Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 2002 Páx. 3.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega para adultos e colectivos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelles ós cidadáns o dereito de coñecelo e de usalo. Mais non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, segundo o caso) o coñecemento e o dominio dos distintos rexistros da lingua propia de Galicia.

Entre as competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recollidas no Decreto 213/1998, figura a promoción e o ensino da lingua galega, competencia que exerce, entre outros medios, a través da organización de cursos do idioma propio de Galicia. A estructura e o contido destes cursos reguláraos xa a propia consellería mediante unha Orde do 1 de marzo de 1989.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega, que se realizarán nas

localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. O gasto ocasionado pola celebración destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 por unha contía máxima de 751.265 euros (setecentos cincuenta e un mil douscentos sesenta e cinco euros), e estará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente na correspondente lei orzamentaria, actualmente en trámite parlamentario.

En todo caso, a realización dos cursos estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, tal e como establece a Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gastos, modificado pola Orde do 27 de novembro de 2000.

3. As retribucións correspondentes son, por analoxía ou similitude, as establecidas na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos tódalas persoas maiores de idade que o desexen, ben individualmente ou ben agrupadas por colectivos.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo e de 35 como máximo.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se aplicarán as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 4º

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días hábiles seguintes ó da publicación deste anuncio no DOG.

2. Para a presentación das solicitudes utilizaranse os modelos de formularios que figuran como anexos I e II a esta orde de convocatoria.

As persoas e os colectivos que desexen realiza-los cursos presentarán a solicitude no rexistro da delegación da consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia á que pertenza a localidade onde queiran realiza-lo curso, sendo de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

3. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar, canda o formulario de solicitude, a fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado o curso de iniciación, ou ben da correspondente validación.

Artigo 5º

1. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contará desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. As listas de admitidos faranse públicas nos taboleiros de anuncios do gabinete de normalización lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente.

Artigo 6º

1. O horario, o lugar de celebración e a data de comezo de cada curso determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Tódalas actividades que se realicen nestes cursos ateranse ó que se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e mais no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar no ámbito das súas competencias as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria