Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO56/2002, do 14 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de Paseo de Ribeira de San Tomé.

O Concello de Cambados, en sesión do día cinco de outubro de dous mil un, aprobou o proxecto de Paseo de Ribeira de San Tomé, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezasete de xaneiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catro de febreiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, os terreos sobre os que se pretende actuar, para construí-lo paseo marítimo, atópanse especialmente degradados e son frecuentes os depósitos incontrolados de lixo e outros residuos, cos problemas de salubridade e deterioración do medio que da actual situación derivan para un concello que está a experimentar un aumento de poboación. Nesta obra tamén se verían afectados os terreos dunha concesión administrativa, que será preciso que resolva a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, con carácter previo á ocupación dos terreos afectados pola concesión, xa que se trata de terreos de dominio público marítimo-terrestre e non son expropiables por parte do concello e para unhas obras que vai facer a propia Dirección Xeral de Costas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de Paseo de Ribeira de San Tomé, agás a concesión administrativa á que se fai referencia no parágrafo quinto deste decreto, que para a súa ocupación será necesaria a previa resolución da concesión vixente.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais