Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2002 Páx. 3.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de marzo de 2002 pola que se convocan dúas bolsas de nova adxudicación para a realización de tarefas de colaboración na Dirección Xeral de Universidades.

A Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a súa estructura orgánica, ten atribuídas, entre outras funcións, a xestión das accións de apoio á formación e actualización do profesorado universitario e de apoio económico ós estudiantes universitarios, así como o estudio e proposta de resolución nos recursos administrativos referentes ó seu ámbito de competencia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse dúas bolsas de nova adxudicación para a realización de tarefas de colaboración na elaboración de estudios xurídicos e de orientación e información ós estudiantes.

Artigo 2º.-Orzamento.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden ó importe de 11.440,90 euros, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2, de acordo co disposto no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001, para o exercicio de 2002, na que existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o dito ano.

Artigo 3º.-Duración e dotación económica.

A duración de cada bolsa comprende desde o 1 de maio ata o 31 de decembro de 2002.

A dotación económica de cada bolsa será de 673,13 euros mensuais, así como un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Artigo 4º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar á bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Preferentemente ser titulados en dereito ou informática.

b) Acreditar formación e/ou coñecementos de lingua galega.

c) Acreditar formación e coñecementos de informática.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán na Dirección Xeral de Universidades, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta convocatoria, no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

1. Solicitude normalizada segundo o anexo que se xunta a esta convocatoria.

2. Fotocopia do DNI.

3. Certificación académica persoal na que conste a nota media.

4. Currículo.

5. Documentos que acrediten a formación e /ou experiencia esixida nos puntos 4.a e 4.c, e, potestativamente, a do punto 4.b.

6. Memoria descritiva, cun máximo de cinco folios:

-Os licenciados en dereito presentarán unha memoria na que consten as tarefas de colaboración dun bolseiro en relación coas funcións sinaladas no artigo 1º desta orde.

-O resto dos solicitantes presentarán unha memoria na que consten as tarefas de colaboración dun bolseiro en relación coas funcións de orientación e información ós estudiantes.

7. Declaración xurada das bolsas ou axudas concedidas polas administracións públicas, polo mesmo período de aproveitamento destas.

8. Documento facilitado pola entidade bancaria na que conste o número completo de conta cliente do solicitante.

Artigo 7º.-Selección dos candidatos.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros

de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais.

2. Esta lista estará exposta do 13 ó 22 de abril de 2002, e os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

Presidente:

-O director xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-O asesor xurídico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades.

Secretario:

-Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades.

Artigo 9º.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Experiencia ou formación en temas informáticos: ata dous puntos.

c) Coñecementos de lingua galega: ata un punto.

d) Outros méritos do currículo: ata dous puntos.

e) Memoria: ata cinco puntos.

A comisión avaliadora poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de oito puntos no anterior baremo. Tratará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e poderase realizar unha proba práctica de informática. Para esta proba a comisión poderase asesorar dun experto en informática. En función do contido da entrevista, a comisión avaliadora poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha lista de reserva e de solicitudes denegadas coas causas de exclusión. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir

do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Artigo 10º.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, no poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración na Dirección Xeral de Universidades, baixo as indicacións do director xeral de Universidades, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o aproveitamento doutro tipo de bolsas.

Artigo 11º.-Pagamentos.

O pagamento efectuarase mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo de certificado do director xeral de Universidades de ter cumprido coas súas tarefas.

Artigo 12º.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Dirección Xeral de Universidades, logo de escoita-la persoa afectada, poderá anula-la bolsa.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria