Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 01 de marzo de 2002 Páx. 2.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 28 de xaneiro de 2002 pola que se establecen axudas individuais para o tratamento de drogodependencias en comunidades terapéuticas.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, establece os servicios sociais de atención especializada na área de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, orientándoos especificamente ó desenvolvemento de programas de prevención e inserción social das persoas afectadas por calquera forma de toxicomanía; os seus artigos 50 e 51 recollen a posibilidade de lles conceder prestacións e axudas económicas periódicas ás persoas que se atopen en situacións de necesidade material e marxinación social.

A Consellería de Asuntos Sociais, creada polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, coa estructura orgánica fixada polo Decreto 402/2001, do 28 de decembro, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Un dos obxectivos prioritarios da nova Consellería de Asuntos Sociais é precisamente consgui-la inserción social das persoas afectadas por unha problemática específica de integración, como é o caso das persoas toxicómanas ou alcohólicas, constituíndo o apoio do seu ingreso en comunidades terapéuticas a canle adecuada para facilita-la súa deshabituación no consumo de substancias psicotrópicas ou no abuso do alcohol.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos

expedientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos. Doutra banda, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, prorrogada en virtude do disposto no artigo 54.5º do referido Decreto lexislativo 1/1999 polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

O Plan de Galicia sobre Drogas establece, como directrices xerais, a descentralización das accións e a centralización da planificación operativa, así como a distribución equitativa de recursos en cinco áreas diferentes: prevención, asistencia, reinserción, formación e investigación.

Tendo en conta a demanda de axudas en materia de tratamento de drogodependencias, a conveniencia en determinados casos de levala a cabo en comunidades terapéuticas e o alto custo da estadía neste tipo de centros non dependentes do Plan de Galicia sobre Drogas, faise necesaria a existencia de axudas orientadas a sufraga-lo seu importe durante o período de vixencia desta orde.

Por todo o anteriormente exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas individuais para o tratamento de drogodependencias, incluídas as alcohólicas, en comunidades terapéuticas situadas tanto na Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do territorio nacional.

As ditas comunidades terapéuticas, en todo caso, deberán contar coa autorización de funcionamiento outorgada pola Administración autonómica respectiva.

2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustaranse ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e á Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, prorrogada en virtude do disposto no artigo 54.5º do referido Decreto lexislativo 1/1999.

3. A concesión das axudas imputarase á partida orzamentaria 16.03.212A.486.0 dos orzamentos en vigor, destinándose para este fin unha contía global máxima de 86.071 euros.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas afectadas por algún tipo de toxicomanía que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os seguintes requisitos:

1. Existencia dunha necesidade real e obxectiva do tratamento neste tipo de recurso.

2. Non percibir prestación económica de análoga natureza e finalidade a cargo de institucións ou organismos públicos e/ou privados.

Artigo 3º.-Contía.

A contía das axudas poderá chegar á totalidade dos gastos derivados da estadía e do tratamento na comunidade terapéutica.

Artigo 4º.- Solicitude e documentación.

1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo a esta orde, debidamente cubertas polo beneficiario ou polo seu representante legal, se é o caso.

2. Documentación que se presentará coa solicitude:

2.1. Fotocopia do DNI do beneficiario ou do seu representante legal, dado o caso.

2.2. Informe da Unidade Asistencial de Drogodependencias da rede do Plan de Galicia sobre Drogas correspondente ó seu ámbito territorial, sobre a pertinencia do ingreso do solicitante da axuda na comunidade terapéutica.

2.3. Informe social relativo á situación persoal, familiar, económica e social do solicitante expedido pola referida Unidade Asistencial de Drogodependencias se aquel recibiu tratamento nela, ou polos servicios sociais de atención primaria do concello de residencia nos demais casos.

2.4. Xustificante dos ingresos económicos da unidade familiar, última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou certificación negativa da correspondente delegación de Facenda en caso de non a presentar.

2.5. No caso de que estea ou estivese a tratamento por causa da mesma natureza, informes de que dispoña.

2.6. Certificación expedida polo representante da comunidade terapéutica na que se acredite que o solicitante está ingresado ou ten demandado o seu ingreso, así como o custo real do tratamento.

2.7. Declaración de non percibir outras axudas públicas para igual concepto ou, en caso contrario, acreditación do importe total das subvencións percibidas.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes deberán ser presentadas nun prazo de dous meses, contados desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Presentación das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse perante as delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, centros de servicios sociais, servicios sociais municipais e de conformidade co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos, requirirase do interesado que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Unha vez completados os expedientes, pasarán á comisión de valoración a cal, unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución que lle remitirá ó delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais.

2. Para tal efecto, en cada delegación provincial constituirase unha comisión de valoración composta polos seguintes membros:

-Presidente: delegado provincial.

-Vocais: 2 funcionarios designados polo delegado provincial, un dos cales deberá ser un xefe de servicio, actuando calquera deles como secretario.

3. Ás reunións da comisión poderán asistir un representante da oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, con voz e voto, así como un representante da intervención territorial, que actuará con voz pero sen voto.

4. Se, por calquera causa, algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que sexa posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 8º.-Orde de prelación na concesión de axudas.

Dado o carácter limitativo dos créditos destinados a estas axudas, a comisión de valoración establecerá unha orde de prelación para as propostas de resolución, de acordo coas circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas solicitadas ó abeiro desta orde corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais por delegación da conselleira.

2. Finalizada a fase de instrucción coa formulación das propostas de resolución polas comisións de valoración, e unha vez fiscalizadas polas respectivas intervencións territoriais, os delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais dictarán resolución motivada na que se especifique en cada caso a comunidade terapéutica na que o beneficiario recibirá o tratamento, así como o importe da axuda que se lle concede.

3. O importe das axudas que se van outorgar determinarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo ás circunstancias persoais, sociais, económicas e cargas familiares dos solicitantes, valoradas conxuntamente.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a súa notificación será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. As resolucións notificaránselles ó interesado, ou ó seu representante legal, e á comunidade terapéutica correspondente.

Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando no fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas.

6. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 10º.-Seguimento.

Trimestralmente presentarase un informe, expedido pola comunidade terapéutica na que estea o beneficiario, no que se faga consta-la súa evolución.

Artigo 11º.-Pagamento.

O pagamento efectuarase, en prazos trimestrais, directamente á comunidade terapéutica á que acuda o beneficiario, segundo o acordo con aquela en cada caso, unha vez recibida a certificación do responsable do centro sobre a permanencia neste do beneficiario, de acordo co establecido no artigo anterior. En todo caso, respectaranse os límites establecidos na lei orzamentaria en vigor en canto á realización de pagamentos parciais.

Así mesmo, no momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento,

o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás axudas reguladas por esta orde.

Artigo 12º.-Comprobación.

Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Asuntos Sociais.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, especialmente o abandono do tratamento por parte do beneficiario, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local constituirá causa determinante de revogación da axuda e do reintegro polo beneficiario ou solicitante, unha vez realizada a oportuna liquidación polo órgano xestor en caso de incumprimento parcial, xunto cos xuros de demora que procedan en cada caso, segundo o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, desenvolvido polo artigo 3.2º, letra g), do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o do crédito consignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais poderán requirir, en todo momento, a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas. Ademais, os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da axudas.

Cuarta.-En materia de infraccións e sancións haberá que aterse ó disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para, no exercicio das súas competencias, dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais