Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 22 de febreiro de 2002 Páx. 2.068

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 46/2002, do 8 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio de 5.556 metros e 43 decímetros cadrados, propiedade do Concello de Sarria, con destino á ampliación do centro de saúde.

O Pleno do Concello de Sarria, en sesión do 27 de decembro de 2001, acordou cederlle gratuitamente ó Servicio Galego de Saúde, o predio Toleiro-Ponte Ribeira, sito na vila de Sarria e propiedade do concello, con destino á ampliación do centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre eles supere o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e presidente do Servicio Galego de Saúde, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto feita polo Concello de Sarria a favor do Servicio Galego de Saúde, con destino á ampliación do centro de saúde.

2. O predio cedido denomínase Toleiro-Ponte Ribeira, está sito na vila de Sarria, e ten unha superficie de 5.556 metros e 43 decímetros cadrados, sendo as súas estremas as seguintes:

Norte: ambulatorio da Seguridade Social, Gil Yáñez Préctamo e outros.

Sur: Hotel Alfonso IX Ponteribeira, S.L.

Leste: predio propiedade do Concello de Sarria.

Oeste: predio propiedade do Concello de Sarria.

Artigo 2º

O inmoble acéptase segundo o establecido no artigo 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu regulamento, e destinarase á ampliación do centro de saúde na vila de Sarria.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público e este integrarase no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade