Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2002 Páx. 3.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 67/2002, do 28 de febreiro, polo que se transforma o conservatorio de música non estatal de grao elemental dependente do Concello de Culleredo (A Coruña) en conservatorio profesional de música.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

Polo Decreto 339/1990, do 8 de xuño (DOG do 25 de xuño) creouse o conservatorio de música non estatal de grao elemental dependente do Concello de Culleredo, e por Orde do 2 de xullo de 1990 (DOG do 26 de xullo) autorizouse a posta en funcionamento deste centro.

Este conservatorio veu impartindo, ademais do grao elemental para o que tiña concedida a autorización definitiva, as ensinanzas de grao medio de música con carácter provisional, primeiro ó abeiro dun convenio asinado o 4 de setembro de 1995, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Culleredo, e posteriormente mediante unha autorización provisional concedida por Orde do 2 de xullo de 2001 (DOG do 22 de agosto).

Mediante estas autorizacións provisionais a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecía a validez académica das ensinanzas de música de grao medio que se impartiran no centro, e comprometíase á creación do conservatorio profesional, unha vez que o concello levase a cabo a adaptación das instalacións ós requisitos mínimos previstos no artigo 15.1º do Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado do 28 de abril).

Realizadas estas obras de adaptación, o Concello de Culleredo solicita a transformación do conservatorio de música non estatal de grao elemental dependente deste concello en conservatorio profesional de música, para imparti-las ensinanzas dos graos elemental e medio de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro).

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de

abril, para os centros que imparten as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos (DOG do 25 de outubro).

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Transfórmase o conservatorio de música non estatal de grao elemental dependente do Concello de Culleredo (A Coruña) en conservatorio profesional de música.

Artigo 2º

Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas dos graos elemental e medio de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Artigo 3º

O centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente para os centros que imparten ensinanzas artísticas e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que figuran neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria