Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 06 de marzo de 2002 Páx. 3.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de febreiro de 2002 pola que se convocan axudas de apoio á formación e actualización do profesorado universitario.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a da Coruña e a de Vigo.

O artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), establece que a selección, formación e promoción do persoal docente e investigador de cada universidade é competencia da universidade, dentro da súa autonomía. Do mesmo xeito, segundo o artigo 8 da citada lei, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia respecto da creación de centros e implantación de titulacións. Deste xeito, póñense en marcha accións que favorezan a calidade da docencia das ensinanzas autorizadas e efectivamente xa implantadas a través do contacto con profesores doutras universidades, así como das autorizadas e aínda non impartidas. Precisamente por iso, as accións deseñadas son de apoio á formación, pois carecería de fundamento legal financiar bolsas para a formación nunha futura titulación, se as universidades non pensan imparti-los estudios conducentes a ela, ou se os departamentos entenderan que non precisaban formar máis persoal nesa materia determinada.

Froito da experiencia de anos anteriores, e das suxestións feitas polas propias universidades e da comisión nomeada para o efecto, procédese a convocar tres accións distintas, orientadas á actualización do profesorado na materia que imparten, formación do profesorado en novas titulacións ou materias e para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Neste tipo de accións son as universidades as que garanten a actualización, reciclaxe e promoción do seu profesorado, así como a liña na que queren favorece-la súa formación.

Trátase de executar accións que cumpran os marcos legais establecidos polo noso ordenamento e que contribúan a mellora-la calidade do Sistema Universitario de Galicia, apoiando a formación e actualización do profesorado universitario da Comunidade Autónoma.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas, que se inclúen como anexos a esta orde, para apoio á formación e perfeccionamento do profesorado:

1. Axudas para actualización do profesorado respecto da materia que imparten.

2. Axudas para a formación de profesores en novas titulacións ou materias.

3. Axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 17.429 euros para os anexos I e II con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.3 e 53.190 euros para o anexo III con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.440.3, de acordo co disposto no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001, para o exercicio de 2002. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-lo prazo ou facer pública unha nova convocatoria, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzado.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse no momento que sexan aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2002.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes, segundo os modelos oficiais que se recollen ó final desta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Artigo 4º.-Comisión avaliadora.

Para a concesión destas axudas desígnase unha comisión avaliadora das bolsas e axudas de apoio

á formación e actualización do profesorado universitario que estará integrada polas seguintes persoas:

Presidente:

-O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector competente na materia.

-Pola Universidade da Coruña, o vicerrector competente na materia.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerrector competente na materia.

-Un representante do Servicio de Coordinación do sistema universitario.

Secretario:

-Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 5º.-Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros dos anexos I e II será realizada pola comisión avaliadora designada no artigo 4º da presente orde. Esta comisión elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará a relación de beneficiarios, unha lista de reserva e das solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para os efectos de información, os interesados poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario. Todo isto, segundo o disposto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de

función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, de 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bolsas para actualización do profesorado respecto da materia que imparten

1. Obxecto e destinatarios.

O obxecto destas axudas é contribuír á actualización e reciclaxe do profesorado das universidades de Galicia respecto da materia que imparten, mediante o financiamento de estadías en centros e universidades situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito tal que se favoreza a modificación parcial do programa da materia que imparten como consecuencia da viaxe.

As bolsas poderán ser solicitadas por tódolos profesores numerarios, interinos ou contratados que pertenzan a algunha das tres universidades da Comunidade Autónoma, sempre que estean impartindo clases teóricas, teñan dedicación a tempo completo e posúan unha antigüidade mínima de 3 anos na docencia.

2. Duración e período de aproveitamento.

Estas bolsas cobren estadías de 1 a 2 meses de duración. As estadías que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro do 2002.

3. Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

3.1. Currículo do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados e especial referencia ós servicios docentes prestados.

3.2. Resumo das unidades temáticas da materia que imparte o solicitante e programa da materia.

3.3. Memoria na que xustifique o interese da estadía para a actividade docente do solicitante, facendo consta-lo programa de actividades que se realizarán e as unidades temáticas que pretende incorporar ou modificar.

3.4. Aceptación do centro onde se vai realiza-la estadía.

3.5. Certificación do departamento correspondente, co visto e prace do director, no que conste que o solicitante reúne os requisitos ós que fai referencia o punto 1 desta convocatoria. Deberase facer referencia tamén á antigüidade na materia na que pretende formarse segundo o Plan de Organización Docente (POD) do departamento.

3.6. Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente.

3.7. Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

-Interese das actividades que se van realizar en relación coa actividade docente do solicitante.

-Currículo do solicitante.

-Antigüidade como docente e antigüidade na materia que imparte e na materia que pretende actualizarse.

-A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e unha universidade ou centro de investigación no exterior.

5. Tramitación e resolución.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de profesorado das universidades de Galicia, nos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta do 10 ó 20 de abril de 2002, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

6. Contía das axudas.

O importe das axudas incluirá:

6.1. Unha asignación mensual comprendida entre 620 e 1.350 euros brutos segundo as circunstancias do lugar no que se vai realiza-la estadía. No caso de que a estadía sexa menor a un mes considéranse os meses de 30 días, e a cantidade correspondente por día sería 1/30 da contía mensual.

6.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de aproveitamento da estadía.

6.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión a que se alude no artigo 4º os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

7. Pagamento.

O importe das bolsas concedidas ós beneficiarios efectuarase en dous prazos, de acordo co disposto no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001, para o exercicio de 2002:

a) Un primeiro pagamento do 80% farase no momento da concesión.

b) Un segundo pagamento do 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas nesta orde.

8. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de aproveitamento dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Nos 10 días seguintes ó remate do período de aproveitamento deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Memoria final das actividades realizadas facendo constar, xustificadamente, as actividades que se realizarán como consecuencia da estadía, leccións que se incorporarán no programa da súa materia, plan de estudios correspondente e a organización do centro no que se realizou a estadía.

b) Informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia nel.

En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

9. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados que, eventualmente, poidan obterse con ocasión do aproveitamento da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla

ANEXO II

Axudas para a formación de profesores en novas titulacións ou materias

1. Obxecto e destinatarios.

A finalidade desta convocatoria é apoia-la formación, noutros centros universitarios, de persoal docente especializado para as materias novas de carácter troncal ou obrigatorio, sempre que a universidade non teña xa profesorado preparado na área de coñecemento correspondente e as materias sexan de nova implantación ou correspondan a unha titulación aprobada ou de futura implantación nas universidades da Comunidade Autónoma, de xeito tal que se poida comeza-la impartición da materia garantindo un mínimo razoable de calidade docente. Os solicitantes deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Te-la titulación que sexa precisa para imparti-la materia que se vai implantar (diplomado, licenciado ou doutor).

c) Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar homologados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, na data de remate da convocatoria.

2. Duración e período de aproveitamento.

Estas bolsas cobren estadías de ata 8 meses de duración, como máximo, en centros situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan o contido da materia que se quere impartir no noso sistema universitario, aínda que non teña a mesma denominación.

As estadías que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2002.

3. Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

3.1. Currículo do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

3.2. Informe acerca da identificación da materia na que pretende formarse na viaxe e actividades que se realizarán durante a estadía que contribuirán á súa formación nela. No informe incluirase xustificación acerca da adecuación do centro de destino ós obxectivos da viaxe e as actividades que se vaian realizar. Así mesmo, deberá explicarse a identidade ou a semellanza entre a materia obxecto de especialización e a materia que se imparte na universidade receptora.

3.3. Informe realizado polo solicitante no que se faga consta-la motivación da solicitude de axuda, ben como reciclaxe profesional, formación inicial docente (inicio de docencia universitaria) ou cambio voluntario de traxectoria como docente por interese na nova materia.

3.4. Informe do departamento ó que pertence o solicitante no que se faga consta-la necesidade de profesorado especializado para a nova materia de acordo coa dotación da área de coñecemento, no suposto de que quedara adscrita a materia ó departamento.

3.5. Certificado do vicerrector de profesorado respecto da efectiva impartición da materia e da titulación nun futuro próximo, con referencia ás áreas de coñecemento ás que se adscribirá esa materia co fin de comproba-la coherencia da solicitude.

3.6. Aceptación do centro onde se vai desenvolve-lo traballo.

3.7. Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste a conta cliente

3.8. Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

-Plan de traballo e o seu interese segundo o establecido no punto 3.2.

-Currículo do solicitante.

-Informe do departamento ó que se refire o punto 3.4.

-A Comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e unha universidade ou centro de investigación no exterior.

5. Tramitación e resolución.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde, e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de profesorado das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta do 10 ó 20 de abril de 2002, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

6. Contía das bolsas.

O importe da bolsa comprenderá:

6.1. Unha asignación mensual que estará comprendida entre 620 e 1.350 euros brutos segundo as circunstancias do lugar, a experiencia profesional do solicitante e as particularidades do plan de traballo que se vaia desenvolver. No caso de que a estadía sexa menor a un mes considéranse os meses de 30 días, e a cantidade correspondente por día sería de 1/30 da contía mensual.

6.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes durante o período de aproveitamento.

6.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión á que se alude no artigo 4º, os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

7. Pagamento.

Unha vez concedida a subvención librarase a cantidade adxudicada de acordo co disposto no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001, para o exercicio de 2002:

1. Se a subvención concedida non supera o importe de 6.010 euros brutos poderá acordarse un primeiro pagamento do 80% no momento da concesión e un segundo pagamento do 20% restante, no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

2. Se a subvención concedida supera o importe de 6.010 euros brutos poderá acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata un máximo do 80% da subvención concedida.

8. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de aproveitamento, dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino agás circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Os beneficiarios de bolsas con estadías de máis de 6 meses, antes de remata-lo segundo trimestre do período de aproveitamento da bolsa, deberanlle remitir á Dirección Xeral de Universidades un informe do labor realizado ata o momento.

Nos 10 días seguintes ó remate do período de aproveitamento, deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Informe final do traballo realizado, que deberá incluí-la copia dos traballos eventualmente publicados, facendo consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia.

b) Informe do director do cenrto de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro.

c) Proxecto docente relativo á materia na que se estivo a preparar.

Para os efectos da memoria, enténdese o proxecto docente como organización curricular da materia para un tempo fixado e nun plan de estudios concreto, no tocante ó ensino e á consolidación dos coñecementos nesa materia.

En calquera momento a dirección xeral poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

9. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do aproveitamento da bolsa serán propiedade dos seus autores que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que lle remitir á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

ANEXO III

Axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes

1. Obxecto e destinatarios.

As universidades beneficiarias destas axudas destinaranas a apoia-la formación do profesorado universitario da Comunidade Autónoma, financiando a estadía de profesores de recoñecido prestixio, pertencentes a centros situados fóra da nosa Comunidade Autónoma, que desexen incorporarse temporalmente a unha das universidades galegas, con motivo de difundi-los seus coñecementos entre a nosa comunidade universitaria.

Deste xeito, preténdese que as actividades que realicen redunden en beneficio do sistema universitario de Galicia na súa faceta académica e de investigación, dentro do espectro da autonomía universitaria.

2. Duración e período de aproveitamento.

A duración da estadía dos profesores visitantes deberá ser superior a 1 mes e ata 8 meses como máximo. As estadías que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro do 2002.

3. Documentación.

As universidades presentarán as solicitudes xunto coa seguinte documentación:

-Relación de profesores visitantes, por orde de prioridade, acompañada dunha lista de reserva.

-Proposta de gasto correspondente á visita.

-Especificación da parte do gasto que se pensa financiar coa axuda concedida pola consellería.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

4. Selección.

Cada universidade poderá presentar, como máximo, o equivalente a dúas peticións de máxima duración.

A Dirección Xeral de Universidades admitirá as dúas propostas seleccionadas por cada unha das universidades, pois entende que, en virtude do establecido no artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), a selección, formación e promoción do persoal docente e investigador é competencia da universidade, dentro da súa autonomía, así como a determinación das condicións nas que estes teñen que desenvolve-la súa tarefa.

No caso de que algunha universidade non complete as súas solicitudes de estadía, estas repartiranse entre as outras universidades a partes iguais.

A Dirección Xeral de Universidades elevará un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que resolva mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e poñerá fin á vía administrativa.

5. Contía da axuda.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario estará comprendida entre 1.130 e 2.220 euros por mes de estadía.

6. Pagamento.

Unha vez concedida a subvención libraráselle á universidade correspondente a cantidade adxudicada de acordo co disposto no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001, para o exercicio de 2002.

6.1. Se a subvención concedida non supera o importe de 6.010 euros brutos poderá acordarse un primeiro pagamento á universidade do 80% no momento da concesión e un segundo pagamento do 20% restante, no momento da completa xustificación por parte da universidade do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

6.2. Se a subvención concedida supera o importe de 6.010 euros brutos poderá acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que a universidade xustifique os gastos, ata un máximo do 80% da subvención concedida.

7. Xustificación.

Nos 10 días seguintes ó remate do período de aproveitamento, cada universidade remitiralle á Dirección Xeral de Universidades un informe no que se detallen as actividades realizadas polo profesor visitante durante a estadía, así como unha certificación na que conste o cumprimento da finalidade da subvención e que os fondos se aplicaron a ela.