Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 26 de marzo de 2002 Páx. 3.902

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2002 pola que se convoca un curso sobre ambiente: verteduras.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre ambiente: verteduras, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo contribuír á mellora da formación ambiental dos colectivos ós que vai destinado, en especial na temática tanto normativa como operativa relacionada coa xeración de verteduras que poidan prexudicar ou causar impacto negativo no ambiente natural.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do corpo nacional de policía e garda civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 1 de abril, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas, será esto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito suporá á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 8 ó 12 de abril de 2002, en horario de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 3 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de marzo de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade