Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 18 de febreiro de 2002 Páx. 1.892

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 42/2002, do 1 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 189, Plan Operativo Local 2001 Xove, estrada provincial Tarolo-Vila, alargamento e mellora do punto quilométrico 0,00-1,00. (Concello de Xove).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día 14 de setembro de 2001, aprobou o proxecto de obra nº 189, Plan Operativo Local 2001 Xove, estrada provincial Tarolo-Vila, alargamento e mellora do punto quilométrico 0,00-1,00, e na sesión do 26 de novembro de 2001 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de xaneiro de 2002.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, a estrada se sitúa moi preto da vila de Xove, na comarca da Mariña

Occidental, e constitúe unha vía de comunicación moi empregada pola poboación da zona e que necesita con urxencia unha reparación debido a deterioración sufrida polos temporais do pasado inverno.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra nº 189, Plan Operativo Local 2001 Xove, estrada provincial Tarolo-Vila, alargamento e mellora do punto quilométrico 0,00-1,00.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais