Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 2002 Páx. 3.122

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e extensión cultural galega para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia confírelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en relación coa lingua e coa cultura galegas.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, ordénalle ó Goberno galego que faga uso dos recursos necesarios para que os galegos residentes no exterior poidan dispor de servicios culturais e lingüísticos no idioma propio de Galicia.

Por outra banda, a Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, dispón que se lles debe facilitar ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e extensión cultural galegas.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e de extensión cultural galega, que terán lugar nas localidades e para os centros galegos, asociacións de galegos residentes no exterior e grupos de persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia que determine a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, segundo se dispón nos seus programas, tendo en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos os galegos residentes no exterior e os seus descendentes, os membros dos citados centros e asociacións e outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas mínimo, agás casos excepcionais debidamente xustificados.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e realizaranse, ordinariamente, con carácter intensivo. Nos casos en que existan profesores de galego no lugar de realización do curso, poderase ampliar este prazo ordinario, completándose a realización do curso dentro do ano natural. Responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989 pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento e completaranse cunha visión da historia e da actualidade de Galicia, nos seus aspectos socioeconómicos e culturais.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación dos cursos de lingua galega deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para o que se farán as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

Artigo 4º

1. As persoas que desexen asistir a estes cursos presentarán a solicitude nos locais dos centros ou asociacións ós que se alude no artigo 1º, nos prazos que determinen esas propias entidades e tendo en conta o disposto no programa da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

2. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar canda a solicitude unha fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación.

Artigo 5º

A relación de admitidos será aprobada polos centros, asociacións ou grupos de persoas referidos no artigo 1º desta orde.

O horario, o lugar de realización e a data de comezo de cada curso determinaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Consellería de Emigración e Cooperación Exterior e mais coas asociacións, centros ou grupos respectivos, tal e como se establece no programa da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

Artigo 6º

1. O profesorado destes cursos nomearao o director xeral de Política Lingüística, tendo en conta os límites establecidos na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985, sobre incompatibilidades, así como tamén no Decreto 156/1988, polo que se declara de interese público a realización de cursos e actividades de formación de lingua galega, no que respecta ó persoal docente que impartirá estes cursos, feito que se acreditará enviando declaración xurada na que de xeito

expreso se poña de manifesto que non incorre nos casos previstos nas disposicións anteriores, recollendo así mesmo que, ó abeiro do disposto no artigo 201 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, se van designa-los profesores docentes, tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para imparti-las actividades referidas.

O seu pagamento será por conta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo da comprobación da realización do curso. O gasto que este pagamento ocasione financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 por unha contía máxima de 169.050 A (cento sesenta e nove mil cincuenta euros) e estará condicionada pola existencia de crédito adecuado e suficiente na correspondente lei orzamentaria, actualmente en trámite parlamentario.

En todo caso, a realización dos cursos estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, tal e como se establece na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000).

2. As retribucións do persoal docente que imparte estes cursos son as establecidas, por analoxía, na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 7º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos se farán en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria