Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 4 de abril de 2002 pola que se modifica a do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

As campañas de saneamento gandeiro supoñen un instrumento fundamental para o control e erradi

cación dalgunhas enfermidades infecciosas contaxiosas como a tuberculose e a brucelose.

O elevado nivel sanitario acadado nas explotacións galegas, froito da intensidade con que se viñeron realizando esas campañas de saneamento gandeiro conseguiron que a práctica totalidade das cortes teñan capacidade para obte-la máxima cualificación sanitaria, o que supón para Galicia un dos maiores logros no ámbito agropecuario. Tanto é así que máis do 99% das explotacións están libres das enfermidades obxecto de control oficial e os índices medios de positividade de explotacións no territorio da comunidade autónoma son inferiores ó 1% tanto no caso da brucelose como de tuberculose.

Nembargantes, a incidencia destas enfermidades en determinadas zonas, xunto coas características propias da producción, manexo, condicións e movemento pecuario, fan necesario de cara a acada-la erradicación delas adoptar medidas sanitarias especiais nestas zonas afectadas que permitan adecua-las súas condicións sanitarias ó resto da Comunidade Autónoma.

Ademais, co fin de que non repercuta negativamente nos logros e cualificacións sanitarias alcanzadas, precísase aplica-las maiores garantías sanitarias posibles nas actuacións inmediatas á detección dun foco de enfermidade evitando calquera risco de posibilidade de contaxio a outros animais e explotacións.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, establece no seu artigo 15 que tódolos animais reaccionantes positivos serán sacrificados nos prazos que determinen as disposicións especiais establecidas para cada enfermidade. Nos artigos 20, 25 e 40 especifica que os bovinos e ovinos nos que se teña comprobado oficialmente a existencia da enfermidade, así como os animais considerados infectados polos órganos competentes, serán sacrificados baixo control oficial, o máis rapidamente posible e, como moi tarde, trinta días despois da notificación oficial ó propietario ou posuidor dos resultados das probas.

Nas zonas endémicas nas que a prevalencia destas enfermidades é superior ó resto cómpre reducir ese prazo que transcorre desde a notificación de diagnóstico positivo da enfermidade nunha explotación gandeira ata o momento en que son sacrificados os animais enfermos para que se reduzan consecuentemente as posibilidades de contaxio, directa ou indirectamente, ós outros animais.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Modifícase o número 1 do artigo 10 da Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as

normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa e queda redactado como segue:

Tódolos animais diagnosticados positivos á tuberculose ou brucelose serán marcados obrigatoriamente cunha marca auricular de contraste. Para completa-la identificación desas reses positivas confeccionarase un documento individualizado do animal positivo que acompañará á documentación sanitaria necesaria para o seu posterior sacrificio. Esta circunstancia farase constar no libro de explotación.

2. Modifícase o artigo 11 da citada orde no seu número 1 e queda redactado como segue:

Os animais marcados oficialmente como positivos ó diagnóstico de brucelose ou tuberculose na execución dos programas oficiais de erradicación destas enfermidades serán sacrificados nun prazo máximo de trinta días naturais, que será determinado por resolución motivada da autoridade competente en materia de sanidade animal en función das condicións sanitarias da explotación e os riscos de contaxio. En todo caso, o citado prazo nunca será inferior a 48 horas.

Os prazos anteriores computaranse a partir do día seguinte da data de notificación da citada resolución ó propietario ou posuidor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural