ó traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador/a deberá avisar ó empresario con 15 días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute previstos serán resoltos pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional

do salario entre, alomenos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e que non desenvolva actividade retribuída.

A reducción de xornada completada no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores/as, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

i) Igualmente o traballador/a, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer de 1 a 5 días de licencia que se desfrutará, durante o ano, non retribuídas pola empresa.

k) Todo traballador/a que unha vez iniciada a súa xornada de traballo, e que no transcurso dela se sentise enfermo, ou recibise notificación, de accidente ou enfermidade grave dalgún familiar ata segundo grao, e tivese que abandoa-lo seu posto de traballo, con posterior xustificación médica, percibirá o importe total da dita xornada, sempre que traballase media. No casos de licencia, esta comezará a cumprirse a partir do día seguinte.

A referencia que nos puntos anteriores se fai ó cónxuxe, entenderanse feitos, así mesmo, á compañeira/o que de xeito estable e en situación de feito asimilable ó matrimonio, conviva co traballador/a, logo de certificación de convivencia que acredite a dita situación.

Artigo 22º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera ó traballador/a tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que prestan os seus servicios os/as traballadores/as, estes disporán do tempo necesario.

O/a traballador/a que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente á empresa, a cal porá á disposición do traballador/a o xustificante correspondente, que deberá devolverlle á empresa unha vez cuberto polo médico.

Para a súa asistencia á consulta do especialista, os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario logo de presentación do volante do médico de cabeceira. Ademais terán dereito a un día de asistencia ó especialista fóra da localidade.

Así mesmo, terán dereito a 3 horas retribuídas para asistir a consultorio médico con fillos menores de 14 anos ou parentes minusválidos físicos ou psíquicos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario do seu cónxuxe ou compañeiro ou compañeira. Os procesos de rehabilitación non terán a

consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.

Artigo 23º.-Póliza de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio colectivo subscribirán pólizas de seguro colectivo de accidentes de traballo en favor de tódolos/as traballadores/as que teñan máis de media xornada e daqueles que, calquera que sexa a súa xornada, realicen tarefas dun certo risco.

O resto dos/as traballadores/as tamén estarán incluídos na mencionada póliza, se ben, neste caso os capitais asegurados que se indican, reduciranse á metade.

O dito seguro cubrirá, con carácter xeral, as seguintes garantías mínimas:

-Morte ou invalidez total: 2.250.000 pesetas.

-Invalidez absoluta ou grande invalidez: 2.750.000 pesetas.

As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itinere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós/ás traballadores/as en virtude de lexislación laboral vixente.

Artigo 24º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT derivada de accidente laboral, tanto o acaecido no centro de traballo como o accidente in itinere, a empresa estará obrigada a completa-la prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario base do convenio máis a antigüidade e mailo complemento de asistencia, desde o primeiro día da baixa.

Por outra banda, nos supostos de IT, calquera que fose a súa causa, que motiven a hospitalización do traballador, as empresas completarán durante a hospitalización a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario convenio máis a antigüidade e complemento de asistencia, se é o caso. Se o/a traballador/a sufrise intervención cirúrxica, a obriga das empresas de complementa-la prestación á Seguridade Social estenderíaas ó período de convalencia e cunha duración máxima de noventa días naturais.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

1. Conductores.

-Roupa de inverno:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 anorak.

1 roupa de augas.

1 cazadora.

1 gorra.

2 leotardos ou un xersei.

2 pares de calcetíns.

-Roupa de verán:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 cazadora.

2 pares de calcetíns.

2. Peóns.

-Roupa de inverno:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 par de botas de auga.

1 par de luvas.

1 anorak.

1 roupa de augas.

1 gorra.

2 leotardos ou un xersei.

2 pares de calcetíns.

1 cazadora.

-Roupa de verán:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 cazadora.

2 pares de calcetíns.

Entregarase, ademais un chaleco de alta visibilidade, e ó persoal que voluntariamente o solicite, unha faixa lumbar, e un gorro de la.

3. A roupa de verán entregarase do 1 ó 15 de maio. A roupa de inverno entregarase do 1 ó 30 de setembro.

4. Cando realizando o traballo a roupa se rompa, ou quede inservible, a empresa cambiaraa por outra nova, logo de entrega da roupa deteriorada.

5. Cando o comité de seguridade e saúde elixa a roupa, entregaráselle unha mostra desta.

Artigo 26º.-Retirada do permiso de conducir.

1. No suposto de que a un traballador coa categoría de conductor, realizando o seu cometido cun vehículo da empresa e cumprindo coa función que lle foi encomendada, lle fose retirado provisionalmente o permiso de conducir, a empresa destinarao a outro posto de traballo adaptado ás súas facultades e respectaralle a retribución de conductor por un período máximo de dous anos. Ó remate da suspensión do permiso de conducir será reintegrado á súa antiga categoría e posto de traballo. O resto das categorías que desempeñen os labores de conductor rexeranse por este artigo.

2. Estes beneficios non terán lugar cando a causa da retirada do permiso de conducir sexa debida a imprudencia temeraria, embriaguez, drogadicción, ou cando exista reincidencia.

Artigo 27º.-Rotacións.

1. As quendas serán rotativas obrigatoriamente, sempre que non haxa persoal voluntario, ou exceda dito persoal, para cubrilas.

2. Os distritos serán rotativos obrigatoriamente para todo o persoal.

3. Confeccionarase, por parte da comisión mixta paritaria, un calendario anual de rotacións.

Artigo 28º.-Innovacións tecnolóxicas.

No caso de que a empresa introducise innovacións nalgún dos servicios, e que estas supoñan a reducción de persoal, a empresa adaptará os traballadores afectados a outro servicio existente ou novo, mantendo a categoría laboral se existise nese servicio.

Capítulo IV

Seguridade e hixene

Artigo 29º.-Seguridade e saúde.

Dada a importancia que recoñecen os asinantes á prevención de accidentes, inclúese este capítulo dedicado á hixiene e seguridade no traballo, e considerando de obrigada aplicación, ámbalas dúas partes, a lexislación sobre seguridade e hixiene, para tal efecto, organizarase un comité de seguridade e saúde, co obxecto de velar polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias, asi como a posta en practica do estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos e vacinación.

1. Anualmente faráselles a tódolos traballadores/as un recoñecemento médico de carácter voluntario.

2. Os recoñecementos médicos consistirán como mínimo en:

-Audiometría.

-Control da vista.

-Análise de sangue.

-Análise de urina.

-Espirometría.

-Exploración clínica.

3. Os resultados do recoñocemento médico entregaránselle ó traballador.

4. A campaña de vacinación consistirá como mínimo no seguinte:

-Vacina contra o tétano.

-Vacina contra a hepatite B con análise de sangue previo.

A vacinación farase sempre que sexa necesario.

Artigo 31º.-Excedencias.

Todo traballador/a fixo cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior a cinco anos.

O/a traballador/a excedente, cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa solicitarase cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo maximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintregrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo

prazo dos seis meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador/a terá que poñer en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses de exercicio da excedencia sen que o traballador fixera uso do seu dereito xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período de excedencia solicitada.

As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a tanto que o sexa por natureza ou por adopción nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a un ano, salvo que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores/as para atende-lo coidado dun familiar, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desenvolvan actividade retribuída.

A excedencia recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores/as, homes ou mulleres, non obstante, se dous ou máis traballadores/as da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ó que, de se-lo caso, viñera desfrutando.

O período en que o traballador/a permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efecto de antigüidade e o traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terán dereito á reserva do seu posto de traballo. Trancorrido o dito prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

-Cambio de postos de traballo por embarazo.

Suspensión con reserva do posto de traballo.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se desfrutarán de maneira interrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que quede do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das 6 semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e a nai traballen, esta, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute

dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade na incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata 6 anos, a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de 16 semanas nos supostos de adopción e acollemento de menores maiores de 6 anos de idade cando se trata de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por provir do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase á opción dos interesados, que poderán desfrutalos de xeito

simultáneo ou sucesivo, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das 16 semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire o presente artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo do acordo entre os empresarios e os traballadores/as afectados/as, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso neste artigo, poderá iniciarse ata 4 semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

-Protección da maternidade.

1. A avaliación dos riscos á que se refire o artigo 16 da lei deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. As ditas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto e así o certifiquen os servicios médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente á traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento no que o estado de saúde da traballadora permita a sua reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservará o dereito ó conxunto de retibucións do seu posto de orixe.

3. Se o dito cambio de posto non resultase técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, establecida no artigo 45.1º d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo/a e así o certifique o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

-Situación protexida.

Para os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lle cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 32º.-Altas e baixas na empresa.

1. Facilitaránselle ó delegado de persoal os modelos de contrato de traballo que se utilizan na empresa.

2. Ó traballador entregaráselle copia do seu contrato de traballo.

3. Cando existan altas de novos traballadores fixos ou eventuais, a empresa comprometerase a comunicarllo ó delegado de persoal, indicando apelidos, nome e categoría do novo traballador, así como o tipo de contrato efectuado. Igualmente se procederá nos casos de baixas.

4. O traballador que desexe cesar na empresa deberá comunicalo cunha antelación de 7 días. Este prazo será de15 días para o persoal administrativo e dun mes para o persoal titulado.

Artigo 33º.-Faltas e sancións.

1. Tódalas faltas e sancións comunicaránselles simultaneamente ó traballador e ó delegado de persoal.

Artigo 34º.-Xubilación.

Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, estando as empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar da/o xubilado/a a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xubilación anticipada coas seguintes escalas:

De mutuo acordo entre ámbalas partes:

60 anos: 6 mensualidades de salario real.

61 anos: 4 mensualidades de salario real.

62 anos: 2 mensualidades de salario real.

Opción do traballador/a:

63 a 64 anos: 2 mensualidade de salario real.

Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación, para o persoal fixo da empresa, terá carácter de forzosa ó cumpri-lo traballador/a a idade de 65 anos, establecéndose un premio de 1 mensualidade de salario real.

Aquelas/es traballadoras/es que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causaren dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de xeito inmediato.

A empresa cubrirá o posto de traballo segundo as necesidades de servicio, non tendo que ser coincidente a xornada efectiva de traballo do que se xubila coa do traballador/a entrante.

Artigo 35º.-Asembleas.

1. Os traballadores/as disporán dun crédito de 30 horas anuais para a celebración de asembleas dentro da xornada de traballo, logo de notificación á empresa.

Artigo 36º.-Capacidade diminuída.

1. Ó traballador que, por causas de accidente ocorrido na prestación de traballo á empresa, lle sexa recoñecida polo tribunal médico de incapacidades unha incapacidade parcial, para o seu traballo habitual, a empresa poderá asignarlle un posto de traballo que se adapte á nova aptitude do traballador, sempre que exista praza vacante, na que o traballador terá prioridade sobre calquera contratación eventual.

Artigo 37º.-Comisión de formación.

1. A empresa colaborará coas organizacións empresariais e sindicatos para as realizacións de cursos de formación para os traballadores, segundo o acordo de formación continua, sendo as organizacións empresariais e sindicatos os órganos autorizados e con competencias para desenvolve-lo dito labor.

2. Os traballadores que participen en cursos de formación continua teránselle en conta estes para efectos de promoción interna no acceso ás categorías superiores.

Artigo 38º.-Cota sindical.

A empresa descontará da nómina dos traballadores/as a cota sindical, logo de solicitude escrita de cada un deles.

Capítulo VI

Subrogación do persoal

Artigo 39º.-Subrogación do persoal.

1. Ó termo da concesión dunha contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos seis últimos meses, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores/as que no momento do cambio de titularidade da contrata estean enfermos, accidentados, en excedencia, no servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestaran os seus servicios no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida na alínea a).

c) Traballadores/as que con contrato de interinidade, substitúan a algún dos traballadores citados na alínea anterior.

d) Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran ó centro como consecuencia de ampliación de contrata, dentro dos seis últimos meses.

e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos seis meses seguirá pertencendo á dita empresa e non se producirá a subrogación citada, salvo que se acredite a súa nova incorporación ó centro e á empresa.

2. Tódolos supostos anteriormente contemplados deberán ser acreditados verídica e documentalmente pola empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o momento en que a empresa entrante lle comunique veridicamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Limpezas de Edificios e Locais de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento no que se produza o dereito á súa subrogación á nova adxudicataria.

3. Non operará a subrogación no caso dun contratista que realice a primeira limpeza e que non teña subscrito contrato de mantemento.

4. Se a subrogación dunha nova titular da contrata implicase que un traballador/a realizase a súa xornada en dous centros distintos, afectando un só deles o cambio de titularidade da contrata, os seus titulares xestionarán o pluriemprego legal do traballador/a, así como o desfrute conxunto do período vacacional, e a empresa saínte aboaralle a liquidación por partes proporcionais das pagas correspondentes. Esta liquidaciòn non implicará o finiquito se continúa traballando para a empresa.

5. A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio o suspendese por un período inferior a dous meses; o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos que facilitará a empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, moda

lidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar

en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servicio como nova titular.

Artigo 40º.-ETTS.

A empresa non poderá contratar a través das empresas temporais (ETT) tanto para substitucións de vacacións, IT, etc., así como calquera posto novo de traballo (ampliación de cadro de persoal, postos de nova creación, etc.).

ANEXO

Táboa salarial ano 2002

CategoríasSalario base

x 15 pagas (ptas.)

Salario base

x 15 pagas (E)

Compl. transporte

x 12 meses (ptas.)

Compl. transporte

x 12 meses (E)

Compl. tóxico

x 11 meses (ptas.)

Compl. tóxico

x 11 meses (E)

Peón116.000697,1711.10066,7116.702100,38

Conductor130.507784,3611.10066,7116.702100,38

Encargado142.805858,2811.10066,7116.702100,38

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE