Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2002 Páx. 3.425

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica para planta de tratamento de residuos gandeiros á empresa Denoy, S.A., no concello de Arzúa (A Coruña), se aproba o seu proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 187/2000).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Denoy, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en Isaac Peral, 2. Polígono Industrial do Tambre. Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 16 de marzo de 2000 a referida empresa solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, dunha planta de coxeración para unha instalación de tratamento de residuos gandeiros, a construír pola empresa Denoy, S.A. en Santo Estevo do Campo, Arzúa (A Coruña). Acompaña a dita solicitude o preceptivo proxecto das instalacións e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 7 do citado R.D. 2818/1998.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous motores de combustión interna de 5.103 kWm, a 500 r.p.m. funcionando con fuel óleo.

-Dous xeradores síncronos de 4.950 kW de potencia activa, 6 kV de tensión de xeración, 6.150 kVA e factor de potencia 0,8.

-Unha estación transformadora de intemperie de 13 MVA e r.t. 6/66 kV.

-Instalacións de interconexión, aproveitamento térmico, almacenamento de combustible, protección, mando, sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 8 de maio de 2000 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no BOP da Coruña do 18 de maio de 2000 e no DOG do 24 de maio de 2000, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, de 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e coas demais que lle son de aplicación.

Quinto.-Analizado o proxecto pola comisión de traballo de valorización enerxética de residuos, da Comisión de Avaliación Ambiental do Comité de Coordinación e Integración Ambiental, en sesións do 13 de setembro de 2000 e 31 de xullo de 2001, considerouse axeitada a construcción da planta de tratamento de residuos de vacún, sempre que se revisase a potencia dela, ó considerarse excesiva, ou ben, como alternativa para mante-la potencia proposta, a empresa Denoy tratase os residuos procedentes doutras explotacións próximas, solicitando as oportunas autorizacións.

Sexto.-Con data 22 de outubro de 2001, a empresa Denoy achega relación de compromisos con outros productores de residuos gandeiros para o seu tratamento na planta que se pretende construír.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio e no Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, foi redactado conforme o esixido polos artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización

de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autoriza-la construcción dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica de 9,9 MW para instalación de tratamento de residuos de vacún á empresa Denoy, S.A., que se situará nas súas instalacións de Arzúa, na provincia da Coruña.

-Aproba-lo proxecto de execución da citada planta de coxeración.

-Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo d.3 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), no prazo de dous anos desde a publicación da presente resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no art. 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral no desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación se interconectará co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte da súa publicación.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas