Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 09 de abril de 2002 Páx. 4.514

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 2002 pola que se publica a convocatoria para a concesión de axudas a conservatorios de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, clasifica como centros docentes públicos aqueles que teñen como titular un poder público. Así pois, os conservatorios de música dependentes de concellos teñen a consideración de centros públicos.

Ademais das accións que leva a cabo esta consellería na creación, dotación e sostemento dos conservatorios de música dependentes dela, determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas regradas de música que sinala o artigo 39.1º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A implantación do novo sistema educativo establecido pola mencionada lei esíxelles ós titulares destes conservatorios adaptacións estructurais e os orzamentos necesarios para o cumprimento dos requisitos mínimos que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado do 28 de abril), e o currículo que establece o Decreto 253/1993, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro).

En consonancia coa política desta consellería, á vista da crecente demanda das ensinanzas de música e coa finalidade de prestar apoio ás iniciativas doutros entes públicos para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-lo funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, dos conservatorios de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas axudas os titulares dos conservatorios de música de grao elemental e/ou profesional que teñan, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, auto

rización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas, de acordo coa prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, será de douscentos corenta mil catrocentos cinco euros (240.405 A) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.1 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa. Este importe poderá verse incrementado, se as disponibilidades orzamentarias o permiten, unha vez que se aprobe a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Os conservatorios que iniciaron a súa actividade docente ó comezo do curso escolar 2001/2002 poderán, ademais, percibir un incremento máximo dun 25% da axuda que lle puidese corresponder. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá supera-la cantidade de cincuenta e catro mil euros (54.000 A).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia e mailo anexo que figura nesta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude debe ir xunto coa seguinte documentación:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2002.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Orixinal ou fotocopia cotexada de certificación bancaria a nome do solicitante na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1. Número de alumnos/as.

2. Número de especialidades instrumentais.

3. Número de profesores/as e tempo de dedicación.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume de orzamento do conservatorio.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado no curso escolar 2001-2002 pola impartición de clases.

7. Iniciación da súa actividade ó comezo do curso escolar 2001-2002, se é o caso.

A concesión das axudas realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-O subdirector xeral de Programación.

-O xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos.

-O xefe do Servicio de Programación.

-Un representante da Inspección Central.

-O asesor técnico de ensinanzas artísticas da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que estime oportuno, que no caso de acudir ás reunións desta farano con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se lles notificará ós interesados para que estes, no prazo de 10 días hábiles, poidan formula-las alegacións que consideren oportunas. Valoradas as alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación desta orde. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Décimo.-As axudas estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo.

O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

En todo caso, o beneficiario presentará antes do 15 de outubro de 2002 a xustificación completa.

Para que se lles poida dar curso ós libramentos, os solicitantes deberán achegar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Ademais, de acordo co artigo 15.4º do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A xustificación deberase facer sobre o investimento total, e de non acadarse este, minorarase a subvención na mesma proporción.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Univeristaria, Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, Subdirección Xeral de Centros, Servicio de Xestión de Programas Educativos.

Décimo primeiro .-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, poderá realizar un seguimento da aplicación das axudas nos conservatorios beneficiarios destas.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda dos conservatorios de música que obteñan axuda, deberá figura-lo anagrama ou logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria».

Décimo cuarto.-O beneficiario da axuda deberá proceder ó reintegro das cantidades recibidas e mais ós xuros de demora, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, cando exista por parte do mesmo incumprimento da obriga de xustificación, obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión, ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ó Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, ó Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio de 2002 (DOG do 31 de decembro) e á Orde do 29 de decembro de 2001 que o desenvolve (DOG do 31 de decembro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria