Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2002 Páx. 3.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de febreiro de 2002 pola que se regulan os servicios e adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e meno

res, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, o Decreto 202/2000, do 21 de xullo, e o Decreto 200/2001, do 27 de agosto, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Considerando que a institución familiar é a matriz natural na configuración do lecer e dispoñendo a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dos equipamentos materiais das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, é polo que se ofertan pola presente orde quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorece-la comunicación e participación persoal e socio-familiar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de estadías e servicios das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán ser destinatarios tódalas persoas maiores de idade ou menores sempre que vaian acompañados dos seus pais ou titores legais.

Artigo 3º.-Tipos de servicio.

1. Servicio de residencia.

O servicio de residencia consistirá no aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ó beneficiario.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servicios para non residentes.

Poderán desfrutar do servicio de comedor os familiares e amigos dos residentes que veñan visita-la instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se lles outorgue e se lles garanta ós residentes.

3. Os prezos, tanto para os servicios de residencia como para os non residentes, establécense para tal efecto segundo o Decreto 73/1994, do 25 de marzo, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre. As quendas e tempadas para o ano 2002 detállanse no anexo II.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

Farase unha soa solicitude por quenda e unidade familiar, segundo o modelo oficial do anexo I e xuntarase, así mesmo, a fotocopia do DNI do solicitante.

As solicitudes de estadías deberán dirixirse por escrito ó director/a da residencia de tempo libre.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes remitiranse ás residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de abril de 2002.

Artigo 6º.-Requirimento de emenda.

Os directores das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terá por desistida a súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución do delegado/a provincial competente, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 7º.-Adxudicación de estadías.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a residencia e as centrais sindicais, en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

A adxudicación de estadías efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a delegado/a da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tendo en conta as datas de recepción e rexistro nas residencias de tempo libre, contando desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de abril. Todas estas datas entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubri-lo total de cuartos dispoñibles.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 8º.-Resolución.

Correspóndelle ó/á delegado/a provincial competente a resolución das adxudicacións das estadías,

levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado ós respectivos directores das residencias. Estes notificaranlles ós interesados antes do 15 de maio de 2002 a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, se é o caso.

Contra as anteditas resolucións poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 9º.-Pagamento do prezo da estadía.

Os beneficiarios realizarán un depósito á conta do prezo da estadía na contía e na forma que se indique na correspondente notificación da adxudicación. Así mesmo, realizarán o depósito da totalidade do prezo da estadía 45 días antes do inicio da quenda adxudicada. Este depósito terase en conta á hora de xira-lo recibo definitivo.

Artigo 10º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que o adxudicatario anulase as estadías, as cantidades depositadas seranlle devoltas logo da reclamación do interesado, unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 30 días antes da data do comezo do desfrute das estadías 100%.

-Anulación entre 29 e 15 días antes da data de comezo do desfrute das estadías 75%.

-Anulación entre 14 e 3 días antes da data de comezo do desfrute das estadías 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o desfrute das estadías 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e para calcula-la porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude