Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 01 de abril de 2002 Páx. 4.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 88/2002, do 7 de marzo, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Espacio Natural da Illa de Cortegada e o seu contorno.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de axeita-la xestión dos espacios naturais e das especies que deben protexerse ós seus principios inspiradores, para o que resulta necesaria a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sostible e goce público destes espacios.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

A illa de Cortegada e os illotes Malveira Grande, Malveira Pequena e Briñas conforman un arquipélago singular nas augas da ría de Arousa e albergan valores naturais, culturais e etnográficos de interese, que se complementan cos das denominadas Illas Atlánticas. A illa de Cortegada pode resultar un enclave de gran interese no que respecta a determinadas actividades de uso público, fundamentalmente a interpretación e educación ambiental no marco destes medios insulares.

Co propósito de cumpri-los obxectivos reflectidos no artigo 4.3º da Lei 4/1989 e ante a necesidade de xeneralizar este enfoque preventivo, para harmoniza-las actividades económicas e o medio no espacio natural da illa de Cortegada e o seu contorno, procedeuse á redacción do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN). Con anterioridade ó inicio do procedemento de elaboración do PORN, existiron diversas iniciativas de agrupacións cidadás, de grupos ecoloxistas, do municipio de Vilagarcía de Arousa e doutras administracións que, ó longo do tempo, foron demandando o establecemento dalgún tipo de figura de protección sobre este espacio.

O documento que foi sometido a información pública e que foi elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, recolle os contidos previstos para un PORN. Así, delimita e describe o ámbito territorial, define o estado de conservación dos recursos e ecosistemas, especifica as distintas zonas existentes no espacio e determina as limitacións para cada unha delas, concreta as actividades que requiren un réxime de avaliación e establece recomendacións básicas para a xestión.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Espacio Natural da Illa de Cortegada e o seu contorno iniciouse mediante a publicación no DOG da Orde do 23 de xaneiro de 2001. Este procedemento de elaboración inclúe, entre outros, os trámites de información pública e audiencia ós interesados, sendo sometido a información pública e audiencia ós interesados durante trinta (30) días de acordo coa Resolución da Dirección Xeral de Montes e MAN do 30 de agosto de 2001, publicada no DOG o día 2 de outubro.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título II da Lei 4/1989, apróbase o Plan de Ordenación dos Recusos Naturais da Illa de Cortegada e o seu contorno, como instrumento de ordenación dos recursos naturais, cunhas prescricións de carácter normativo que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2º

O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da illa de Cortegada e o seu contorno é obrigatorio e executivo nas materias reguladas na Lei 4/1989 de 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, constituíndo as súas disposicións un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física cunhas determinacións que non poderán alterar ou modificar tales disposicións.

No referente a usos e actividades que poden levarse a cabo dentro dos límites do espacio natural haberá que aterse ó disposto no plan que se aproba, ademais da normativa vixente en materia de conservación da natureza, así como o resto das disposicións existentes.

Artigo 3º

A concesión das autorizacións previstas no decreto corresponderalle ó órgano competente por razón da materia, tralo informe preceptivo da Consellería de Medio Ambiente.

Disposición transitoria

De acordo co establecido no artigo 5 da lei 4/1989, este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais prevalece sobre calquera ordenación territorial ou física, que deberá adaptarse a aquel nun prazo dun ano, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolver este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

1. Delimitación do ámbito territorial.

O ámbito territorial proposto correspóndese co territorio emerxido das illas de Cortegada, Malveira Grande, Malveira Pequena, Briñas e illote do Con, cunha represetanción gráfica que se inclúe como anexo II. Establécense como límites do espacio natural as superficies emerxidas no momento de preamar de menor altura. A dita área está situada no termo municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa, no interior da ría de Arousa, comprendendo unha superficie de 56,8 ha, das que 54 ha corresponden á illa de Cortegada.

2. Definición do estado de conservación, diagnóstico e evolución dos valores naturais.

Na illa de Cortegada diferéncianse carballeiras (Quercus robur), con facies higrófilas dominantes de loureiro (Laurus nobilis), bosques en rexeneración adscritos á asociación de ámbito colino galego-portugués Rusco aculeati-Quercetum roboris. Así mesmo existe unha formación de salgueiro (Salix atrocinerea) na súa parte central, sobre solos de elevada hidromorfía, e unha reducida superficie monoespecífica de ameneiro (Alnus glutinosa) con algúns pés de gran porte; son bosques aluviais en diferentes estados de rexeneración, provisionalmente clasificados dentro da asociación galaico-portuguesa Senecio bayonensis-Alnetum glutinosae. Ademais está presente o estripeiro (Crataegus monogyna) e escasos pés de cerquiño (Q. pyrenaica), castiñeiro (Castanea sativa). No estrato inferior son moi abundantes as plantas forestais rubideiras, especialmente a hedra (Hedra helix) e a chuchamel (Lonicera peryclimenum) acompañadas de multitude de especies de porte herbáceo. Estímase que a formación de

loureiros é a de maior extensión de Galicia. Este bosque encóntrase nun aceptable estado de conservación e os seus pés alcanzan os 10 metros de altura. Por mor da cuberta dos loureiros, que ocasiona un ámbito sombrío no interior do bosque e á influencia dos aceites esenciais desta especie, o sotobosque é peculiar. A existencia deste bosque de loureiro, que representa a laurisilva que se supón abundaba na Galicia costeira na Era Terciaria, cando o clima era máis cálido que o actual; obriga legalmente o Estado español e á Comunidade Autónoma de Galicia a manter nun estado de conservación favorable a estes hábitats naturais por mor do seu carácter relíctico. Nestas formacións desenvólvese unha interesantí

sima comunidade de fungos, con máis de 45 especies únicas en Galicia, entre as que destaca Hypoxilon cohaerens var. Microsporum.

Entre a fauna existente na zona cabe destaca-la presencia de dúas aves propias da zona xeográfica onde se encontra a illa como son o mazarico real (Numenius phaeopus) e o bilurico das rochas (Actitis hypoleucos).

Na illa Malveira Grande aparece unha magnífica representación de reboleira costeira, quizais a mellor conservada de Galicia, caracterizada por unha dominancia de cerquiño (Quercus pyrenaica), do que existen máis dun centenar de pés en diferentes estadios de desenvolvemento e que pode ser un modelo de referencia na rexeneración forestal doutras áreas litorais, especialmente das denominadas Illas Atlánticas. Acompañan algúns exemplares de loureiro (Laurus nobilis) en zonas abrigadas, de estripeiro (Crataegus monogyna) e de salgueiro (Salix atrocinerea). No extremo norte existe unha orla de abruñeiro (Prunus spinosa).

A illa de Cortegada estivo habitada ata principios do século XX e a situación ambiental actual é o resultado desta ocupación e doutras actividades que, con menor intensidade, de desenvolven na actualidade.

Entre as degradacións e ameazas que poden afectar a este espacio encóntranse:

-A degradación da cuberta vexetal orixinal: a vexetación que cobre actualmente a illa de Cortegada é o resultado dun proceso de rexeneración a partir dunha situación de asentamentos humanos que utilizaban a illa, polo menos parcialmente, para a agricultura e a gandería. Dentro deste proceso de rexeneración, a presencia dun exceso de carga gandeira e dalgunhas formacións arbóreas supón un factor limitante.

-Acumulacións de residuos procedentes de arrastres de marea, restos de actividades marisqueiras, visitas de excursionistas, etc.

-Contaminación luminosa: procedente dos focos que iluminan os parques de cultivo de Carril.

-Entre as ameazas que deben ser evitadas encóntranse a especulación urbanística, os incendios forestais, a falta de protección do patrimonio histórico-artístico, a invasión de especies alóctonas, a afluencia mal ordenada de visitantes e a construcción dunha ponte entre o continente e a illa.

3. Obxectivos de ordenación.

Este plan de ordenación ten como obxectivo establece-las medidas necesarias para asegura-la protección, conservación, mellora e utilización racional dos recursos do espacio natural.

Son obxectivos do plan de ordenación:

a) Asegura-la conservación da natureza entendendo como tal o mantemento e recuperación dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade

dos ecosistemas e a singularidade da paisaxe, e a aplicación de medidas para a restauración dos recursos naturais degradados.

b) Promover a través do uso público o coñecemento e difusión dos valores naturais e socioculturais do espacio natural.

c) Incentiva-la investigación no ámbito do espacio natural e o seu contorno, para alcanzar un maior e mellor coñecemento das características ambientais do territorio e para apoia-la toma de decisións necesarias para a súa xestión.

4. Directrices de ordenación.

4.1. Directrices relativas ós recursos naturais e culturais.

a) Manterase nas melloras condicións posibles a calidade do aire dentro do espacio, sempre limitando a emisión de posibles substancias contaminantes ós niveis autorizados.

b) Preservarase a tranquilidade e os sons naturais asociados ós recursos físicos e biolóxicos, suprimindo ou minimizando as súas fontes artificiais productoras.

c) Velarase pola calidade das augas superficiais e subterráneas. Prestaráselle unha atención especial ás posibilidades de explotación destas últimas, garantindo, se é posible, a non alteración dos procesos ecolóxicos da illa e/ou a inducción dos seus procesos de salinización.

d) Procurarase minimiza-la contaminación lumínica no espacio, con especial atención ós focos de iluminación nocturna dos parques de cultivo de Carril.

e) Velarase por mante-las características dos solos, e por evita-la aparición de fenómenos erosivos e/ou de compactación por causas antrópicas.

f) As intervencións nos procesos naturais do espacio serán mínimas. Tenderase á recuperación dun estado o máis parecido posible ó resultante da evolución natural.

g) Garantirase a conservación de tódolos valores naturais e culturais do espacio, en particular a conservación das masas forestais autóctonas e da flora de fungos a elas asociada, con especial atención ás das formacións de loureiros.

h) Velarase polo mantemento da naturalidade da cuberta vexetal e das especies de flora que a compoñen.

i) Fomentarase na medida do posible a substitución gradual das masas de piñeiros e eucaliptos pola vexetación espontánea climácica con representación no arquipélago. Inducirase neste proceso a sucesión natural. Non se permitirán novas repoboacións forestais con especies exóticas ou alleas ó espacio.

j) Abordaranse as accións que se consideren oportunas para a eliminación das especies de flora de carácter invasor.

k) Velarase pola non introducción ou penetración de novas especies de flora e fauna exótica ou alleas á biodiversidade do espacio.

l) Poderá ser mantida, por motivos históricos ou culturais a flora cultivada que se encontra na Zona de Uso Especial, sempre que non mostre síntomas de expansión en prexuízo da vexetación climácica.

m) Desenvolveranse as medidas necesarias para a prevención e extinción de incendios forestais, procurando que as actuacións preventivas persigan criterios de funcionalidade sen alterar ningún dos valores e procesos ecolóxicos do espacio.

n) Preservaranse tódolos recursos culturais (tales como corredoiras, ruínas, cruceiros e outros elementos) a través, segundo o caso, de programas de estudio, tratamento e protección, fomentándose a súa recuperación.

4.2. Directrices relativas ó uso público e á atención do visitante.

a) Facilitarase o goce dos valores do espacio de forma compatible coa súa conservación.

b) Axeitarase a intensidade de uso público do espacio á súa capacidade de acollida.

c) Realizarase un axeitado seguimento e avaliación das actividades de uso público dentro do espacio, que atenderá especialmente ós efectos sobre o medio natural. Aplicaranse cando se considere axeitado as oportunas medidas correctoras.

4.3 Directrices relativas á investigación e ó seguimento dos recursos.

a) Fomentarase a investigación sobre os valores e os procesos naturais, o uso público, en relación co seu contorno social e a incidencia das actividades humanas nos sistemas naturais, co fin de contribuír á protección e xestión do espacio.

b) As investigacións que se leven a cabo non poderán supoñer marcas permanentes que impliquen unha deterioración dos valores naturais e culturais.

c) Os proxectos de investigación, así como a toma de mostras que se pretenda efectuar, estarán sometidos á autorización previa do órgano xestor do espacio.

d) Estableceranse programas de seguimento ambiental que permitan tanto a rápida detección de cambios negativos acontecidos como, na medida do posible, a predicción anticipada de modificacións e cambios.

4.4. Directrices relativas ás explotacións, aproveitamentos e usos tradicionais.

a) A caza como actividade recreativa é incompatible coa finalidade do espacio, polas repercusións sobre os procesos naturais e o uso público.

b) As explotacións agrícolas son incompatibles coa finalidade do espacio, polas repercusións que terían sobre os procesos naturais.

c) Considérase incompatible a gandería coa finalidade do espacio, polas repercusións que está tendo sobre os procesos naturais.

4.5. Directrices relativas ás infraestructuras e instalacións.

a) Manterase a insularidade do espacio, por ser garantía para a conservación dos seus actuais valores naturais.

b) Dado que o acceso deberá realizarse mediante embarcacións, deberá restaurarse e introducir melloras que non supoñan un volume edificatorio excesivo no peirao actual.

c) As instalacións e infraestructuras que se acometan deberán adaptarse o máis posible ó contorno, reducindo ó mínimo as afeccións paisaxísticas negativas. Optimizarase a eficiencia enerxética empregando, na medida do posible, enerxías renovables de baixo impacto paisaxístico para o funcionamento de instalacións e infraestructuras.

d) Valorarase a rehabilitación das edificacións existentes fóra de zonas de uso especial, sempre que se encontren ligadas ás necesidades de xestión do espacio protexido.

e) Promoverase o uso de materiais biodegradables, a reutilización e a reciclaxe de materiais e outras medidas para minimiza-la producción de residuos así como para tratar de producir cambios de hábitos no consumo.

f) Darase preferencia á reconstrucción das edificacións existentes fronte á construcción doutras novas. Deberase manter en calquerra caso a tipoloxía de construcción tradicional das antiguas edificacións de Cortegada.

g) Procurarase que as sendas interpretativas que se habiliten aproveiten as xa existentes. Todas elas deben ofrecer un aspecto o máis natural posible.

4.6. Directrices respecto ás zonas con asentamentos humanos e as relacións do espacio co contorno.

a) Habilitaranse canles de comunicación coas comunidades do contorno.

5. Zonificación.

En función do estado de conservación dos recursos naturais e da presencia e fraxilidade de elementos físicos e bióticos singulares, os terreos incluídos no ámbito do plan clasifícanse en tres categorías: zona de reserva, zona de uso restrinxido, zona de uso especial, segundo se recolle no plan que figura como anexo II.

5.1. Zona de reserva: engloba o conxunto de illotes formado por Malveira Grande, Malveira Pequena e Briñas. Nesta zona ten gran interese a reboleira costeira de Quercus pyrenaica que se encontra na illa Malveira Grande. Con carácter xeral non se permitirá o acceso a visitantes, e as actuacións e usos limitaranse ás directamente vinculadas á investigación, seguimento e recuperación dos seus valores ambientais.

5.2. Zona de uso restrinxido: son aquelas zonas que presentaron unha elevada intervención humana, pero que se encontran en pleno proceso de rexeneración, presentando un elevado grao de naturalidade. Requirirán un nivel de protección elevado por albergar os maiores valores naturais, científicos e paisaxísticos do espacio, así como pola singularidade dos seus hábitats, especies e comunidades. Está constituída por áreas con vocación dirixida tanto á investigación como a un uso público limitado, orientado á interpretación e educación ambiental.

5.3. Zona de uso especial: son aquelas áreas que presentan un alto grao de antropización e que perderon en gran parte a súa naturalidade orixinal. Nesta zona o acceso público é libre e teñen cabida actividades de carácter recreativo, como o pícnic, o baño e o turismo en xeral. Tamén a construcción dun centro de interpretación, ou punto de información ambiental, así como outro tipo de instalacións necesarias para as actividades de xestión do espacio. Todas elas deberán manter un elevado grao de respecto ó contorno, primando o emprego de materiais e a tipoloxía tradicional das antiguas construccións de Cortegada, a minimización do seu impacto e a integración na paisaxe.

6. Normas xerais.

6.1. Usos permitidos.

Considéranse usos ou actividades permitidas todas aquelas compatibles coa protección do espacio ámbito do presente plan, e todos aqueles non incluídos nos epígrafes de usos prohibidos, usos autorizables e normativa específica.

6.2. Usos prohibidos.

En todo o espacio considéranse usos ou actividades incompatibles coa conservación dos seus valores naturais, e polo tanto prohibidas:

a) A vertedura de lixo, desperdicios ou calquera outro tipo de residuo sólido.

b) As verteduras de calquera natureza que alteren a calidade das augas superficiais e subterráneas existentes.

c) O pastoreo en calquera das súas manifestacións posibles.

d) As actividades agrícolas en calquera das súas posibles manifestacións.

e) A caza.

f) A introducción de todo tipo de especies alóctonas, tanto animais como vexetais, que poidan poñer en perigo a supervivencia das especies autóctonas, altera-los procesos ecolóxicos, inducir unha diminución da biodiversidade do espacio ou supoñer unha perda da súa naturalidade.

g) A substitución das masas forestais autóctonas por outras de carácter exótico ou alóctono, así como o fomento deste tipo de repoboacións.

h) A recollida de todo tipo de material abiótico ou biótico. No caso de actividades de investigación, a recollida quedará sometida á autorización expresa do órgano xestor do espacio.

i) A apertura de novas vías de desprazamento agás autorización expresa do órgano xestor do espacio.

j) O tránsito a pé fóra dos sendeiros habilitados para tal fin, agás autorización expresa do órgano xestor do espacio.

k) A circulación de calquera tipo de vehículo motorizado, agás autorización expresa do órgano xestor do espacio e limitada ás necesidades derivadas da conservación e xestión do espacio.

l) O levantamento de calquera tipo de construcción ou edificación fóra da zona de uso especial.

m) A acampada e o bivaqueo.

n) O baño fóra dos sectores habilitados.

o) Os labores de selvicultura, agás por motivos de xestión, trala autorización previa do órgano xestor do espacio.

p) Facer calquera tipo de lume ou fogueira fóra das instalacións habilitadas para tal fin.

q) Sobrevoa-lo ámbito do espacio natural con calquera tipo de aeronave a unha altura inferior a 300 m sobre a cota de maior altura, agás por causas de salvamento, de extinción de incendios ou de forza maior.

6.3. Usos autorizables.

Considéranse usos ou actividades autorizables todos aqueles que, sen estar premitidos ou prohibidos con carácter xeral, poderán ser levados a cabo tralo sometemento previo a un control por parte do órgano xestor do espacio. Deberá en todo caso obterse autorización previa para exectua-los seguintes aproveitamentos e actividades.

a) Para a instalación de sinalizacións.

b) Para a realización de actividades de investigación no medio natural.

c) Para a realización de actividades e probas de carácter deportivo.

d) Para a actividade fotográfica, de filmación e gravación, cando sexan de carácter comercial ou científico.

7. Normas particulares.

Afluencia de visitantes.

a) O órgano xestor do espacio establecerá o límite en relación ó número de visitantes que o arquipélago poida acoller diariamente.

8. Actividades suxeitas ó réxime de avaliación de impacto ambiental.

As actividades suxeitas ó procedemento de avaliación de impacto ambiental no ámbito do presente plan serán como mínimo as que estableza a normativa vixente. En xeral, deberán estar sometidos a análise da súa incidencia ambiental calquera plan, proxecto ou actividade que poida ter efectos ambientais significativos no interior do espacio. Na actualidade a normativa vixente é:

a) Directiva do Consello 85/337/CEE, do 27 de xuño de 1985, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio e Directiva 97/11/CEE do Consello, do 3 de marzo de 1997, que a modifica.

b) Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental.

c) Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental e Real decreto lei 9/2000 que o modifica.

d) Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución do Real decreto 1302/1986.

e) Ley 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

f) Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

g) Decreto 327/1991, do 4 de octubre, de avaliación dos efectos ambientais de Galicia.

9. Desenvolvemento do plan.

O desenvolvemento do presente plan de ordenación dos recursos naturais deberá realizarse mediante o correspondente plan rector de uso e xestión.

O plan rector de uso e xestión desenvolverase a partir dos obxectivos, criterios e directrices marcadas no presente plan de ordenación dos recursos naturais, introducindo as ampliacións ou modificacións que se consideren oportunas para a mellor salvagarda dos valores do espacio natural.

Deberá desenvolver polo menos os seguintes programas básicos:

-En materia de conservación.

-En materia de uso público e visitas.

-En materia de investigación.

-En materia de seguimento.

-En materia de relación co contorno e difusión.

-En materia de desenvolvemento de plans sectoriais.

-Estimación económica dos investimentos correspondentes.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA