Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.976

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 57/2002, do 14 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Vicedo (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de terminación do acceso á praia de Xilloi.

O Concello do Vicedo, en sesión do día vinteseis de xullo de dous mil un, aprobou o proxecto de terminación de acceso á praia de Xilloi e na sesión do catro de setembro de dous mil un acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria, para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día seis de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día once de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, as obras teñen como finalidade dotar dos servicios básicos de abastecemento de auga potable, saneamento e iluminación pública a tódalas vivendas da zona, xa que estes servicios están ó descuberto e incluso algunhas das vivendas carecen deles. Tamén se pretende actuar sobre o firme da vía pública dado que existen zonas sen asfaltar e proceder ó rectificado dunha curva sen ningunha visibilidade xa que estas circunstancias fan que sexa unha zona de alto risco para os viandantes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Vicedo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído

para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de terminación do acceso á praia de Xilloi.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais