Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.977

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre eficacia administrativa e análise económica do dereito.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre eficacia administrativa e análise económica do dereito, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Os imperativos de eficacia e eficiencia na actuación administrativa provocaron a introducción de métodos económicos na análise e na aplicación do dereito público. A influencia crecente deste método afecta tanto a producción das normas administrativas coma os plans de modernización da Administración e incluso as propias resolucións xudiciais. O estudio polo miúdo desta temática constitúe o obxectivo das xornadas, dirixidas principalmente a tódalas autoridades, funcionarios e operadores xurídicos implicados na producción, interpretación e aplicación das normas e dos actos administrativos, para unha axeitada conciliación da eficacia e economía co principio de legalidade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Principio constitucional de eficacia e legalidade administrativa.

-A construcción teórica da análise económica do dereito.

-A producción das normas administrativas.

-A linguaxe das normas: claridade, economía e seguridade xurídica.

-Principios, estratexias e técnicas para unha actuación administrativa eficaz.

-Análise económica do dereito e resolucións xudiciais.

-Discrecionalidade administrativa e dereito á tutela xudicial efectiva.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (praza da Estrela-Concepción Arenal, nº 8, da citada cidade) os días 20 e 21 de marzo de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 15 de marzo de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 18 de marzo, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA