Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2002 Páx. 3.328

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a modificación de clasificación do monte As Cavadas, a favor dos veciños do lugar de Partovia, no concello do Carballiño (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión celebrada o 20 de novembro de 2001, adoptou en relación co terceiro punto da orde do día estudio e resolución dos recursos de reposición interpostos por Jaime Rodríguez Rodríguez e Jacinto Pérez Núñez contra o acordo de clasificación do 4 de xullo de 2001 do monte denominado As Cavadas, a favor dos veciños de Partovia, no concello do Carballiño (Ourense), o acordo que ten unha parte dispositiva do seguinte teor literal:

«Estimar na súa totalidade os recursos presentados por Jaime Rodríguez Rodríguez e Jacinto Pérez Núñez contra o acordo de clasificación do 4 de xullo de 2001 polo que se clasificaba o monte denominado As Cavadas como veciñal en man común, a favor dos veciños de Partovia no concello do Carballiño (Ourense) procedendo á súa modificación no sentido de excluír do monte veciñal as parcelas particulares referidas nos antecedentes cos seguintes lindeiros e superficies segundo a Xerencia Territorial do Catastro e que son: norte, leste e sur : monte veciñal das Cavadas e oeste, predios particulares, e que ocupan unha superficie conxunta de 15 áreas e 48 centiáreas.

Polo que procede rectifica-la Resolución do 4 de xullo de 2001 no sentido de que o monte As Cavadas ten unha superficie conxunta aproximada de 31.774,28 m e engádense polos lindeiros norte, leste, sur, e oeste con propiedades particulares, (predios nº 1830, 1831 e 1832) manténdose en tódolos outros puntos».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderanse interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 20 de novembro de 2001.

Míriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense