Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 27 de febreiro de 2002 Páx. 2.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 18 de febreiro de 2002 pola que se acorda a formulación do proxecto de ordenación do medio rural do municipio de Teo.

O Consello da Xunta de Galicia, mediante o Decreto 115/2001, do 25 de maio, suspendeu para a súa revisión, de acordo co disposto polos artigos 52 e 49.2º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipais de Teo, aprobadas definitivamente polo Pleno da Corporación en sesión do 19 de agosto de 1996, no ámbito de aplicación da ordenanza de solo urbano residencial e terciario en edificación aberta (URTA), na zona de servidume e afección das estradas estatais e autonómicas e na ordenanza de uso turístico-hoteleiro.

De acordo co disposto polo artigo 52 da Lei do solo de Galicia, dispón a inmediata entrada en vigor da ordenación provisional que se establece no anexo do Decreto 115/2001. Esta ordenación terá carácter transitorio e manterá a súa vixencia ata a entrada en vigor do novo planeamento municipal que deberá ser aprobado polo Concello de Teo no prazo máximo de nove meses; transcorrido ese prazo sen que o concello chegara a aproba-lo instrumento de planeamento correspondente, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá á formulación dun proxecto de ordenación do medio rural de acordo co disposto polo artigo 38 da Lei do solo de Galicia.

Esta consellería, en resolución do 27 de abril de 2000, outorgoulle ó Concello de Teo unha subvención por importe de 30.100.000 pesetas para redacta-lo seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, sen que conste nesta consellería a contratación dos traballos de redacción do plan.

O Concello de Teo non ten elaborado o Plan Xeral de Ordenación Municipal nin ten iniciado o procedemento establecido para a súa aprobación (artigo 42 da Lei do solo de Galicia), nin tan sequera elaborou o documento do avance que debe ser remitido a esta consellería con anterioridade á confección do plan (artigo 41 da citada lei).

Así pois, transcorrido o prazo sinalado sen que fora atendido o requirimento contido no Decreto autonómico 115/2001, do 25 de maio, procede actuar por subrogación ante a inactividade municipal e dispoñe-la formulación do proxecto de ordenación do medio rural ó abeiro do disposto polo artigo 38 da Lei do solo de Galicia.

A formulación do proxecto de ordenación do medio rural por esta consellería ten por finalidade establece-las determinacións básicas da ordenación urbanística e resolve-los problemas xerados por unha expansión urbanística incontrolada que motivaron a suspensión da vixencia do planeamento urbanístico municipal.

O obxecto, determinacións e documentación do proxecto de ordenación do medio rural axustaranse ó disposto polos artigos 18 a 20 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, e será tramitado segundo o procedemento establecido polo artigo 38 da citada Lei 1/1997.

Co fin de levar a cabo o proceso de formación do Proxecto de Ordenación do Medio Rural e ó abeiro do disposto polo artigo 34 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, procede acorda-la suspensión do procedemento de outorgamento de licencias de parcelación de terreos, edificación e demolición para aquelas áreas do territorio nas que o novo planeamento necesariamente deberá conter novas determinacións substancialmente distintas das contidas nas normas subsidiarias de planeamento de 1996.

Por todo o anterior, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, o Decreto 115/2001, do 25 de maio, e as demais disposicións aplicables,

DISPOÑO:

Primeiro.-Formula-lo proxecto de ordenación do medio rural do municipio de Teo.

Segundo.-Suspende-los procedementos de outorgamento de licencias de parcelación de terreos, edificación e demolición nas áreas comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza de solo urbano residencial e terciario en edificación aberta (URTA), da ordenanza de uso turístico-hoteleiro e no solo non urbanizable común e protexido (fóra dos núcleos rurais tradicionais) e no solo apto para urbanizar sen plan parcial aprobado inicialmente, co fin de levar a cabo o proceso de formación do proxecto de ordenación do medio rural, polo prazo dun ano contado desde a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Encomendarlle á Dirección Xeral de Urbanismo as xestións necesarias para a elaboración e tramitación do proxecto de ordenación do medio rural.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2002.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda