Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 15 de febreiro de 2002 Páx. 1.860

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativo á conclusión da fase de oposición e á apertura do prazo da fase de concurso.

O número 1 da base sexta B) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que, rematada na súa totalidade a fase de oposición, o tribunal publicará un acordo no Diario Oficial de Galicia, no que se declarará rematada a fase de oposición e se abrirá un prazo de quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da súa publicación, para que estes aspirantes acheguen a documentación acreditativa dos méritos que aleguen.

Ademais, pola Resolución do 15 de xaneiro de 2002 (DOG nº 20, do 28 de xaneiro) publicáronse as puntuacións e a anulación dalgunhas preguntas do terceiro exercicio da fase de oposición, polo que, á vista das reclamacións presentadas en prazo contra as puntuacións dese terceiro exercicio, logo de informe técnico de nova corrección, cómpre declaralas definitivas.

Adoptado acordo ó respecto polos respectivos tribunais, procede agora darlle publicidade no Diario Oficial de Galicia, facultándose para iso expresamente esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar definitivas as puntuacións acadadas polos aspirantes presentados ó terceiro exercicio da fase de oposición das diferentes categorías, publicadas pola Resolución do 15 de xaneiro de 2002 (DOG nº 20, do 28 de xaneiro) e desestimar tódalas reclamacións presentadas polos interesados.

Segundo.-Declarar rematada a fase de oposición nas categorías de traballador social, cociñeiro, matrona, fisioterapeuta, TEL, TER, TEAP, hixienista dental, auxiliar de enfermería, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servicios xerais, celador e pinche.

Terceiro.-Publica-la relación alfabética e a relación pola orde de puntuación alcanzada no conxunto dos exercicios dos aspirantes que superaron a fase de oposición das citadas categorías.

Cuarto.-Abri-lo prazo de quince días naturais, contado a partir do seguinte ó da súa publicación, para que estes aspirantes presenten a documentación acreditativa dos méritos que aleguen nos seguintes lugares:

a) Na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

b) Na División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

c) Na oficina de Información ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

d) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

e) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

f) Nos servicios de persoal dos centros ou complexos hospitalarios da rede pública do Servicio Galego de Saúde.

g) Nos servicios de persoal das administracións dos centros de xestión de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

h) Na Casa de Galicia en Madrid, sita na rúa Casado de Alisal, nº 8, 28014, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.-Tódolos aspirantes que superaran a fase de oposición, xunto coa fotocopia compulsada do seu DNI, ademais do escrito no que consten os seus datos identificativos completos, enderezo para os efectos de notificacións, teléfono de contacto, categoría na que participan e relación da documentación que achegan, sen excepción, deberán achegar inescusablemente a seguinte documentación, pois do contrario quedarían excluídos do proceso selectivo:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na correspondente categoría.

b) Os participantes que accedan polas quendas de promoción interna e de discapacitados deberán achegar, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa, segundo os requisitos descritos nos puntos 2 e 3 da base segunda da convocatoria.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos