Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 2002 Páx. 3.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se anuncian encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística, e para o profesorado en xeral, dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, encoméndalles ás autoridades educativas que tomen as medidas oportunas para promove-lo uso progresivo do galego no ensino. Ese uso debe contribuír a que os alumnos do ensino non universitario vaian acabando os distintos ciclos cun dominio similar de galego e de castelán.

Entre as medidas que a Administración educativa está levando a cabo figuran a formación do profesorado en lingua galega e a constitución dos equipos de nor

malización lingüística nos centros educativos. Estes equipos, actualmente regulados polo disposto nos Decretos 324/1996, do 26 de xullo, e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 9 de agosto e do 21 de outubro, respectivamente), teñen como función principal a de potencia-lo uso da lingua galega nos centros de ensino non universitario, e son os encargados de elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos establecidos polo centro en relación coa normalización do idioma e a cultura de Galicia.

Cómpre, entón, dinamiza-las actuacións deses equipos, promovendo a formación dos seus membros e o intercambio e a difusión das experiencias dos distintos centros.

Por outra banda, e dado que o labor de promoción lingüística é tarefa xeral de todo o profesorado, é preciso mellora-la formación, especialmente lingüística, non só dos membros deses equipos senón tamén de todo o profesorado en xeral.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral deses mesmos centros.

2. O gasto ocasionado pola realización destes encontros e actividades financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002 por unha contía máxima de 126.213 euros (cento vinteseis mil douscentos trece euros), condicionado pola existencia de crédito adecuado e suficiente na correspondente lei orzamentaria, actualmente en trámite parlamentario.

En todo caso, a realización dos cursos estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, tal e como o establece a Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000).

3. As retribucións correspondentes son, por analoxía ou similitude, as establecidas na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 2º

1. A finalidade destes encontros e actividades é a formación lingüística do profesorado, co fin de consegui-la progresiva utilización da lingua galega no ensino e, en consecuencia, mellora-lo dominio que os alumnos teñen do idioma galego.

2. O contido destes encontros e actividades centrarase, fundamentalmente, nas competencias que nos Decretos 324/1996 e 374/1996 se lles encomendan ós equipos de normalización lingüística, e mais no establecido no Decreto 247/1995.

3. Tódalas actividades que se realicen faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Artigo 3º

1. As localidades de realización, as datas de comezo e mailos horarios dos encontros determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. En canto ás actividades, tanto o contido concreto de cada unha delas coma todo o referente á súa organización, anunciaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no segundo trimestre do 2002.

Artigo 4º

1. A duración de cada encontro ou actividade poderá variar segundo a programación que se dispoña por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. A asistencia a tódalas sesións destes encontros e actividades será obrigatoria.

3. Ás persoas que participen nos encontros e actividades outorgaráselles un certificado de asistencia.

4. En cada anuncio de actividades determinarase a priorización dos asistentes e a temporalización daquelas.

Artigo 5º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando os formularios que figuran como modelos nos anexos desta Orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes para calquera actividade será o dos vinte días hábiles seguintes ó do anuncio de cada actividade.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

4. O número de asistentes a cada encontro ou actividade será de 20 persoas como mínimo.

Artigo 6º

Os módulos económicos que se fixen para cada encontro e actividade poderán comprender:

-Retribución dos relatores ou conferenciantes, no caso de que os haxa, polas súas conferencias ou relatorios.

-Retribución do coordinador ou coordinadora e mais do persoal subalterno, cando sexan necesarios.

-Dotación específica para material.

-Gastos de desprazamento dos relatores ou conferenciantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria