Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.974

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 55/2002, do 8 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Salceda de Caselas (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da rúa desde a rúa doutor Zunzunegui ó Rollo.

O Concello de Salceda de Caselas, en sesión do día vintecinco de outubro de dous mil un, aprobou o proxecto de urbanización da rúa desde a rúa doutor Zunzunegui ó Rollo e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria, para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecinco de xaneiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día quince de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, o aumento da poboación, a construcción de novos edificios e a apertura de locais comerciais, xerou nestes últimos anos serios problemas de tráfico, agravado polo procedente de Santa María de Salceda, A Picoña, Alxén (Salvaterra de Miño) e A Nogueira (Ponteareas), o que está a producir continuos atascos no centro da vila, ocasionando innumerables molestias á vida da localidade de Salceda de Caselas. Por todo isto é polo que se fai necesaria a construcción da nova víal que dea saída ó tráfico pola rúa Doutor Zunzunegui e o canalice cara ó Porriño.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Salceda de Caselas, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da rúa desde a rúa doutor Zunzunegui ó Rollo.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais