Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 2002 Páx. 3.206

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización do terceiro exercicio da fase de oposición da categoría de ATS/DUE e do cuarto exercicio da fase de oposición do grupo de xestión da función administrativa de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

O punto 3 da base sexta a) da Resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que as datas de realización das probas serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de 7 días naturais de antelación.

Ademais, o tribunal da categoría de ATS/DUE desexa facer público o seu acordo do 28 de febreiro de 2002 para clarifica-la convocatoria deste terceiro exercicio.

Adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre o lugar, data e hora de realización do terceiro e cuarto exercicios, respectivamente, da fase de oposición, procede agora darlle publicidade no Diario Oficial de Galicia, facultándose para iso expresamente a esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que

RESOLVE:

Primeiro.-Facer público o acordo do 28 de febreiro do tribunal da categoría de ATS/DUE de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, do proceso selectivo convocado por Resolución do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo), nos termos seguintes:

«1º Por Resolución do 19 de novembro de 2001 publicáronse as puntuacións obtidas polos aspirantes no segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso na categoría de ATS/DUE de persoal estatutario do Sergas, convocado por Resolución de 20 de marzo de 2001 da División de Recursos Humanos do Sergas.

2º Con base no parágrafo cuarto da dita resolución, determinados aspirantes presentaron impugnacións contra o seu resultado, que foron recibidas polo tribunal a partir do 13 de decembro de 2001. Na dita data xa fora publicada a resolución pola que se convocaba ós aspirantes ó terceiro exercicio, proba de galego, da fase de oposición para a súa realización o día 19 de decembro de 2001.

3º Por mor dos fundamentos das impugnacións á solución dada a unha das preguntas e da profunda controversia que suscitaron, o tribunal apreciou que podería existir fundamento suficiente para considera-la súa probable estimación.

4º Nas datas nas que aconteceron os feitos anteriormente relatados, resultaba practicamente imposible proceder á desconvocatoria do chamamento á terceira proba, que afectaba a un total de 3.022 convocados

Xa que logo, o tribunal decidiu coñecer qué aspirantes poderían pasar á condición de aptos de estimarse as impugnacións e, por acordo do 14 de decembro, convocalos cautelosamente, mediante notificación individual da mesma data, co obxecto de que se presentasen ó terceiro exercicio da fase de oposición do citado proceso selectivo. Varios aspirantes non recibiron a notificación en tempo, polo que non puideron presentarse á citada convocatoria.

5º O pasado 28 de xaneiro de 2002, o tribunal adoptou a decisión definitiva acerca das impugnacións presentadas, modificando o cadro de respostas ó segundo exercicio, publicado en virtude da citada Resolución do 19 de novembro de 2001, alterando o resultado dos aspirantes e pasando algún deles á condición de aptos.

Cómpre, polo tanto, garanti-la participación, en condicións de equidade, dos aspirantes ás probas selectivas en que consiste a fase de oposición; e como queira que a convocatoria individual a que se refire o punto cuarto deste acordo, nun intento do tribunal de aterse ó principio de unidade de acto, resultou, sen embargo, infructuosa en canto a tal garantía, cómpre, xa que logo, deixar sen efecto o acordo do 14 de decembro de 2001 e, en consecuencia, tódolos actos que del se derivan; polo que quedarán, así mesmo, sen efecto: a convocatoria realizada mediante notificacións individuais á que se refire o punto cuarto deste acordo e a proba realizada por estes aspirantes na data do 19 de decembro de 2001.

Así mesmo, acórdase convocar novamente para a realización do terceiro exercicio do proceso selectivo ATS/DUE, en lugar, data e hora que determine a División de Recursos Humanos do Sergas, ós aspirantes declarados aptos no segundo exercicio por acordo do 28 de xaneiro de 2002, pero que non figuraban con tal condición na Resolución do 19 de novembro de 2001.».

Segundo.-Convoca-los aspirantes afectados polo acordo anteriormente transcrito da categoría de ATS/DUE, e os aspirantes que superaron o terceiro exercicio da fase de oposición da categoría do grupo de xestión da función administrativa, convocadas na Resolución do 20 de marzo de 2001, para a realización do terceiro e cuarto exercicios, respectivamente, da fase de oposición o vindeiro día 18 de marzo de 2002, no novo edificio da Consellería de Sanidade e do Sergas, sito en San Lázaro s/n, de Santiago de Compostela, ás 17 horas para a categoría de ATS/DUE, e ás 18.30 horas para a categoría do grupo de xestión da función administrativa.

Terceiro.-Os aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade, permiso de conducir ou pasaporte e de bolígrafo azul ou negro. O chamamento é único para os efectos de unidade de acto prevista no punto 9 da base sexta A) da convocatoria, pero adxudicarase unha puntuación de cero puntos a quen non compareza.

Cuarto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no punto 3 da base décima da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde