Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2002 Páx. 3.428

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte denominado Monte Rapado e Caberteña, a favor dos veciños dos lugares da parroquia de Ganade agás o lugar da Gorgoloza, no concello de Xinzo de Limia (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión do 20 de novembro de 2001, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Monte Rapado e Caberteña, por solicitude dos veciños dos lugares de San Vitoiro e Casas de Veiga, do concello de Xinzo de Limia (Ourense)

Resultando que, con data do 18 de febreiro de 1998, tivo entrada no rexistro da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños dos lugares de San Vitoiro e As Casas da Veiga, concello de Xinzo de Limia (Ourense), solicitando que se declare o Monte Rapado e Caberteña como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial, en sesión do 2 de xuño de 1999, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores deste a Manuel Bouzas Costa e Abel Carvajales Santaeufemia, que aceptaron tal cargo, expedíndose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de San Vitoiro e As Casas da Veiga, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Xinzo de Limia, á delegación provincial da Consellería de Política Terrritorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Xinzo de Limia, durante o

prazo dun mes segundo consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, que durante o prazo sinalado en edictos para que os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos; non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que, con data 21 de febreiro de 2001, presentan alegacións os promotores do expediente de clasificación solicitando que a clasificación se realice tamén a favor do lugar de Ganade, xa que

na solicitude inicial sufriran un erro por omisión e a clasificación se pediu soamente para os veciños de San Vitoiro e As Casas da Veiga.

Resultando que na instrucción do expediente se comprobou, polos testemuños dos veciños, a pertenza do monte ós veciños de tódolos lugares da parroquia de Ganade, agás o lugar da Gorgoloza.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia, como segue:

Anotación preventiva, letra A de iniciación do expediente de clasificación do predio rexistral 26.615, no folio 211, do tomo 710, libro 176 de Xinzo de Limia.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2. Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado;

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4. Que o patrimonio e a participación é inalienable, imprescritible e inembargable; e

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la «actio communi dividundo».

Considerando que, segundo informacións e testemuños, resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños dos lugares da parroquia de Ganade, agás o lugar da Gorgoloza, no concello de Xinzo de Limia (Ourense).

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que, das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar da parroquia de Ganade, agás A Gorgoloza, están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común do 26 de novembro de 1992.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Monte Rapado e Caberteña, de 50 ha, aproximadamente en conxunto de superficie, a favor dos veciños dos lugares da parroquia de Ganade agás o lugar da Gorgoloza, no concello de Xinzo de Limia (Ourense), e cos datos que a seguir se selecionan, como veciñal en común, en réxime de comunidade xermánica.

Concello: Xinzo de Limia ( Ourense).

Denominación: Monte Rapado e Caberteña.

Comunidade propietaria: veciños dos lugares da parroquia de Ganade, agás o lugar da Gorgoloza.

Superficie: 50 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: camiño veciñal, Francisco Conde Colmenero, Alfredo Casal Feijóo, Serafín do Muíño Rodríguez e outros terreos dos veciños de Ganade.

Sur: termo municipal de Porqueira.

Leste: camiño público, Francisco Martínez Parada, José Martínez González e outros veciños de Ganade:

Oeste: termo municipal de Porqueira.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Xinzo de Limia, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.)

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 20 de novembro de 2001.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

Visto bueno

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común