Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 05 de marzo de 2002 Páx. 2.974

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 27 de febreiro de 2002 pola que se fai pública a designación dos membros integrantes das xuntas intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias de Galicia.

En cumprimento do establecido nos artigos 18 e 19 da Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias, cómpre designa-los membros integrantes das xuntas intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias.

En consecuencia, en virtude das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e en aplicación do disposto nos artigos 18 e 19 da Lei 1/2000, do 10 de xullo, pola que se refunde a normativa en materia de cámaras agrarias, e logo de verificarse a proposta das organizacións profesionais agrarias nos termos establecidos no punto 2 da disposición transitoria primeira da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto facer pública a designación dos membros integrantes da xunta electoral galega e das xuntas electorais provinciais para as eleccións a cámaras agrarias.

Artigo 2º

A composición das xuntas intervenientes no proceso electoral para as eleccións a cámaras agrarias será a seguinte:

Xunta electoral galega:

-Presidente, vicepresidente e secretario: serán, respectivamente, o secretario xeral, o director xeral de Infraestructuras Agrarias e a asesora xurídica desta consellería, de conformidade co disposto no artigo 18.1º a), b) e c) da Lei 1/2000.

-Vocais:

* Funcionarios da Comunidade Autónoma pertencentes ó corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, licenciados en dereito: Asunción Martín Azpiazu e José Antonio Martínez Carro.

* Xuristas de recoñecido prestixio designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias: Antonio Martínez Puñal, Pedro González Boquete, Miguel Ángel Lamela Méndez e Isabel Manzano Maceira.

Xuntas electorais provinciais:

-Presidentes, vicepresidentes e secretarios: serán, respectivamente, o delegado provincial, o secretario e o xefe do Servicio Técnico-Xurídico da correspondente delegación desta consellería, de conformidade co disposto no artigo 19.1º a), b) e c) da Lei 1/2000.

-Vocais: xuristas designados por proposta unánime das organizacións profesionais agrarias.

* Da xunta electoral provincial da Coruña: Pedro Pedreira Candal e Mª Jesús González Paradela.

* Da xunta electoral provincial de Lugo: Carlos Somoza López e Xosé Manuel Fernández Varela.

* Da xunta electoral provincial de Ourense: Miguel Anxo González Trigas e Luis Guillermo Álvarez Porto.

* Da xunta electoral provincial de Pontevedra: Ramón González Vinagre e Patricia Rivas Villa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 2 de novembro de 2000 pola que se fai pública a designación dos membros integrantes das xuntas intervenientes nas eleccións a cámaras agrarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A xunta electoral galega e as xuntas electorais provinciais deberán constituírse formalmente no prazo de dez días desde a entrada en vigor desta orde.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral da consellería para dictar cantas disposicións fosen precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural