Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 06 de marzo de 2002 Páx. 3.039

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 62/2002, do 8 de febreiro, polo que se resolve o expediente de segregación-agregación entre os termos municipais de Fene e Cabanas (A Coruña).

Por acordos dos concellos de Fene e Cabanas do 3 de xuño de 1999 e 4 de outubro de 1999, de conformidade co establecido no artigo 32.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, iniciouse expediente relativo á alteración dos termos municipais sinalados, consistente nunha incorporación recíproca de terreos que se concreta nunha diminución de 5.865 m de superficie bruta do territorio do concello de Fene en favor do concello de Cabanas, de acordo cos seguintes:

I. Feitos:

1. A fundamentación da petición de segregación-agregación baseouse, segundo as alegacións dos concellos, na necesidade de regulariza-la liña límite para posibilita-la parcelación urbanística dos rueiros B, C, D (parte), L, Q (parte), R, S, T, e V pertencentes á actuación industrial Vilar do Colo, co fin de que os predios ou soares resultantes do proceso urbanizador quedasen situados nun só dos termos municipais, xustificándose na concorrencia de motivos de necesidade e conveniencia económica e administrativa.

2. Tramitado o expediente, déuselle audiencia á Deputación Provincial da Coruña, para a emisión do informe pertinente e foi sometido a Comisión Galega de Delimitación Territorial para a elaboración da proposta de resolución.

3. O expediente foi tramitado conforme o procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 xuño, de Administración local de Galicia.

II. Fundamentos de dereito:

Examinada a documentación que figura no expediente, e solicitados os oportunos informes e dictames, os cales constan incorporados ó expediente, considérase xustificada dabondo a causa do artigo 29 b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que prevé a existencia de notorios motivos de necesidade ou conveniencia económica administrativa.

Polo que se refire ó fondo do asunto, o expediente cumpre os requisitos legalmente establecidos e recolle os informes técnicos xustificativos de que concorren as motivacións necesarias para levar a cabo a segregación e que alteración non mingua a solvencia dos concellos ós que afecta.

Visto o disposto nos artigos 37, 38 e 41 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o acto administrativo de resolución do prodecemento adoptará a forma de decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da Comisión

Galega de Delimitación Territorial e tralo dictame do Consello Consultivo de Galicia, dándose traslado de todo isto á Administración xeral do Estado.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia emitido o dezasete de decembro de dous mil un, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Estima-la petición de segregación-agregación formulada polos concellos de Fene e Cabanas, consistente na incorporación recíproca de terreos que se concreta nunha diminución de 5.862 m de superficie bruta do territorio do concello de Fene en favor do concello de Cabanas, tal como se acredita no documento de parcelación urbanística dos rueiros B, C, D (parte), L, Q (parte), R, S, T, U e V pertencentes á 1ª fase da actuación industrial en Vilar do Colo, por considerar que queda acreditada dabondo a circunstancia establecida no artigo 29 b) da

Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A nova delimitación entre os termos de Fene e Cabanas é a que consta na planimetría que se recolle no anexo I e na lenda explicativa que se recolle no anexo II deste decreto.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución, ou ben recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación, sen prexuízo de que poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO II

Explicación literal do percorrido da liña límite entre os termos municipais de Fene e Cabanas no polígono de Vilar do Colo.

Descrición da liña divisoria anterior á construcción do polígono: (liña sinalada no plano coa letra A).

A liña divisoria entre ambos termos municipais na área afectada pola construcción do polígono estaría definida polo punto que ten como coordenadas UTM (567570'79/4811404'17) que estaría situado no centro dun alpendre auxiliar ás instalacións da estación de servicio situada na marxe esquerda da estrada nacional 651 no punto quilométrico 27,2. Desde este punto parte en dirección sur e oeste ata un punto correspondente á situación do marco número 11 do deslinde practicado entre ambos concellos no ano 1927 situado no lugar denominado Capacheira, no linde do camiño de Maniños a Laraxe e que ten como coordenadas UTM (567048'62/4811285'39). Neste punto a liña de deslinde fai un quebro en dirección sur-oeste formando un ángulo de 129º 40' 03'' coa liña anterior e se cruza co límite do polígono no punto que ten coordenadas UTM (566698'46/4810593'78). A distancia entre este último punto e o anterior é de 775 metros e entre ese anterior e o primeiro é de 535 metros.

Descrición da nova liña de deslinde: (liña sinalada no plano coa letra B).

A nova liña de deslinde arranca dun punto situado baixo o teito da devandita estación de servicio da que as coordenadas UTM son (567566'83/4811427'52) desde aquí parte en dirección oeste e norte durante un tramo de 114 metros ata o punto (567456'38/4811455'78) situado no rueiro A do polígono e nunha zona de intersección de espacios libres con equipamento deportivo; neste punto a liña fai un quebro de 90º en dirección sur e oeste con respecto ó anterior e descorre nun tramo de 188 metros ata o punto (567409'79/4811273'69) situado no eixe da rúa «A» do polígono, intermedio entre a rotonda situada na intersección da rúa «A» coa rúa «B» e a rotonda situada na intersección de acceso á estrada nacional 651 coa devandita rúa; desde o punto anterior continúa a liña nun tramo de 83,5 metros en dirección este-oeste ata o centro da rotonda situada na intersección da rúa «A» coa rúa «B» (567326'41/4811278'61); a partir deste punto continúa na mesma dirección durante un tramo de 287 metros polo

eixe da devandita rúa «A» ata o centro da intersección das rúas «A» e «G» do polígono (567042'84'/4811300'77), este último tramo describe un arco cunha lonxitude de 287 metros e na súa parte central descorre sobre unha das pontes que sobrevoa a autoestrada; continúa a liña de deslinde en dirección sur durante un tramo de 194 metros polo eixe da rúa «G» ata a intersección de ésta coa rúa «J» (567058'11/4811109'50), coincidindo parte deste tramo co carril de acceso á autoestrada dirección Fene-Cabanas, neste punto fai un quebro cara ó oeste e discorre polo eixe da rúa «J» nun tramo de 118 metros ata a intersección desta coa rúa «E», punto (566943'79/4811138'75); neste punto fai un quebro de 90º en dirección sur e oeste con respecto á liña anterior

e discorre polo exe da rúa «E» durante un tramo de 296 metros ata o punto de intersección desta rúa coa rúa «F», punto (566870'41/4810851'99); aqui fai un quebro de 90º en dirección oeste e norte con respecto á liña anterior e continúa nun tramo de 133 metros ó longo da rúa «F» ata o punto (566741'56/4810884'96) coincidente coa intersección do eixe da rúa «F» e a proxección no mesmo da liña divisoria entre as parcelas 2 e 3 do rueiro «H» do polígono; por último, a liña de deslinde fai un último quebro neste punto, en dirección sur e oeste, formando un ángulo de 90º con respecto ó tramo anterior e continúa nun tramo de 252,5 metros ata a intersección coa liña perimetral do polígono, punto (566678'95/4810640'26), discorrendo esta liña entre as parcelas 2 e 3 do rueiro «H», atravesando tamén unha zona de espacios libres de dominio e uso público.

A liña así descrita deixa situadas dentro do termo de Cabanas unha porción do rueiro «A» (destinada a equipamentos deportivos, espacios libres e accesos), os rueiros «L», «M», «N», «O», «P», «Q», «R», «S», «T», «U» e as parcelas «3 a 11» do rueiro «H» así como unha porción de espacio libre e de equipamento deportivo deste mesmo rueiro. Quedan situados no termo de Fene parte do rueiro «A» destinado a espacios libres e equipamento deportivo. O rueiro «B», «C», «D», «E», «F», «G», «I», «J», «K» e as parcelas «1 e 2» así como unha porción destinada a espacio libre de dominio e uso público do rueiro «H».

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA