Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 03 de abril de 2002 Páx. 4.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2002, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a favor do Pazo dos Oca-Valladares (actual sede do Liceo de Ourense), no concello de Ourense.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (modificado parcialmente polo Decreto 224/1998, do 17 de xullo) en canto non se opoñen ó Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

E en virtude do disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, así como polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Vistos os informes dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e dos órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en materia de bens de interese cultural que resultan preceptivos,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración de ben de interese cultural a favor do Pazo dos Oca-Valladares, no concello de Ourense, coa categoría de monumento.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola devandita incoación de maneira que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro.-Notificarlle esta resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e ós demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberan realizarse con carácter inaprazable, precisarán, en todo caso, de autorización dos órganos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-Ordena-la publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2002.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

O punto A sitúase na rúa Lamas Carvajal diante da igrexa de Santa Eufemia.

A-B Rúa Coronel Ceano ata o entronque coa rúa Arcedianos.

B-C Rúa Arcedianos ata saír á Praza Maior.

C-D Praza Maior ata a rúa Lamas Carvajal.

D-E Avenida de Pontevedra.

E-F Rúa Progreso ata a rúa Cruz Vermella.

F-G Rúa Cruz Vermella e praza E. Montes.

G-A Rúa Lamas Carvajal ata a igrexa de Santa Eufemia.