Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2002 Páx. 3.241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se modifica a do 29 de outubro de 2001 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador.

Pola Orde do 19 de setembro de 1996, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, recoñeceu a denominación específica Pataca de Galicia para as patacas de consumo producidas e envasadas en distintas comarcas da nosa comunidade, do xeito e condicións que determinase o seu regulamento particular. Este regulamento foi aprobado pola Orde do 24 de xuño de 1998, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas. O artigo 5 deste real decreto prevé, en aplicación do artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data da transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, mediante a aprobación e publicación do Regulamento da denominación, que haberá de ser ratificado para este efecto polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O regulamento desta indicación xeográfica protexida foi aprobado pola Orde do 29 de outubro de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (DOG nº 217, do 9 de novembro de 2001). Como parte do necesario proceso de ratificación, tralo preceptivo informe da Secretaría Xeral do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cómpre efectuar algunhas modificacións en determinados artigos do anexo da anteriormente citada orde.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 6.4º, 11.3º e 17.4º do Regulamento da indicación xeográfica protegida Pataca de Galicia, aprobado pola Orde do 29 de outubro de 2001 publicada no DOG do 9 de novembro do 2001. Quedan redactados como se expresa a seguir:

Artigo 6º

4. O consello regulador proporá que se dicten normas concretas para cada campaña, elevándoas á consellería competente en materia de política agroalimentaria, segundo o establecido no artigo 3.3º e fomentará a adopción de técnicas encamiñadas a

mellora-la productividade e a calidade das patatas amparadas, trala autorización previa da consellería competente en materia de política agroalimentaria e consonte coa lexislación vixente.

Artigo 11º

3. O consello regulador proporá que se dicten normas complementarias relacionadas coa almacenaxe e encamiñadas a favorece-la conservación dos tubérculos, elevándoas á consellería competente en materia de política agroalimentaria, segundo o establecido no artígo 3.3º.

Artigo 17º

4. O consello regulador proporá que se dicten normas, que serán presentadas para a súa aprobación á consellería competente en materia de política agroalimentaria, consonte o establecido no artigo 3.3º, que lle permitan ter un seguimento e control das patacas certificadas ata a súa fase de comercialización.

Disposición derradeira

A modificación da Orde do 29 de outubro de 2001 aprobada por esta orde, entrara en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural