Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.976

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 58/2002, do 14 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación complementario do polígono público das Fontiñas.

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión do día cinco de outubro de dous mil un, aprobou o proxecto de expropiación do polígono público das Fontiñas, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día un de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día quince de febreiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, son necesarias cas actuacións en tres puntos do polígono das Fontiñas:

1º Conexión con San Lázaro pola avenida de Roma, para desconxestión do cruzamento entre San Lázaro e esta avenida, incrementado a seguridade vial neste punto; 2º Culminación das zonas verdes no parque Carlomagno e alargamento e mellora da rúa Vieiro, que dá acceso ó estadio de fútbol, que é utilizada como vía de emerxencia nas grandes concentracións deportivas; 3º Creación de servicios para o correcto funcionamento dos accesos ó aparcadoiro subterráneo, situado nas proximidades do centro de saúde, Cruz Vermella e xulgados, obra que foi adxudicada e próxima a executar, para resolve-los graves problemas de aparcamento nesta zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación complementaria do polígono público público das Fontiñas.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais