Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 15 de febreiro de 2002 Páx. 1.858

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se fai público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo para o ingreso na categoría de ATS/DUE de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativo á modificación do modelo definitivo de corrección do segundo exercicio da fase de oposición.

Recibido o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo para o ingreso na categoría de ATS/DUE

de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, relativo á modificación do modelo definitivo de corrección do segundo exercicio da fase de oposición, coa conseguinte nova publicación das puntuacións definitivas revisadas nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Sergas e na súa páxina web, esta división

RESOLVE:

Primeiro.-Facer público o acordo do tribunal da categoría de ATS/DUE de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, do proceso selectivo convocado por Resolución do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo), nos termos seguintes:

«Vistas as reclamacións presentadas por diversos aspirantes contra a Resolución do 19 de novembro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se publican os acordos dos tribunais relativos ás puntuacións e anulación dalgunhas preguntas do segundo exercicio da fase de oposición, reunidos en sesión do 28 de xaneiro de 2002, os membros do tribunal xulgador do proceso selectivo para o ingreso na categoría ATS/DUE de persoal estatutario do Sergas convocado por Resolución do 20 de marzo de 2001, da División de Recursos Humanos do Sergas, proceden, de conformidade coa orde do día sinalada na convocatoria, á resolución definitiva das ditas reclamacións:

Antecedentes.

1. Os reclamantes participan en condición de aspirantes no proceso selectivo para o acceso á categoría ATS/DUE de persoal estatutario do Sergas, convocado por Resolución do 20 de marzo de 2001, da División de Recursos Humanos do Sergas.

2. Presentados ó segundo exercicio da fase de oposición do citado proceso selectivo, tódolos interesados interpuxeron reclamación contra o cadro de respostas provisionais, que se fixo público con data do 29 de outubro de 2001.

3. Por Resolución do 19 de novembro de 2001 (DOG nº 229, do 27 de novembro), publicouse o acordo deste tribunal relativo á puntuación do segundo exercicio da fase de oposición, confirmado o modelo definitivo de respostas correctas, entendendo implícitas nesta resolución a estimación ou desestimación das ditas impugnacións.

4. Con base no parágrafo cuarto da citada resolución, algúns aspirantes interpuxeron en prazo reclamacións contra a puntuación outorgada con fundamento nos erros do cadro de respostas aprobado por este tribunal, instando a súa mudanza ou anulación das preguntas segundo o caso.

5. En sesión do 14 de decembro, o tribunal analizou as reclamacións presentadas e apreciou que nas relativas á pregunta 62 existía fundamento con aparien

cia de razoabilidade para a súa estimación; non se presentaron dúbidas en relación co resto das preguntas. Sen embargo, acordouse pospoñe-la decisión definitiva sobre estas á sesión do 19 de decembro.

6. En sesión desta última data, o tribunal confirmou como válido o cadro de respostas para tódalas preguntas agás para a pregunta 62, respecto da cal se suscitou dúbida razoable no que se refire á confirmación definitiva da resposta dada como válida nun primeiro momento.

Deste xeito acordouse, con carácter excepcional e dada a transcendencia que podería te-la súa mudanza na puntuación definitiva dos aspirantes (Resolución do 19 de novembro), outorgar un prazo de alegacións ós afectados. Este acordo foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, en virtude de Resolución do 21 de decembro de 2001, da División de Recursos Humanos do Sergas (DOG nº 5, do 8 de xaneiro de 2002). Así mesmo, notificóuselles individualmente ós aspirantes que, de se estima-la reclamación, poderían pasar á situación de non apto.

7. Rematado o prazo para a presentación de alegacións, en sesión do 21 de xaneiro de 2002 analizáronse estas xunto coas reclamacións dos interesados. Así mesmo, acordouse elevar consulta á Sociedade Galega de Pediatría acerca da cuestión formulada, que foi recibida con data do 25 de xaneiro de 2002.

Fundamentos.

1. No parágrafo cuarto da Resolución do 19 de novembro de 2001, da División de Recursos Humanos do Sergas, pola que se publican os acordos dos tribunais relativos á puntuación do segundo exercicio do proceso selectivo convocado por Resolución do 20 de marzo de 2001, os interesados poderán presentar reclamación perante o tribunal no prazo de cinco días naturais, contados a partir do seguinte ó da súa publicación. Xa que logo, este tribunal resulta competente para resolver esta reclamación.

2. En exercicio da súa facultade discrecional no que atinxe ós criterios de avaliación dos aspirantes no proceso selectivo, en sesión do día 19 de decembro de 2001, o tribunal acordou confirma-las respostas dadas como válidas ás preguntas impugnadas, agás á pregunta número 62, toda vez que, analizadas e contrastadas as alegacións realizadas polos interesados, non resultou desvirtuado o criterio deste tribunal.

3. Nesta sesión analizouse, así mesmo, o contido da pregunta 62 e as respostas dadas como alternativas a ela, formuláronse respecto desta destacadas dúbidas tanto acerca da interpretación do enunciado da pregunta como da resposta que, en función dela, sería a única correcta. En todo caso, calquera que fose a interpretación que se adoptase, existía unha única resposta certa para ela, polo que non cabía a opción de proceder á anulación da pregunta.

Así mesmo, sen prexuízo da soberanía do tribunal no que se refire ó criterio técnico de avaliación e ulterior decisión, apreciouse a conveniencia de habilitar un prazo de vista e audiencia para que os aspirantes afectados pola eventual estimación da reclamación puidesen presenta-las alegacións que consideren oportunas, á vista da súa fundamentación e da valoración que desta fixo o tribunal. Para tal efecto, no DOG do 8 de xaneiro de 2002 tivo lugar a publicación da Resolución do 21 de decembro pola que se lle daba publicidade a tal acordo do tribunal, sen prexuízo da notificación individual a aqueles aspirantes que puidesen resultar excluídos do proceso selectivo.

4. Vistas as alegacións presentadas polos interesados, en sesión do 21 de xaneiro de 2002, acordouse instar dictame da Sociedade Galega de Pediatría para esclarecer con maior seguridad a cuestión presentada.

Con data do 25 de xaneiro recibiuse o dito informe, o contido do cal literalmente transcrito se pronunciou no seguinte sentido:

«Se se interpreta que a pregunta fai referencia á frecuencia, é indubidable que a resposta correcta é a A. De feito, esta foi a contestación inicial de tódolos consultados. Sen embargo, na reflexión e cotexamento bibliográfico posterior, constátase que, de forma xenérica pero non habitual, os tumores cerebrais e o neuroblastoma poden cursar con hipertensión (aínda que non se considere a hipertensión como síntoma guía). Aceptándose esta última interpretación, a resposta correcta sería a D».

Examinado o enunciado da pregunta 62, o tribunal estima como máis axustada á formulación da pregunta esta segunda interpretación, polo que a reclamación deberá ser estimada en canto a este extremo.

Xa que logo, procede estima-las reclamacións presentadas contra a resposta dada como válida á pregunta 62, modificando o cadro de respostas e indicando que a resposta válida é a opción D), e desestima-las reclamacións presentadas contra as demais preguntas, confirmando o cadro de respostas publicado mediante Resolución do 19 de novembro de 2001, da División de Recursos Humanos do Sergas, agás no que atinxe á pregunta 62 .

Déase traslado deste acordo á División de Recursos Humanos do Sergas para que, con indicación dos recursos que caiban contra el, proceda á súa publicación e demais efectos oportunos.

Segundo.-Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante este centro directivo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos