Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 15 de febreiro de 2002 Páx. 1.849

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases que rexen as axudas a mozos e mozas para a realización de cursos de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Con aprobación do Decreto 306/2001, do 15 de decembro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura básica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, estructura que se desenvolve polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, 202/2000, do 21 de xuño e 200/2001, do 27 de agosto, que dispón no seu artigo 8 que á Dirección Xeral de Xuventude lle corresponde a xestión e coordinación das actuacións da consellería en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e, especificamente, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de xuventude, entende que para facilita-la formación da xuventude e acada-la súa autonomía persoal, é fundamental promove-lo coñecemento de idiomas dos países da Unión Europea, por ser este ámbito xeográfico unha ampliación da nosa sociedade e, polo tanto, unha ampliación das posibilidades onde acada-la integración e a autonomía persoal da nosa xuventude.

Así mesmo, a formación en idiomas estranxeiros configúrase como un obxectivo instrumental que dota de operatividade a función de fomento e promoción de intercambios e mobilidade de mozos e mozas con países estranxeiros, competencia desta consellería a través das funcións atribuídas á Dirección Xeral de Xuventude no artigo 8.2º do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (DOG nº 12, do 20 de xaneiro de 1998).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente unha liña de subvencións similares ó obxecto desta orde, e dirixida ós estudiantes que estean matriculados nalgún centro universitario. Para cubri-lo colectivo da xuventude que non cumpre este requisito excluínte, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para darlles igualdade de oportunidade a tódolos mozos e mozas, os destinatarios desta orde de subvencións deben ser aqueles que non estean matriculados nun centro universitario.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido no Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto proceder á convocatoria e establece-las bases para regula-la concesión de axudas para os mozos e mozas que reúnan

os requisitos e condicións establecidos nesta orde, interesados en realizar un curso de idiomas nun Estado membro da Unión Europea.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas axudas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 cunha contía de 90.152 euros, cantidade prorrogada polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002; sen prexuízo da posible ampliación futura do crédito, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, ampliación que, de producirse, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas tódalas persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter fixada a súa residencia en Galicia.

c) Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, cunha duración igual ou superior a tres semanas e cun mínimo de 15 horas lectivas por semana ou 45 horas por curso, no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xuño e o 31 de outubro de 2002.

d) Non estar matriculado no curso académico 2001/2002 en ningún centro universitario. Poden solicitar axudas as persoas que xa teñan finalizados os seus estudios universitarios.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo anexo I desta orde, presentaranse no Rexistro da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sita no edificio administrativo San Caetano, sen número, código postal 15781, en Santiago de Compostela; ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI e NIF do solicitante.

b) Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ó ano 2000, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104), achegarán copia compulsada da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104), achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

c) Certificación emitida polo centro de idiomas onde conste a duración, en horas lectivas por semana, do curso.

d) Información sobre o período, localidade e Estado membro da Unión Europea no que se desenvolverá o curso elixido.

e) Certificación acreditativa da residencia do solicitante.

f) Fotocopia compulsada do libro de familia numerosa, de se-lo caso.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican ó banco ou caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

h) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares ós que son obxecto desta orde.

i) Declaración xurada de non estar matriculado en ningún centro universitario no curso académico 2001/2002.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Importe das axudas.

1. O importe de cada unha das axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados do desprazamento, matrícula, mantenza e aloxamento no Estado concreto no que se desenvolva o curso.

2. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.

3. O importe da axuda regulada terá que ser de tal contía que, en ningún caso, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

-Menores ingresos familiares en renda per cápita.

-Ser membro de familia numerosa.

-Maior duración do curso en horas lectivas.

-Lugar de realización do curso.

-Que o curso estea recoñecido por un organismo oficial competente no ensino de idiomas, extremo que se terá en conta se o solicitante achega un certificado oficial ou ben fotocopia compulsada.

-Pertencer a unha asociación xuvenil inscrita no censo de entidades xuvenís dependente da Dirección Xeral de Xuventude, extremo que se terá en conta se o solicitante achega un certificado da asociación xuvenil ou ben fotocopia compulsada.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

1. A selección de candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente: o subdirector xeral de Promoción e Actividades ou persoa en quen delegue.

Vocal: a xefa de servicio de Promoción de Actividades.

Secretario: o xefe de sección de Instalacións Xuvenís e Xestión Económica, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examina-las solicitudes, o vocal ou o secretario non puidesen asistir, serán substituídos pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria e valorado conforme os criterios de valoración fixados, expostos no artigo 6 desta orde, a comisión de avaliación elevará un informe-proposta de adxudicatarios. Correspóndelle á directora xeral de Xuventude, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a resolución destas axudas.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención dispoñerán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido o dito prazo, esta arquivarase.

Artigo 9º.-Xustificación da axuda e pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 80% sobre a subvención concedida, sempre e cando non supere o importe dun millón de pesetas.

Para efectua-lo pagamento anticipado, é imprescindible presentar xustificante do pagamento da matrícula do curso, a través de factura orixinal ou fotocopia compulsada desta.

2. O pagamento do segundo prazo da cantidade adxudicada efectuarase unha vez realizada a actividade subvencionada.

3. En relación cos puntos anteriores, antes do 15 de novembro do ano 2002 os beneficiarios deben xustificar tanto a realización e aproveitamento do curso, a través do certificado emitido polo centro de idiomas no que se estea matriculado, como o importe total da axuda concedida, a través de facturas orixinais ou, en todo caso, fotocopias compulsadas dos gastos derivados da realización do curso (matrícula, desprazamento, manutención e aloxamento).

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

1. Emprega-la axuda recibida en sufraga-los gastos inherentes á realización do curso de idiomas no país estranxeiro.

2. Xustifica-los gastos incorridos na matrícula, desprazamento e estadía no país onde realice o curso de idiomas.

3. Xustifica-la realización e aproveitamento do curso a través de certificación do centro de idiomas no que se estea matriculado.

4. Presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que corresponden á Inter

vención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 11º.-Reintegro ou modificación da subvención.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda.

Artigo 12º.-Renuncias.

Se por calquera circunstancia o beneficiario non puidese realiza-lo curso de idiomas, deberá presentar unha renuncia á subvención concedida.

Os destinatarios das axudas que renuncien a ela poderán ser substituídos pola Dirección Xeral de Xuventude de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na directora xeral de Xuventude para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Terceira.-En todo caso, a concesión das axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2002.

Cuarta.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA