Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 2002 Páx. 3.073

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 63/2002, do 28 de febreiro, polo que se regulan os procesos electorais para a renovación dos membros dos consellos reguladores de denominacións de calidade en materia agroalimentaria.

A Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois, configurou os consellos reguladores como órganos rectores das denominacións de calidade. O regulamento polo que se desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, ó establece-la constitución dos ditos consellos, precisa que os cargos de vocais serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

Posteriormente, o Real decreto 2004/1979, do 13 de xullo, estableceu normas sobre a constitución dos consellos reguladores, adaptando a normativa na materia á nova situación xurdida despois da aprobación da Constitución española de 1978; e pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 15 de febreiro de 1982 produciuse o desenvolvemento normativo deste real decreto. A dita normativa quedou modificada como consecuencia da asunción de competencias nesta materia polas comunidades autónomas -particularmente en Galicia mediante o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro- posto que unicamente é de aplicación directa para aquelas denominacións que tivesen ámbito superior ó dunha comunidade autónoma, e así se prevé na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 4 de xuño de 1987.

Este decreto pretende regular, para as denominacións de calidade de ámbito exclusivo desta Comunidade Autónoma dependentes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, os aspectos básicos dos procesos electorais en materia de consellos reguladores, co fin de dotalos dun corpo normativo común, diferindo ás ordes de convocatoria correspondentes a regulación concreta, para cada denominación, de aspectos máis particulares, como poden se-la determinación dos censos e subcensos para constituír, os vocais para elixir en cada un deles ou o calendario electoral específico.

O decreto estructúrase en cinco capítulos: o primeiro contén as normas electorais xerais; o segundo está referido á administración electoral, constituída polas xuntas electorais central e da denominación e polas mesas electorais; o terceiro está dedicado ós censos electorais; o cuarto, ó procedemento electoral ordinario; e o quinto regula as particularidades daqueles procesos electorais nos que, polo escaso número de inscritos nos seus censos, se proceda a utilizar un sistema máis simplificado.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e en virtude das competencias que á Comunidade Autónoma se lle atribúen nos artigos 30.I.3 e 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas electorais xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación das eleccións para a renovación dos membros ou inicial constitución dos consellos reguladores de denominacións de calidade dependentes da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

2. Para os efectos deste decreto, enténdese por denominacións de calidade as denominacións de orixe, denominacións específicas, denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e a producción ecolóxica.

Artigo 2º.-Duración do mandato electoral.

1. A duración do mandato dos vocais dos consellos reguladores será de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. O prazo anterior empezará a contarse desde o día seguinte ó da súa toma de posesión, que deberá efectuarse segundo o calendario que se estableza na correspondente convocatoria.

Artigo 3º.-Convocatoria.

1. Con antelación á finalización do mandato dos vocais dos consellos reguladores, a consellería competente en materia de política agroalimentaria convocará as eleccións. Na dita convocatoria determinarase o calendario electoral ó que deberán axustarse os procesos electorais así como as regras aplicables a estes.

2. Finalizado o mandato e, en todo caso, durante o proceso electoral, os membros dos consellos reguladores estarán en funcións, podendo realizar estes unicamente actos de mero trámite ou de xestión ordinaria, concluíndo o seu cometido coa toma de posesión dos novos vocais.

Artigo 4º.-Electores.

1. Poderán ser electores as persoas físicas ou xurídicas que, con anterioridade á data de entrada en vigor da orde de convocatoria, se atopen debidamente inscritos e con actividade nalgún dos censos dos consellos reguladores; que non carezan do dereito de sufraxio activo en virtude do disposto na nor

mativa do réxime electoral xeral; e que non se atopen sancionados firmes coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ó voto a través do seu representante legal.

3. O dereito de sufraxio exercerase, con carácter xeral, unha soa vez, salvo que, en atención ó volume da actividade económica do elector respecto da denominación, resulte adecuado asignarlle un voto ou votos suplementarios, segundo as normas que se determinen na respectiva orde de convocatoria.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, no caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, poderá ser elector en cada un deles.

Artigo 5º.-Elixibles.

1. Serán elixibles como vocais do consello regulador aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que reúnan os requisitos para ser elector e que non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa do réxime electoral xeral.

2. No caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, só poderá ser elixible por un, debendo optar polo que máis lle interese. En ningún caso a mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros dun consello regulador poderá ter neste dobre representación.

3. No caso de persoas xurídicas inscritas, o candidato a vocal será a propia persoa xurídica, que estará representada no consello regulador, de resultar elixida, por un representante con poder notarial especial outorgado para o efecto ou documento fidedigno que acredite a representación.

Artigo 6º-Sistema electoral.

1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional, de acordo co procedemento de atribución de postos previsto no artigo 163.1º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, coa excepción de que se considerarán tódalas candidaturas, sen que sexa necesario reunir unha porcentaxe mínima dos votos válidos emitidos.

2. Na respectiva orde de convocatoria de cada proceso electoral fixarase a representación por sectores, así como o número de vocais correspondente a cada censo e subcenso, se o houbera, para o que se terán en conta criterios de representatividade económica e social, garantíndose, así mesmo, unha representación adecuada das minorías.

Capítulo II

Administración electoral

Artigo 7º.-Órganos.

Co fin de velar pola transparencia e obxectividade do proceso electoral e o principio de igualdade, así como garanti-los principios de sufraxio libre, directo e segredo, establécese unha administración electoral constituída por:

a) A Xunta Electoral Central.

b) A Xunta Electoral da Denominación.

c) As mesas electorais.

Artigo 8º.-Xunta Electoral Central.

1. A Xunta Electoral Central (en diante XEC) é o órgano superior da administración electoral e nela estarán representados os diversos sectores que concorren ó proceso electoral e persoal técnico da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

2. A XEC terá as seguintes funcións:

a) Organizar, coordinar e vixia-lo cumprimento das funcións asignadas á Xunta Electoral da Denominación.

b) Determina-lo número e localización das mesas electorais.

c) Cursar instruccións de obrigado cumprimento á Xunta Electoral da Denominación, así como exerce-la supervisión do proceso electoral.

d) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleve a Xunta Electoral da Denominación.

e) Revogar, de oficio ou a instancia de parte, as decisións da Xunta Electoral da Denominación.

f) Resolve-las queixas e reclamacións que se lle dirixan, sempre e cando non sexan competencia da Xunta Electoral da Denominación.

g) Resolve-los recursos que se interpoñan contra os acordos da Xunta Electoral da Denominación.

h) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas electorais da denominación.

i) Aprobar, por proposta do director xeral competente en materia de denominacións de calidade, os modelos oficiais de sobres e papeletas, de actas de constitución de mesas electorais e de escrutinio, e demais modelos oficiais de documentación electoral.

j) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impo-las multas recollidas no artigo 153 da Lei orgánica 5/1985, do 19 do xuño, do réxime electoral xeral.

k) Realiza-la proclamación definitiva dos candidatos e dos vocais electos.

l) Desenvolver calquera outra función e competencias non atribuídas expresamente a outro órgano da administración electoral.

Artigo 9º.-Xunta Electoral da Denominación.

1. É órgano periférico da administración electoral e nela estarán representados os diversos sectores que concorren ás eleccións, así como persoal técnico da Administración.

2. A XED terá as seguintes funcións:

a) Garanti-la transparencia e obxectividade do proceso electoral.

b) Ordena-la publicación das listas de electores inscritos nos rexistros das denominacións, e a exposición delas nos lugares que se determinen na orde da convocatoria.

c) Resolver en primeira instancia as reclamacións sobre inclusión ou exclusión nos censos electorais.

d) Realiza-la recepción das candidaturas a vocais do consello regulador.

e) Efectua-la proclamación provisional de candidatos.

f) Propoñer á XEC a localización das mesas electorais.

g) Designa-los compoñentes das mesas electorais e realiza-la comunicación ós interesados.

h) Garanti-la existencia en cada mesa electoral durante a votación dos medios necesarios para o correcto exercicio do dereito de sufraxio.

i) Realiza-la vixilancia das votacións.

j) Resolve-las consultas que lles presenten os electores, candidaturas e membros das mesas electorais.

k) Aqueloutras que lle foran expresamente delegadas pola Xunta Electoral Central.

Artigo 10º.-Composición e sede das xuntas electorais.

1. As xuntas electorais central e da denominación terán a composición que se determine na orde de convocatoria e estarán integradas por representantes das organizacións profesionais agrarias así como das asociacións empresariais e das cooperativas e SAT relacionadas coa actividade da correspondente denominación de calidade, ademais de persoal técnico da consellería competente en materia de política agroalimentaria e dos seus organismos e entes dependentes.

2. No suposto de que se convoquen simultaneamente varios procesos electorais, poderán constituírse xuntas electorais central e da denominación únicas para todos ou varios deles.

3. En calquera caso, unha mesma persoa non poderá formar parte da Xunta Electoral Central e da Xunta Electoral da Denominación.

4. Ningún membro, titular ou suplente, das xuntas electorais poderá presentarse como candidato a vocal do consello regulador.

5. A Xunta Electoral Central terá a súa sede nos servicios centrais da consellería competente en materia de política agroalimentaria, en Santiago de Compostela. Pola súa parte, a sede da Xunta Electoral da Denominación será determinada na orde de convocatoria.

Artigo 11º.-Presentación de candidatos a vocais das xuntas electorais.

1. A presentación de candidatos ás xuntas electorais, como representantes das organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais, cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT) requirirá, en cada caso, o cumprimento dos requisitos seguintes:

a) Documentación acreditativa da súa personalidade xurídica.

b) Acordo do órgano de goberno, consello rector, ou no caso das unións, dos respectivos consellos rectores ou órganos de goberno, polo que se propoña o representante e o seu suplente.

c) Número de fax e/ou enderezo de correo electrónico autorizado/s pola organización para os efectos de recepción das convocatorias e comunicacións relacionadas co proceso electoral.

2. No suposto de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais, cooperativas ou sociedades agrarias de transformación integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar candidatos se estas non o fixeran.

3. As candidaturas ás xuntas presentaranse, segundo o calendario electoral, ante a dirección xeral competente en materia de denominacións de calidade, en Santiago de Compostela, debendo conter cada unha un titular e un suplente.

Artigo 12º.-Designación dos membros das xuntas electorais.

1. A designación de tódolos membros das xuntas electorais, titulares e suplentes, será realizada polo director xeral competente en materia de denominacións de calidade, de acordo co calendario electoral, mediante resolución que se fará pública nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos onde teñan a súa sede as ditas xuntas.

2. Contra a dita resolución poderase interpor recurso ante o conselleiro competente en materia de política agroalimentaria, no prazo que se determine na orde de convocatoria.

3. O mandato dos membros das xuntas electorais concluirá 100 días despois da celebración das eleccións.

4. Os membros das xuntas electorais que asistan ás súas reunións terán dereito a percibi-las indemnizacións que se establezan na respectiva orde de convocatoria.

Artigo 13º.-Mesas electorais.

1. Son órganos encargados de presidi-las votacións, realiza-lo escrutinio, publica-los resultados e velar pola pureza do sufraxio.

2. Estarán integradas por un presidente e dous vocais, elixidos por sorteo entre os electores que, sendo maiores de idade e menores de 65 anos, saiban ler e escribir. Do mesmo modo designaranse dous suplentes para cada un deles.

3. Tanto o presidente como os dous vocais terán dereito a percibi-las indemnizacións que se establezan na orde de convocatoria.

4. Os cargos de presidente e vocal das mesas electorais son obrigatorios. Non poderán exercelos aquelas persoas que se presenten como candidatos. Unha vez realizada a súa designación, deberá ser notificada ós interesados, que poderán alegar ante a XED causa xustificada e documentada que lles impida acepta-lo cargo. A XED resolverá sobre a dita alegación sen ulterior recurso. Os prazos para alegar e para resolver determinaranse no calendario que fixe a orde de convocatoria das eleccións.

5. As candidaturas que concorran ás eleccións poderán nomear ata dous interventores por mesa.

6. A XED nomeará para cada mesa electoral un funcionario da consellería competente en materia de política agroalimentaria, que terá como funcións as de prestar auxilio e asesoramento á mesa, e levará a efecto tódalas actividades necesarias para garanti-lo correcto desenvolvemento do proceso electoral.

Artigo 14º.-Número de mesas electorais.

1. O número e localización das mesas electorais serán fixados pola XEC, atendendo a facilitar ós electores o exercicio do dereito de sufraxio, así como a garanti-lo dereito ó segredo de voto, sen prexuízo de que sexan consideradas as dispoñibilidades orzamentarias e de persoal da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

2. No suposto de que varias eleccións se celebren nun mesmo día, as mesas electorais poderán ser comúns para todas ou varias delas.

3. En cada mesa electoral instalarase unha urna para cada un dos censos ou subcensos existentes, salvo que a XEC, polo escaso número de electores dalgún censo ou subcenso nunha determinada mesa, e co fin de garanti-lo segredo do voto, determine a agrupación dos ditos censos ou subcensos nunha mesa electoral principal.

4. A determinación dos locais correspondentes a cada mesa electoral será efectuada pola XED.

Capítulo III

Censo electoral

Artigo 15º.-Elaboración do censo.

O censo electoral será elaborado por cada consello regulador e estará constituído por todos e cada un dos titulares inscritos, e con actividade, nos rexistros correspondentes do consello regulador, e segundo a normativa vixente ó respecto.

Artigo 16º.-Exposición dos censos.

1. A XED, unha vez recibidos de cada consello regulador os censos correspondentes, e despois das comprobacións que estime oportunas, dilixenciaraos coa sinatura do secretario e o conforme do presidente, e ordenará a súa exposición na sede do consello regulador correspondente, na da XED e nos demais lugares que se establezan na orde da convocatoria.

2. Nestes listados de exposición pública figurarán o nome, apelidos, enderezo e número do documento nacional de identidade ou CIF, dos censados, agrupados por concello e por orde alfabética.

3. O prazo de exposición dos censos, así como a presentación de reclamacións e recursos a estes e a súa resolución, determinarase na orde de convocatoria de cada proceso electoral.

4. Transcorrido o prazo anterior, e unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos.

Capítulo IV

Procedemento electoral

Artigo 17º.-Candidaturas.

1. Poderán propoñer candidaturas ás eleccións as cooperativas, sociedades agrarias de transformación,

organizacións profesionais agrarias, asociacións profesionais e os independentes que sexan avalados, polo menos, polo 5% do total de electores do censo ou subcenso de que se trate.

2. As candidaturas presentaranse mediante lista pechada, incluíndo tantos candidatos como vocalías para elixir no respectivo censo ou subcenso, así como un número de suplentes que sexa equivalente á metade do número de titulares e, no caso de que este fora impar, redondeando ó numero enteiro superior, con expresión da orde de colocación de todos eles. Como excepción ó anterior, naqueles supostos nos que o escaso número de inscritos nun censo ou subcenso impedira a presentación de máis dunha candidatura ou que non se puidera formar ningunha completa, poderanse admitir listas que conteñan menos titulares e/ou suplentes.

3. No caso de que se presente unha única candidatura ou lista para un censo ou subcenso, esta será proclamada pola XEC, sen necesidade de que continúe o proceso electoral para ese censo ou subcenso.

4. Ningunha cooperativa, SAT, organización profesional agraria ou asociación profesional poderá presentar máis dunha lista de candidatos para o mesmo censo ou subcenso.

5. Ningún inscrito poderá presentarse en máis dunha lista de candidatos, considerándose, se se dá o caso, unicamente válida a primeira candidatura presentada.

6. Ningunha organización profesional agraria, asociación profesional, cooperativa ou SAT, integrada noutra superior poderá presentar lista propia de candidatos se o fai a de maior ámbito.

Artigo 18º.-Presentación das listas de candidatos.

1. As candidaturas para a elección dos vocais de cada consello regulador que vaian representar cada un dos censos ou subcensos, presentaranse mediante solicitude de proclamación ante a XED.

2. Na presentación das candidaturas non poderán empregarse símbolos ou identificacións propios de partidos políticos.

3. Coa lista de candidatos acompañarase declaración xurada de cada un deles conforme non incorren en ningunha causa de inelexibilidade.

4. As listas que presenten as organización profesionais agrarias, asociacións profesionais, cooperativas ou SAT deberán ir subscritas por aqueles que exerzan a súa representación, de acordo cos seus estatutos. As demais candidaturas serán presentadas polos seus promotores. A identidade dos asinantes, no suposto de presentación polos electores, acreditarase ante a XED, que comprobará se os propostos e adheridos figuran no censo correspondente.

5. As listas presentaranse ante a XED expresando claramente os datos seguintes:

a) A denominación da organización propoñente. No caso de candidaturas independentes farase constar esta condición.

b) O nome e apelidos dos candidatos, tanto titulares como suplentes.

c) A orde de colocación dos candidatos dentro de cada lista.

6. As listas deberán presentarse acompañadas de declaracións de aceptación das candidaturas, subscritas polos candidatos, que deberán reuni-las condicións de elexibilidade. No caso de que os candidatos foran persoas xurídicas, xuntarase acordo de aceptación polo órgano de goberno ou rector.

7. A secretaría da XED estenderá dilixencia na que faga consta-la data e hora de presentación de cada lista, e expedirá recibo dela. A cada unha asignaráselle un número correlativo coa orde de presentación.

8. Será requisito indispensable para a admisión de candidaturas por parte da XED, o nomeamento, para cada lista, dun representante con enderezo na localidade na que teña a sede a XED, que será o encargado de realizar tódalas xestións da respectiva candidatura ante a dita xunta, así como o chamado a recibi-las notificacións que esta poida realizar. O enderezo do representante, que poderá ser ou non candidato, farase constar ante a secretaría da XED no momento de presentación da candidatura.

Artigo 19º.-Proclamación de candidaturas.

1. Rematado o prazo de presentación, as candidaturas quedarán proclamadas provisionalmente, salvo causa de inelixibilidade ou non inclusión no censo dalgún candidato, circunstancia que, denunciada ou apreciada pola XED, suporá a súa exclusión.

2. Unha vez proclamadas provisionalmente as distintas candidaturas, a XED acordará a súa exposición na sede desta e na do consello regulador correspondente.

3. Expostas as distintas candidaturas poderán presentarse reclamacións ante a XED e a resolución desta poderá ser recorrida ante a XEC.

4. Os prazos para presentar estas reclamacións e recursos, así como para a súa resolución pola xunta correspondente, serán os que se determinen na orde de convocatoria de eleccións.

5. Unha vez que a XEC proclame definitivamente as candidaturas, no caso de falecemento ou renuncia dun candidato, a súa vacante será cuberta polo seguinte na lista, modificándose correlativamente esta a partir do dito posto.

Artigo 20º.-Campaña electoral.

1. A campaña electoral comezará a partir do día sinalado na orde de convocatoria e rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior ó da votación, non podendo realizarse desde ese momento propaganda de ningún xénero a favor de ningunha candidatura.

2. A Xunta de Galicia poderá realizar durante o período electoral unha campaña de carácter institucional destinada ó fomento do voto, así como a informa-los electores sobre a data da votación, o procedemento para votar e os requisitos, sen influír, en ningún caso, na orientación do voto.

Artigo 21º.-Sobres e papeletas.

1. A Xunta Electoral Central aprobará e ordenará a confección dos modelos oficiais de papeletas e sobres, asegurará a súa dispoñibilidade e faraas chegar á XED.

2. Os sobres e papeletas de cada candidatura serán facilitados en número suficiente pola XED ás mesas electorais correspondentes.

3. Cada papeleta conterá unha única candidatura.

Artigo 22º.-Voto por correo.

1. Os electores, sen necesidade de xustificación de causa, poden emiti-lo seu voto por correo, logo de solicitude á XED e cumprindo os requisitos seguintes:

a) A solicitude poderá presentarse a partir da data de exposición dos censos definitivos e ata o décimo día anterior ó da votación.

b) A solicitude deberá formularse persoalmente ante a secretaría da XED, que esixirá ó solicitante a exhibición do documento nacional de identidade. No caso de persoas xurídicas inscritas, a solicitude será efectuada polo seu representante legal que acreditará persoalmente ante a dita secretaría a súa representación.

c) Nos supostos de enfermidade ou incapacidade que impidan a formulación persoal da solicitude, esta poderá realizarse por persoa debidamente autorizada polo elector, acreditando aquela a súa identidade e representación mediante documento autenticado ante notario.

d) Recibida a solicitude, a secretaría da XED comprobará a inscrición do solicitante no censo e practicará a anotación correspondente nel, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente, expedindo certificado conforme o voto se realizará por correo.

e) Dispoñibles os sobres electorais e as papeletas de tódalas candidaturas, a XED remitiraos ó enderezo do elector, xunto co certificado citado no parágrafo anterior e un sobre no que figure o enderezo da mesa na que lle corresponde votar.

f) Unha vez que o elector elixa a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación. Á súa vez, este sobre, xunto co certificado ó que fai referencia o letra d), introducirase no sobre no que figura a dirección da mesa, o que se remitirá por correo certificado á XED, conservando esta ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais.

Artigo 23º.-Interventores.

1. O representante de cada candidatura poderá nomear dous interventores por cada mesa electoral, ata o terceiro día anterior ó da votación. A súa designación formalizarase ante a XED, mediante a expedición da correspondente credencial conformada por cuadriplicado.

2. Para ser designado interventor é preciso estar inscrito no censo electoral da correspondente mesa, exercendo o seu dereito de sufraxio nela.

3. Un interventor dos dous designados poderá asistir á mesa electoral e participar nas súas deliberacións, con voz pero sen voto, e exerce-los demais dereitos previstos na lexislación electoral xeral.

4. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, os interventores dunha mesma candidatura, acreditados ante a mesa, poderán substituírse libremente entre si.

Artigo 24º.-Apoderados.

1. O representante de cada candidatura poderá apoderar calquera cidadán, maior de idade e que se atope en pleno exercicio dos seus dereitos civís e políticos, co obxecto de que exerza a representación da candidatura correspondente para tódolos efectos electorais.

2. O dito apoderamento formalizarase ata tres días antes da data das elección ante a secretaría da XED, que expedirá a correspondente credencial.

3. Os apoderados estarán obrigados a amosa-las súas credencias e o seu DNI ós membros das mesas electorais, como requisito indispensable para poder exerce-los dereitos previstos na lexislación electoral xeral.

Artigo 25º.-Constitución das mesas.

1. O presidente e os vocais de cada mesa electoral, así como os seus suplentes, están obrigados a reunirse o día das eleccións no local designado para a votación, á hora que se determine na orde de convocatoria.

2. Se o presidente non acudira substituirao o primeiro suplente, no caso de faltar este, substituirao o segundo suplente; e se este tampouco acudise tomará posesión como presidente o primeiro vocal ou o segundo por esta orde. Os vocais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidente, serán substituídos polos seus suplentes.

3. En ningún caso poderá constituírse a mesa sen a presencia dun presidente e dous vocais. No caso de que non se poida cumprir este requisito, os membros da mesa presentes e os suplentes que acudisen, redactarán e subscribirán unha declaración dos feitos acontecidos, que se enviará de inmediato á XED, que nomeará as persoas máis idóneas para constituí-la mesa electoral.

4. Reunidos o presidente e os vocais, recibirán durante a primeira media hora da xornada electoral as credenciais dos interventores que se presenten. Se se presentasen despois, o presidente non lles dará posesión do seu cargo.

5. Transcorrida a dita primeira media hora, o presidente expedirá a acta de constitución da mesa, asinada por el, os vocais e os interventores, se os houbese, entregando unha copia dela ó representante, apoderado ou interventor que a solicitase.

Na acta expresarase necesariamente con qué persoas queda constituída a mesa e a relación nominal dos interventores, se os houbese, con indicación da candidatura que representen.

6. O presidente da mesa terá, dentro do local, autoridade plena para conserva-la orde, asegura-la

liberdade dos electores e mante-la observancia da legalidade vixente.

Artigo 26º.-Votación.

1. Expedida a acta de constitución da mesa, iniciarase a votación e continuará sen interrupción ata a hora fixada de finalización que estará determinada na orde específica de convocatoria das eleccións.

2. Só por causa de forza maior poderá non iniciarse ou suspenderse, unha vez comezado, o acto de votación, sempre baixo a responsabilidade do presidente da mesa, quen resolverá ó respecto en escrito razoado, enviándoo o mesmo día da votación inmediatamente despois de redactado, á XED, para que esta poida comproba-la certeza dos motivos e declare ou esixa as responsabilidades a que houbese lugar. En poder do presidente quedará copia do escrito.

No caso de suspensión da votación non se terán en conta os votos emitidos, nin se procederá ó seu escrutinio. O presidente ordenará a destrucción das papeletas depositadas nas urnas, consignando este extremo no escrito ó que se refire o parágrafo anterior.

3. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector nas listas dilixenciadas do censo e, no caso de persoas físicas, pola demostración da súa identidade mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir nos que apareza a fotografía do titular, e no das xurídicas, mediante a acreditación do votante como o seu representante legal.

4. A votación será persoal e secreta; o presidente anunciará o seu inicio coas palabras «comeza a votación». Os electores acercaranse un a un á mesa identificándose segundo o establecido no parágrafo anterior. Despois de examina-las listas do censo electoral, comprobar que nelas figura o nome do elector, así como a súa identidade, e anotar que se presentou a votar, o votante entregaralle pola súa man ó presidente a papeleta introducida no sobre correspondente ó censo de que se trate.

5. Os electores que non saiban ler, ou que por defecto físico, estean impedidos para elixi-la papeleta ou colocala dentro do sobre e para entregala ó presidente da mesa, poderán servirse doutra persoa para facelo.

6. Á hora que sinale a orde de convocatoria, o presidente anunciará a finalización da votación e non permitirá a entrada no local a ninguén. Preguntará se algún dos electores presentes non votou aínda e, de se-lo caso, admitirá os votos dos que se atopen dentro do local. Acto seguido, o presidente procederá a introducir nas urnas as papeletas de voto remitidas por correo facilitadas pola XED, verificando que os electores estean inscritos nas listas do censo. A continuación votarán os interventores e os membros da mesa, primeiro os vocais e finalmente o presidente.

Artigo 27º.-Escrutinio.

1. Finalizada a votación, o presidente da mesa declarará pechada esta e comezará o escrutinio, extraendo as papeletas das urnas e lendo en voz alta o nome das candidaturas votadas.

2. O presidente porá de manifesto cada papeleta, unha vez lida, ós vocais e interventores e, ó final, confrontarase o número de papeletas co de votantes anotados.

3. Son votos nulos:

a) Os votos emitidos en papeleta ou sobre non oficiais.

b) Os votos nos que, por calquera causa, non se puidera determinar inequivocamente a candidatura elixida, ou que conteñan máis duna candidatura. No caso de conter máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto válido.

Son votos en branco os sobres que non conteñan ningunha papeleta.

4. Feito o reconto de votos, segundo as operacións anteriores, o presidente preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se non se fixera, ou despois de resoltas pola maioría da mesa as presentadas, anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de votantes, o de votos válidos, nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura.

5. Concluídas as operacións, o presidente, os vocais e os interventores da mesa, se os houbese, asinarán a acta da sesión, na que expresarán detalladamente o número de electores segundo as listas do censo electoral, o dos electores que votaron, o dos votos válidos, o de votos nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura, consignando sumariamente as reclamacións ou protestas formuladas, as resolucións dadas pola mesa e as incidencias se as houbese, con indicación dos nomes e apelidos dos que as produciron.

6. As papeletas extraídas das urnas destruiranse en presencia dos asistentes, con excepción daquelas ás que se negou validez ou foron obxecto de reclamación, que serán unidas á acta unha vez rubricadas polos membros da mesa.

7. Acto seguido colocarase unha copia da acta de escrutinio en lugar visible do local de votación.

Artigo 28º.-Documentación electoral.

1. A continuación, cada mesa preparará a documentación electoral, que se distribuirá en dous sobres:

a) O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

* Orixinal da acta de constitución da mesa.

* Orixinal da acta da sesión.

* Relación de interventores.

* Lista do censo electoral utilizada.

* Lista numerada dos votantes e papeletas ás que se lles negou validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación.

* Certificacións censuais achegadas.

b) O segundo sobre conterá copia das actas de constitución e da sesión.

2. Unha vez cerrados os sobres, o presidente, os vocais e os interventores asinaranos por enriba dos pregos que os cerran.

3. Unha vez preparada a correspondente documentación, o presidente, así como os vocais e interventores que o desexen, desprazaranse á sede da XED e faranlle entrega do primeiro sobre ó presidente desta. O segundo sobre quedará en poder do funcionario da consellería presente no proceso, quen o entregará á secretaría da citada XED.

Artigo 29º.-Atribución de postos.

1. Recibidas as actas de escrutinio de todas e cada unha das mesas electorais, a XED procederá á asignación de postos de elección tendo en conta a orde de colocación dos candidatos dentro de cada lista e de acordo co procedemento previsto no artigo 163.1º da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral, coa excepción de que se considerarán tódalas candidaturas, sen necesidade de reunir unha porcentaxe mínima dos votos válidos emitidos.

2. Os supostos de empate decidiranse por sorteo.

Artigo 30º.-Proclamación de vocais electos.

1. De acordo cos resultado electorais, a XED proclamará, a través do seu presidente, os vocais electos do consello regulador na data que se determine na orde de convocatoria.

2. Contra esta proclamación cabe recurso ante a XEC, debendo a dita xunta resolver e proceder á proclamación definitiva dos vocais electos no prazo que determine a orde de convocatoria.

3. As oportunas credenciais asinadas polo secretario da XEC, co visto e prace do presidente da dita xunta, remitiraas a secretaría da XEC ós vocais electos.

Artigo 31º.-Constitución do pleno do consello regulador.

1. O pleno constituirase o día que se estableza na orde de convocatoria tomando posesión os novos vocais electos en sesión presidida por un funcionario da consellería competente en materia de política agroalimentaria designado para o efecto polo seu titular.

2. A continuación, na mesma sesión, o consello en pleno proporá candidatos tanto para a designación de presidente como de vicepresidente do consello regulador, sen que sexa necesario que teñan estes a condición de vocal.

3. O presidente e o vicepresidente serán nomeados posteriormente polo conselleiro competente en materia de política agroalimentaria.

4. Unha vez constituído o consello regulador, as vacantes que se producisen por falecemento, abandono, dimisión, cesamento na actividade ou calquera outra causa dalgún dos seus vocais, serán cubertas a partir da lista á que pertencía o dito vocal e pola orde nela establecida.

Capítulo V

Procedemento especial

Artigo 32º.-Ámbito de aplicación.

Para consellos reguladores nos que o número de inscritos no conxunto dos seus censos non exceda de mil, o proceso electoral poderá levarse a cabo con todas ou algunha das particularidades que se

prevén neste capítulo, sempre que así se estableza na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 33º.-Administración electoral.

1. A administración electoral poderá estar integrada unicamente pola Xunta Electoral Central e polas mesas electorais que se determinen; asumindo a XEC as funcións da Xunta Electoral da Denominación ademais das propias.

2. Contra os actos desta XEC poderá interporse recurso de reposición ante ela, no prazo que se estableza na orde de convocatoria.

Artigo 34º.-Mesas electorais.

O número de mesas electorais será máis limitado, sendo determinado este e a localización das ditas mesas na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 35º.-Voto por correo.

1. No prazo que se determine na orde de convocatoria de cada proceso, a XEC, sen necesidade de solicitude previa do elector, enviará por correo certificado a tódolos inscritos:

a) Os sobres de votación e as papeletas das distintas candidaturas ás que se pode votar, segundo o censo no que figure inscrito.

b) Un sobre, debidamente franqueado, dirixido á XEC no que figure a dirección da mesa na que lle corresponde votar.

c) Unha ficha asinada polo secretario da xunta cos datos de inscrición no censo correspondente, que terá que asinar o interesado.

2. Unha vez que o elector elixa a papeleta de voto, introduciraa no sobre de votación. Á súa vez, este sobre, xunto coa fotocopia do seu DNI, e a ficha indicada na letra c) anterior asinada polo interesado, introduciranse no sobre no que figure o enderezo da XEC e remitirao a esta por correo certificado. A XEC anotará no censo correspondente e expedirá certificado conforme o voto se realizará por correo. Despois, conservará o sobre electoral ata o día da votación, no que o remitirá á mesa electoral correspondente xunto co certificado expedido. O presidente da mesa introducirá o sobre na urna correspondente, para o seu posterior escrutinio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cantas dúbidas xurdan na aplicación da presente norma e nas que a desenvolven serán resoltas polas xuntas electorais tendo en conta os principios establecidos na lexislación electoral xeral.

Segunda.-A orde de convocatoria poderá concreta-los lugares e a hora de finalización dos prazos de presentación de escritos e recursos, co fin de adapta-lo proceso ó calendario electoral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de política agroalimentaria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural