Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de marzo de 2002 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso 2002/2003.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no artigo 5.3º b) como unha das súas áreas de actuación a familia, a infancia e a mocidade, correspondéndolle as competencias en materia de primeira infancia, segundo o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, e 200/2001, do 27 de agosto, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Polo tanto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas nos centros de atención á primeira infancia, dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso como ás de renovación de prazas e cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo do curso.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

2.1. Poderán solicitar praza nos centros de atención á primeira infancia, os pais ou representantes legais dos nenos e nenas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos de idade:

Idade mínima: ter cumpridos os tres meses na data de ingreso.

Idade máxima: non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro do ano no que se solicita a praza.

2.2. Non poderán presentarse solicitudes para o grupo 0-1 para aqueles centros que por razóns estructurais non conten con unidades para este tramo de idade.

Artigo 3º.-Integración de nenos e nenas con discapacidade física, psíquica ou sensorial.

3.1. Poderán integrarse nenos e nenas con discapacidade física, psíquica ou sensorial. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestructurais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. Para efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

3.2. Os/as delegados/as provinciais, mediante resolución motivada, poderán eximir dos límites de idade de ingreso e permanencia no centro ós nenos/as de integración.

3.3. Os equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, ou o órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, serán os competentes no diagnóstico destes nenos, de acordo coas súas propias normas de actuación. Así mesmo, poderán colaborar co persoal dos centros no referente

ó seguimento e atención do/a menor durante a súa estancia no centro.

Artigo 4º.-Servicios.

4.1. Para o vindeiro curso 2002/2003, os servicios dos centros desagréganse en dúas opcións: asistencia con comedor e asistencia sen comedor. Os usuarios poderán facer uso de ambos servicios ou soamente do servicio de asistencia, aténdose neste caso ós horarios establecidos no centro para estes efectos.

A opción de servicios elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación de praza, e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 5º.-Reserva de praza.

5.1. As familias con nenos ou nenas xa matriculados nestes centros que desexen renovar praza neles, deberán cubri-la folla de reserva de praza (anexo I), na que deberán figura-los ingresos económicos actualizados. As variacións alegadas neste anexo serán cumpridamente xustificadas.

As solicitudes presentaranse no centro que corresponda, ou nas delegacións provinciais, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre o 18 e 22 de marzo.

Transcorrido este prazo, a dirección do centro remitirá á delegación provincial correspondente, na última semana do mes de marzo, a lista nominal por grupos de idade de nenos e nenas que renoven praza, xunto coas solicitudes presentadas. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a delegación consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, corrixa os errros detectados, con indicación de que se así non se fixera se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Non poderá renovar praza o solicitante que no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade sen pagar de calquera curso.

Corresponderalle ó/á delegado/a provincial a resolución das solicitudes de reserva de praza, na forma e de acordo coas previsións sinaladas no artigo 12º desta orde.

5.2. Reservarase un 5% das prazas de cada centro para supostos de máxima urxencia, entendendo por tales os ingresos de menores tutelados/as pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, os fillos/as de mulleres que se atopen en casas de acollida e aqueloutros nos que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

O ingreso ou denegación de praza nestes supostos será resolto pola directora xeral de Familia; contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes que comenzará a contar o día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 6º.-Solicitudes de novo ingreso.

6.1. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso -segundo o modelo oficial (anexo II)será do 8 ó 19 de abril.

As devanditas solicitudes presentaranse nos centros nos que se solicite praza ou nas delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2. Poderase solicitar, no mesmo impreso, praza para dous centros, detallándoos por orde de preferencia.

A puntuación obtida no baremo de admisión determinará a orde de prelación na adxudicación de prazas para calquera das dúas opcións solicitadas.

Artigo 7º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

7.1. Os pais ou representantes legais do neno ou nena presentarán a solicitude para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos:

a) Fotocopia do libro de familia.

b) Xustificación de ingresos: última nómina e copia da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar computable para efectos económicos.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na administración, expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

c) Informe do equipo de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, ou órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, de se-lo caso.

d) Certificado de minusvalidez, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez ou minusvalidez dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

-Enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas.

-Situación de desemprego dos pais ou titores.

-Outras situacións que terá en conta a comisión de baremación.

7.2. De carecer dalgún dos documentos sinalados nas alíneas a) e b) do punto anterior, será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar ou económica segundo proceda.

Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

7.3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a delegación consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixera, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 8º.-Baremo de admisión.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo III, mediante o que se avaliarán os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar. En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa, e trala aplicación deste criterio, terán preferencia as solicitudes de asistencia con servicio de comedor.

Entenderase por unidade familiar, para estes efectos, o conxunto de persoas unidas por vínculos de matrimonio ou parentesco, ou as unidades de convivencia cando constitúan núcleos estables de vida en común.

Artigo 9º.-Comisión de baremación.

9.1. Aplicaráselles a tódalas solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das delegacións, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: o/a director/a do centro e un/unha representante dos pais dos/as nenos/as do centro do que se estean a barema-las solicitudes.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da delegación provincial designado/a polo delegado/a provincial.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, o/a presidente.

9.2. A dirección de cada centro convocará ós pais a unha reunión, que se celebrará anualmente antes de remata-lo prazo de solicitudes de novo ingreso, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, do/a seu/súa representante na comisión de baremación e selección.

Artigo 10º.-Relación provisional de admitidos.

A comisión, unha vez realizada a baremación, efectuará a proposta de selección, e fará pública a relación provisional de admitidos e excluídos, coa puntuación obtida; correspondéndolle a resolución ó delegado provincial, xunto coa fixación de tarifa. Esta relación expoñerase nas delegacións provinciais da consellería e nos respectivos centros na última semana do mes de maio.

Artigo 11º.-Reclamacións.

Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 12º.-Relación definitiva de admitidos e lista de espera.

12.1. Unha vez estudiadas pola comisión tódalas reclamacións presentadas, e resoltas polo delegado provincial, procederase á publicación, entre o 17 e o 21 de

xuño, da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso.

A resolución do delegado/a provincial notificaráselles ós solicitantes de acordo co establecido no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes que comezará a contar o día seguinte ó da notificación da resolución.

12.2. Os admitidos disporán dun prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir da notificación da admisión, para confirmaren a súa praza achegando certificado médico do neno/a.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

12.3. As direccións dos centros deberán presentar na delegación correspondente, antes do 15 de xullo, relación de prazas confirmadas e das solicitudes decaídas, se é o caso, co fin de que a delegación poida preve-la cobertura destas últimas coas solicitudes da lista de espera antes do inicio de cada curso.

12.4. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria, será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes daranse por desestimadas.

Artigo 13º.-Lista de espera.

13.1. As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

13.2. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera.

Artigo 14º.-Tarifas.

14.1. Para a determinación das tarifas aplicables terase en conta o establecido na normativa vixente en materia de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

14.2. Tódolos usuarios aboarán a contía de once mensualidades por curso, salvo as excepcións establecidas na normativa reguladora destes centros.

14.3. Se por calquera motivo, o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días hábiles consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

14.4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón ningunha reducción nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante, e con carácter excepcional, aqueles usuarios que por motivos de saúde deixen de asistir ó centro temporalmente, estarán exentos de aboa-la cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de comezo do período de ausencia.

Esta suspensión temporal durará ata o día primeiro do mes natural no que o usuario se reincorpore ó centro. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa, durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o/a delegado/a provincial.

Artigo 15º.-Revisión da tarifa.

O longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste sentido, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

Artigo 16º.-Baixas.

Causarase baixa nos centros de atención á primeira infancia por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

2. Por solicitude dos pais ou representantes legais.

3. Por non paga-la cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ó que se refire a débeda.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas comprendidas no punto 5 anterior serán resoltas, por proposta do/a delegado/a provincial unha vez oídas a dirección do centro e mailos pais ou representantes legais do neno/a, a Dirección Xeral de Familia. Nos demais supostos, será competente o/a delegado/a provincial.

As baixas producidas ó longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 17º.-Participación dos pais.

Desde a dirección dos centros fomentarase a colaboración dos pais co centro e as relacións co persoal deste, así como a súa participación nos órganos colexiados que puideran crearse.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto tódalas disposicións anteriores de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde, especialmente a Orde do 12 de febreiro de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude