Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2002 Páx. 3.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 68/2002, do 22 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, no termo municipal da Coruña, para a construcción dunha residencia asistida para a terceira idade.

O Pleno da Corporación municipal do Concello da Coruña, reunido en sesión do día 23 de abril de 2001, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela de 4.214,5 m de superficie, no termo municipal da Coruña, para a construcción dunha residencia asistida da terceira idade.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma Galega, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá Decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Coruña acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela de 4.214,5 m de superficie, situada no termo municipal da Coruña, que a seguir se describe:

Parcela de 4.214,5 m de superficie que linda: ó norte, coa parcela catastral 8692003 propiedade do Concello da Coruña; ó sur, coa estrada que separa o polígono de Matogrande do Colexio Liceo La Paz; leste, estrada que se dirixe desde o Barrio das Flores ó Colexio Liceo La Paz; oeste, parcela catastral 8692002 cedida ó Sergas, predio rexistral nº 81.778-N do Rexistro da Propiedade nº 2 da Coruña.

Inscrita a favor do Concello da Coruña no tomo 1551, libro 22, folio 2, predio nº 663, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción dunha residencia asistida para a terceira idade.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á

formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda