Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2002 Páx. 3.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 69/2002, do 22 de febreiro, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais de Fene, O Incio, Taboada e Maside.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que: «o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes».

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 21 de xuño de 1996, 26 de outubro de 1998 e 24 de setembro de 2001, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Edificio de baixo e unha planta que ten unha superficie aproximada de 120 m por andar, que

ten unido na parte posterior do edificio unha pequena edificación de 30 m aproximadamente. O conxunto construíuse sobre un soar duns 222 m, producto de 10 m de fronte por 22 m de fondo, situado no lugar de Vilanova, hoxe avenida Doutor Sixto Mauriz, nº 25, da vila e municipio de Fene (A Coruña). Estrema: norte, Flora Corbeira Balado; sur, José María Vilar Rodríguez; leste, María del Carmen Martínez; e oeste, camiño veciñal de Perlío a Lavandeira.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 389, libro 65, folio 89, predio nº 6.482, inscrición 3ª.

2. Edificio de planta baixa e alta que ocupa aproximadamente 125 m do soar sobre do que se asenta, duns 350 m, situado na marxe da estrada de Bóveda ó Incio, hoxe rúa Bóveda nº 10, da vila e termo municipal do Incio (Lugo), estrema: norte, coa expresada estrada en liña de 12 metros; sur, propiedade de Valentín Gallego Cando; leste, máis de Antonino Rodríguez Vázquez; e oeste, soar en construcción de vivenda de Ramón Maceda.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 415, libro 62, folio 49, predio nº 6.357, inscrición 1ª.

3. Edificio de planta baixa e alta de 80 m por andar, aproximadamente, que ocupa a totalidade do seu soar, que forma un rectángulo de 10 m de fronte por 8 de fondo, aproximadamente, no lugar de Campo da Feira, hoxe rúa Insuas, nº 38 da vila e municipio de Taboada (Lugo). Estrema: fronte ou oeste, campo da feira e estrada de Rubián a Palas de Rei, hoxe praza de Muñelos; dereita entrando ou sur, lavadoiro público a tres metros de distancia, hoxe terreo municipal; esquerda entrando ou norte, edificio escolar a oito metros e dez centímetros, hoxe escaleiras de acceso ó centro de saúde; e fondo ou leste, predio dos herdeiros de Concepción González Ramos, con valo divisorio que queda á distancia de dous metros, hoxe predio de Carlos Rosado e Daniel Muniz.

4. Edificio de planta baixa e alta de 125 m por andar aproximadamente, construídos sobre soar de 208 m de superficie, que forma un rectángulo de 13 por 16 metros, no lugar de Campo da Feira, hoxe rúa Rodríguez Soto, nº 30, da vila e municipio de Maside (Ourense). Estrema: norte, bens de propios, hoxe rúa Rodríguez Soto; sur, bens de uso público, hoxe terreos municipais; leste, máis terreo municipal; e oeste, bens de propios, hoxe rúa Tras do Matadoiro.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, vintedous de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda