Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 01 de marzo de 2002 Páx. 2.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2002 pola que se fan públicos os acordos de creación de ficheiros automatizados de datos de carácter persoal.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só se poderán facer mediante a disposición xeral publicada no Diario Oficial de Galicia.

Interésalle ó Igape a creación de ficheiros automatizados, que deben conter datos de carácter persoal, para:

-Rexistrar, avaliar e publicita-las actividades de formación, difusión e sensibilización realizadas polo Igape. Interesa neste caso manter datos de carácter persoal relativos ós participantes nas citadas accións, para efectos de personaliza-los correspondentes mailings de difusión de actividades e establecer cruzamentos de datos que permitan unha correcta avaliación da efectividade das accións realizadas.

-Difundi-lo denominado Banco de ideas e proxectos, que corresponde á descrición de ideas empresariais postas en marcha por emprendedores. Perséguese con esta actuación anima-los potenciais emprendedores á posta en funcionamento das súas ideas, mostrando a experiencia doutros que si o fixeron. Neste caso, interesa o mantemento de datos de carácter persoal polo reforzo psicolóxico que supón mostrar un proxecto emprendedor xunto coa persoa que o puxo en marcha, mostrando que os casos expostos son reais.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que teño conferidas mediante acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, na súa sesión do día 8 de febreiro de 2002,

RESOLVO:

A creación dos seguintes ficheiros automatizados de datos de carácter persoal:

1. Ficheiro automatizado de datos de carácter persoal Banco de ideas e proxectos, que figura como anexo I.

2. Ficheiro automatizado de datos de carácter persoal Actividades de formación, que figura como anexo II.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Creación do ficheiro automatizado de datos de carácter persoal Banco de ideas e proxectos:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) o ficheiro de datos de carácter persoal denominado Banco de ideas e proxectos emprendedores.

Artigo 2º.-Finalidade, usos e estructura.

1. O ficheiro ten por finalidade elaborar unha base de datos con experiencias empresariais, que inclúe tanto datos persoais como aqueles relativos ó proxecto empresarial, ademais de fotografías do emprendedor na súa empresa.

As persoas ou colectivos afectados serán aqueles emprendedores que desenvolvan os seus proxectos empresariais na Comunidade galega e manteñan relación co Igape, ben a través do seu programa de emprendedores, ou a través dos seus seminarios de difusión da cultura emprendedora.

2. O uso previsto do ficheiro é a posta á disposición dos interesados dunha base de datos con experiencias empresariais, que inclúe tanto datos persoais dos promotores dos proxectos como datos relativos ó proxecto empresarial, ademais de fotografías do emprendedor na súa empresa.

Os datos de carácter persoal, rexistrados neste ficheiro, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

3. A estructura do ficheiro será a de base de datos, na que constarán os seguintes datos de carácter persoal:

3.1. Nome e apelidos dos promotores do proxecto emprendedor.

3.2 Idades dos promotores.

3.3. Perfil dos promotores (formación académica e experiencia profesional previa).

3.4. Formación empresarial dos promotores.

3.5. Datos de opinión:

a) Principais motivacións que o levaron a crea-la empresa.

b) Claves do éxito da súa empresa.

c) Dificultades iniciais e ameazas futuras.

d) Importancia da formación específica sobre creación de empresas para o éxito dos proxectos empresariais.

e) Aptitudes persoais necesarias para emprender con éxito.

3.6. Datos relativos á empresa:

a) Nome da empresa.

b) Actividade.

c) Data de posta en marcha.

d) Nº de empregados.

e) Investimento inicial.

f) Financiamento do investimento.

g) Perfil dos seus clientes.

h) Situación da empresa na actualidade.

i) Anécdotas relacionadas coa empresa.

Artigo 3º.-Medidas de seguridade.

Este ficheiro clasifícase como de nivel básico, atendendo o disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño. As medidas de seguridade polas que se rexerá o ficheiro están especificadas no documento de seguridade elaborado polos servicios da Secretaría Xeral polo Igape.

Artigo 4º.-Órganos da Administración responsables dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros automatizados correspóndelle á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, que adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 5º.-Dereito de acceso, rectificación e cancelación.

Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación poderán exercese, se é o caso, ante o responsable do ficheiro (complexo administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela).

Artigo 6º.-Procedemento de recollida de datos.

O procedemento de recollida dos datos de carácter persoal realizarase por medio de enquisas ós afectados, en formato papel.

Artigo 7º.-Comunciación e cesión dos datos.

Previo consentimento do afectado, os datos poderán comunicarse dos seguintes xeitos:

-Formato disquete ou CD que se lles entregará ós asistentes a conferencias, seminarios e outros actos de difusión da cultura emprendedora, organizados polo Igape.

-A través da Internet, mediante a publicación da base de datos nunha páxina web.

-En soporte papel, a través de revistas e boletíns nas que se inclúan algunhas das experiencias que contén a base de datos.

ANEXO II

Creación do ficheiro automatizado de datos de carácter persoal Actividades de formación:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) o ficheiro de datos de carácter persoal denominados Actividades de formación.

Artigo 2º.-Finalidade, usos e estructura.

1. O ficheiro ten por finalidade rexistrar, avaliar e publica-las actividades de formación e sensibilización do Igape. As persoas e colectivos afectados serán os asistentes e as entidades colaboradoras dos seminarios programados do Igape.

2. Utilizaranse os datos para coñece-lo perfil dos asistentes, elaborar estudios estatísticos e crear unha base de datos deles para ofertarlles información sobre outras iniciativas do Igape que lles poidan interesar. Os datos de carácter persoal, rexistrados neste ficheiro, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

3. A estructura do ficheiro será a de base de datos, na que constarán os seguintes datos de carácter persoal:

3.1. Datos de carácter identificativo:

-Nome e apelidos.

-DNI.

-Enderezo postal.

-Teléfono.

-Fax.

-Idade.

-Data de nacemento.

-Sexo.

-E-mail.

-Formación/estudios realizados.

-Ordenador persoal.

3.2. Datos relativos á empresa e a entidade colaboradora:

-Nome da empresa.

-Cargo.

-CIF.

-Enderezo postal.

-Comarca.

-Tipo de entidade.

-Teléfono.

-Fax.

-Web.

-E-mail.

3.3. Datos relativos á forma de coñece-la existencia do seminario, a situación laboral e a situación do proxecto empresarial do asistente:

-Medio de coñece-la existencia do curso/seminario.

-Situación laboral.

-Área de desempeño do posto de traballo.

-Sector de actividade laboral.

-Código CNAE a tres díxitos da actividade principal da empresa.

-Tamaño da empresa na que presta servicios.

-Situación do proxecto empresarial.

-Intención da posta en marcha da idea empresarial.

-Sector de actividade da idea empresarial.

Os datos de carácter persoal, rexistrados neste ficheiro, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 3º.-Medidas de seguridade.

Este ficheiro clasifícase como de nivel básico, atendendo o disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño. As medidas de seguridade polas que se rexerá o ficheiro están especificadas no documento de seguridade elaborado polos servicios da Secretaría Xeral do Igape.

Artigo 4º.-Órganos da Administración responsables dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros automatizados correspóndelle á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, que adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 5º.-Dereito de acceso, rectificación e cancelación.

Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación poderán exercerse, se é o caso, ante o responsable do ficheiro (complexo administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela).

Artigo 6º.-Procedemento de recollida de datos.

O procedemento de recollida dos datos de carácter persoal realizarase por medio de enquisas ós afectados, en formato papel.

Artigo 7º.-Comunicación e cesión dos datos.

Non se prevén.