Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 22 de febreiro de 2002 Páx. 2.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de febreiro de 2002 pola que se establece un plan de recuperación da pescada durante os anos 2002, 2003 e 2004, e se regula a concesión de indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques afectados.

A crise biolóxica en que se atopa o caladoiro nacional do Cantábrico noroeste, en particular a situación da pescada, e que nos últimos anos vén sendo diagnosticada nos informes científicos do Comité Asesor para a Xestión de Pesqueiras (ACFM) do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CIEM), do Comité Científico e Económico da Pesca da Comisión da Unión Europea e de diferentes informes elaborados por técnicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), afecta de maneira moi especial á flota de arrastre de litoral cantábrica e, en particular, a flota con base nos portos galegos.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, consecuente con esta situación, considerou necesario establecer, como medida de choque no ano 1992, o establecemento obrigatorio do descanso semanal (48 horas semanais). Esta medida debía contribuír á recuperación do recurso, ó tempo que fisexe viable a operatividade da flota galega de arrastre de litoral.

O Regulamento (CE) nº 850/1998, do Consello, do 30 de marzo, para a conservación dos recursos pesqueiros mediante medidas técnicas para a protección de xuvenís de organismos mariños, establece restriccións á pesca da pescada, prohibindo a pesca con redes de arrastre en determinadas zonas da costa atlántica española durante determinados períodos. O Regulamento (CE) nº 724/2001, do Consello, do 24 de abril, modifica o anterior adaptando as vedas para a pescada ás condicións actuais do caladoiro.

A Administración nacional adoptou, para a xestión e aprobación das poboacións de pescada, medidas que van máis alá das esixencias mínimas defendidas na normativa comunitaria, aplicando medidas restrictivas ós pescadores españois, esencialmente galegos: a Orde ministerial do 25 de xullo de 2001 pola que se establecen determinadas vedas de arrastre de fondo no caladoiro nacional do Cantábrico noroeste, así como a Orde ministerial do 2 de xaneiro de 2002 pola que se establece un plan de pesca

para a pesqueira de arrastre de fondo no Caladoiro Nacional do Cantábrico e Noroeste.

As recomendacións de todos estes organismos propoñen medidas drásticas a curto prazo para a recuperación dos stocks. É interesante notar que, ó veda-la zona en cuestión, se podería ocasiona-lo movemento do groso da flota, máis de 100 unidades de mediano porte, a outras zonas de pesca, co risco de prexudica-la situación do caladoiro. A Administración de Galicia quere desenvolver un plan trienal de recuperación a longo prazo que leve á paralización gradual dos buques para, ó mesmo tempo, protexe-las outras zonas de pesca e non desabastece-los mercados.

O Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro de 1999 polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, establece no seu artigo 16, a posibilidade de lles conceder indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques como consecuencia da paralización temporal das actividades no caso do establecemento dun plan de recuperación dun recurso ameazado pola extinción.

O Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro, regula nos seus artigos 33.1.c) e 34, respectivamente, as axudas de paralización temporal en caso dun plan de recuperación dun recurso ameazado de extinción e a competencia da Comunidade Autónoma correspondente para a resolución destes expedientes.

Polas razóns expostas, ó abeiro do disposto nos artigos 5 e 12 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sobre ámbito competencial e a necesidade de tomar medidas orientadas á recuperación dos recursos, consultado o sector, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécese o plan de recuperación da pescada durante os anos 2002, 2003 e 2004, e regúlase a concesión de indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques de arrastre de litoral con porto base en Galicia afectados polo plan.

I. Plan de recuperación da pescada.

Artigo 2º.-Finalidade.

O plan ten por obxecto contribuír á recuperación da pescada mediante unha paralización temporal da actividade extractiva coa modalidade de pesca de arrastre de litoral, deste recurso e de forma gradual.

Artigo 3º.-Contido e ámbito de aplicación.

A modalidade de pesca de arrastre litoral, respecto de tódolos buques censados nesta modalidade e con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, verase sometida a un plan de recuperación da pescada que se concreta nunha parada temporal de catro meses naturais para cada barco, e dentro dos anos 2002, 2003 e 2004, precisamente nos meses de xaneiro, outubro, novembro e decembro.

Artigo 4º.-Incumprimento.

O incumprimento das obrigas contidas no artigo anterior dará lugar a responsabilidade e será sancionado de conformidade coa Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

II. Indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques de arrastre de litoral.

Artigo 5º.-Obxecto.

As indemnizacións teñen por obxecto compensar economicamente os tripulantes debidamente enrolados en buques de arrastre de litoral e os propietarios destes mentres se vexan directamente afectados como consecuencia da paralización temporal da súa actividade.

Artigo 6º.-Marco normativo.

Estas indemnizacións enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 16.1.c) así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

Artigo 7º.-Crédito orzamentario.

Estas compensacións económicas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que en cada un dos anos de vixencia do plan sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

No ano 2002 será con cargo á aplicación 12.03.614B.772.0, sen prexuízo da modificación orzamentaria precisa, e cun importe máximo total de 444.748,95 euros.

O financiamento das medidas farase con cargo ós fondos do IFOP nun oitenta por cento, co seu correspondente cofinanciamento.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os tripulantes que traballen nos buques de arrastre no momento de iniciarse a parada, que acrediten que estiveron debidamente enrolados en buques de pesca seis meses nos doce anteriores, deles alomenos tres en barcos de arrastre de litoral, ós que lles afecte directamente a parada e non perciban prestacións por desemprego durante o tempo que dure esta.

Tamén poderán selo os propietarios dos barcos de arrastre de litoral que foran despachados para esta modalidade de pesca no Cantábrico noroeste alomenos seis meses nos doce anteriores á parada, que lles afecte directamente esta e que manteñan os seus tripulantes de alta na Seguridade Social cada mes natural no que se desenvolva aquela.

No caso de substitución dun buque por outro novo, tomaranse en consideración os despachos de ámbalas dúas unidades.

Para os exclusivos efectos de consideración como beneficiarios destas axudas, consideraranse enrolados os tripulantes e despachados os barcos os meses de parada temporal.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán reintegrar total ou parcialmente as prestacións económicas percibidas en

caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para os mesmos feitos.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilización, e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, o Estado e a Unión Europea.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artígo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 10º.-Indemnizacións.

O importe das indemnizacións estará condicionado, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

A contía máxima que se percibirá no ano 2002 por día de inactividade do tripulante ou paralización efectiva do buque é a indicada no anexo I desta orde tanto para os tripulantes, xa sexan técnicos ou mariñeiros, como para os propietarios dos buques.

Estes últimos percibirán, sen superar en ningún caso os límites máximos establecidos no citado anexo, unha compensación por manter ó día das cotas da Seguridad Social os seus tripulantes.

As contías máximas para os tripulantes serán incrementadas no ano 2003 e 2004 nun 2% anual.

Artigo 11º.-Plans das asociacións.

As organizacións e asociacións do sector de arrastre de litoral presentarán, a partir da entrada en vigor desta disposición, e no prazo máximo de quince días hábiles, o plan de realización da parada biolóxica, nos tres anos deste, e para tódolos buques da súa asociación, cumprindo tódolos requisitos establecidos nesta disposición e, en particular, no seu artigo terceiro.

No devandito plan incluiranse aqueles buques que realizaran a parada no mes de xaneiro de 2002.

Se algún buque desta flota non estivera asociado, o seu plan de paralización será realizado directamente pola consellería.

Cun mes de antelación ó inicio do segundo e terceiro ano do plan poderanse propoñer modificacións ó inicial, gardando o equilibrio e os demais requisitos daquel.

Os plans aprobados pola consellería serán debidamente publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

Os tripulantes e propietarios de buques, para acollerse a estas compensacións económicas, deberán presentar nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, ou en calquera das oficinas previstas

no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dentro do prazo de vinte días hábiles desde o inicio efectivo de cada parada, -ou da publicación desta orde para os que pararan en xaneiro de 2002-, as solicitudes e documentación por triplicado exemplar que a seguir se indica:

1. Tripulantes: para a concesión e pagamento das indemnizacións.

a) Solicitude normalizada do anexo II.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Copia cotexada do caderno de navegación, das follas correspondentes ós doce meses anteriores á paralización.

d) Declaración de axudas do anexo IV desta orde.

e) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

f) Certificacións acreditativas de que o interesado se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Estas certificacións só serán esixibles se a axuda non está exenta diso pola correspondente Lei de orzamentos.

2. Propietarios de buques.

A) Para a concesión das indemnizacións.

1. Con carácter xeral.

a) Solicitude normalizada do anexo III.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

d) Copia cotexada do rol de despachos do buque dos doce meses anteriores á paralización, ou certificación da capitanía marítima correspondente, acreditativa dos despachos efectuados no dito período.

e) Declaración xurada na que se manifeste que mantén ó día das cotas da Seguridade Social os seus tripulantes durante a parada biolóxica, número de técnicos e de mariñeiros e importe parcial e total das súas cotizacións.

f) Declaración do anexo IV desta orde, relativa ó momento da solicitude.

g) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

2. Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

a) Substituirase o documento indicado na alínea A.1.b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas.

b) Certificación rexistral da sociedade na que se indicará quen é o representante legal da entidade

3. Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

a) A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

b) Achegarase o documento indicado na alínea A.1.b) deste artigo de cada un dos propietarios da embarcación.

c) Deberán ser titulares todos eles da conta bancaria.

B) Para o pagamento das indemnizacións.

a) Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa do depósito do rol de despachos do barco durante o período de paralización.

b) Copia dos documentos TC 1 e TC 2 do barco do período de parada biolóxica.

c) Declaración do anexo IV desta orde, relativa ó momento da petición de pagamento.

d) Certificacións acreditativas de que o propietario ou propietarios do barco se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas compensacións económicas será realizada polos servicios periféricos da consellería baixo a supervisión da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que a delega nos delegados territoriais da consellería, que tamén proporán o pagamento, se é o caso, logo de correspondente modificación orzamentaria de transferencia de fondos ós órganos provinciais.

Artigo 14º.-Prazo de resolución.

O prazo para dictarse a correspondente resolución será como máximo de tres meses contados a partir da data de comezo do prazo de presentación de solicitudes para os tripulantes e de cinco para os propietarios dos barcos.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas indemnizacións queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 15º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións e, en todo caso, a obtención doutras prestacións pola mesma causa, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano

xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da parte I desta orde, e o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o da parte II.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Tripulantes

Categoría profesionalCuantía máxima da prima por día

de inactividade

Técnicos:30,05 euros/día (5.000 ptas./día)

Mariñeiros:19,95 euros/día (3.319 ptas./día)

Propietarios

Arqueo do buque en GTContía máxima da prima por buque en pts./día de paralización efectiva (límite máximo por días de inmobilización)

Ata 100 GT:98,32 A (16.359 ptas.)+2,73 A (454 ptas.) por GT.

Máis de 100 ata 250 GT:152,94 A (25.447 ptas.)+2,19 A (364 ptas.) por GT.

Máis de 250 GT:289,49 A (48.167 ptas.)+1,64 A (273 ptas.) por GT.