Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 15 de febreiro de 2002 Páx. 1.845

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Coruñesa Motor, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Coruñesa Motor, S.A. (código convenio 1502902), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-12-2001 (e corrixido o 9-1-2002), subscrito en representación da parte económica polo representante da empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal o día 10-12-2001, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinacion das condicións de traballo ou, participación do persoal ó servicio das administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 15 de xaneiro de 2002.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para a empresa

Coruñesa Motor, S.A. (Cormosa)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas do presente convenio colectivo aplicaranse á empresa Coruñesa Motor, S.A., a tódolos traballadores fixos ou eventuais dela, mesmo ós que se integren nela durante a vixencia, que ten como ámbito territorial o do concello de Oleiros (A Coruña).

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O ámbito temporal do presente convenio será de dous anos de duración a partir do un de xaneiro de dous mil un e para tódolos conceptos establecidos. Quedará automaticamente prorrogado ata a negociación dun novo convenio. Este convenio será denunciado cun mínimo de trinta días naturais con anterioridade ó día 31 de decembro de 2002.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións sinaladas neste convenio terán o carácter de mínimas e, na súa virtude, serán nulos e non producirán efecto ningún entre as partes os pactos ou cláusulas del que impliquen condicións menos favorables para o traballador, sen que o convenio poida limitar ou diminuír en ningún caso situacións máis vantaxosas obtidas polos traballadores individual ou colectivamente.

As melloras económicas e de traballo que se implanten en virtude do presente convenio, así como as voluntarias que estean establecidas ou se establezan no futuro, poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcancen cos aumentos ou melloras que existan ou poidan establecerse por disposicións legais que no futuro se promulguen, as cales só terán eficacia no que superen o nivel deste convenio.

Artigo 4.-Antigüidade.

Para o cómputo do complemento de antigüidade considerarase data inicial a de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría coa que se efectuou, conservándose a antigüidade en caso de ascenso.

Os trienios serán do cinco por cento (5%) sobre o soldo convenio, e computaranse durante a permanencia do traballador non cadro de persoal da empresa. Considerarase tempo hábil para os efectos de trienios o período de aprendizaxe, percibíndose cando se reúnan tres anos ou múltiplo de tres no servicio da empresa.

Artigo 5º.-Cesamento na empresa.

O traballador que se propoña cesar no servicio da empresa comunicarallo á dirección dela polo menos con dez días de antelación ó da data en que decidise causar baixa, facéndoo por escrito e con xustificante de recepción. O incumprimento desta obriga de aviso previo daralle dereito á empresa a descontar da liquidación finiquita que se lle practique o imprte dun día de salario por cada un de atraso no aviso previo. Esta cantidade, así como as procedentes de sancións ó persoal, destinarase a un fondo social da empresa, a administración do cal lles corresponde ós delegados do traballadores.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán, aumentadas cos incrementos que resulten deste convenio, as pagas extraordinarias de beneficios, xullo, setembro e Nadal.

Estas pagas aboaranse antes do día quince do mes no que correspondan.

Os traballadores que non leven un ano no servicio da empresa no momento en que corresponda a percepción destas pagas extraordinarias cobraranas en cantidade proporcional ó tempo traballado. Os que abandonen a empresa antes de cumpriren o ano de servicio terán tamén dereito a percibiren a parte proporcional correspondente ós meses transcorridos desde o seu ingreso nela.

Nestas pagas extraordinarias incluiranse as cantidades correspondentes a: soldo base, antigüidade, mellora voluntaria e, os traballadores que veñen recibindo mensualmente a parte proporcional da paga de beneficios, a parte proporcional que corresponda, é dicir, total fixo.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais, de luns a venres, sendo o cómputo anual de mil setecentas oitenta e sete.

O horario será desde as 8.30 ás 13.30 e desde as 15.30 ás 18.30 horas.

Sobre o horario de entrada concédese unha marxe de cinco minutos sesaxesimais durante os cales a chegada ó traballo non será considerada atraso, senón puntual e dentro do horario.

A empresa autoriza o seu persoal a consumir un bocadillo durante as horas de traballo, sempre que non se entorpeza ou interrompa a continuidade do traballo e comprometéndose, como se comprometen, os traballadores á boa fe e boa vontade.

Os días 24 e 31 de decembro serán considerados non laborables.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta días naturais para os traballadores que leven un ano ou máis no servicio da empresa e desfrutaranse de forma ininterrompida salvo acordo entre empresa e traballador.

O período de vacacións desfrutarase, con preferencia, durante os meses de xuño, xullo e agosto, sempre cumprindo a normativa laboral vixente. En caso de desacordo co reparto da data de vacacións efectuado no cadro xeral, haberá que aterse tamén ó disposto na lei.

Os traballadores que non completasen un ano efectivo no cadro de persoal da empresa desfrutaranas durante un tempo proporcional ó traballado.

Respecto do salario do mes de vacacións, ós empregados do taller, en substitución dos incentivos de producción, aboaráselles precisamente no mes de agosto, vaian de vacacións nese mes ou noutro, a cantidade de sete mil pesetas (7.000) como compensación do incentivo. Para os empregados de vendas garántese a cantidade de trece mil pesetas (13.000) como compensación do incentivo. Esta cantidade percibirana precisamente no mes de agosto, vaian de vacacións nese mes ou noutro. Non a percibirán se no mes de desfrute de vacacións superan os seus incentivos esa cantidade polas súas vendas, ou completaránselles ata acaderen a dita cifra.

Artigo 9º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores afectados de capacidade diminuída poderán ser destinados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándoselle-lo salario que tivesen acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por pactos, convenios, etc. experimente no sucesivo a categoría que tivo no momento de se produci-lo feito determinante da diminución da súa capacidade.

Para a asignación destes postos requirirase o informe previo dos delegados dos traballadores que, formulado, non será vinculante para a empresa.

Artigo 10º.-Baixa por enfermidade.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente laboral debidamente xustificados, a empresa completará as percepcións económicas que se sinalan: total fixo, primas fixas e incentivos (estes pola media dos últimos doce meses) ata un máximo de dezaoito meses.

A empresa poderá verifica-lo estado de enfermidade ou o accidente laboral alegado polo traballador para xustifica-la súa ausencia do traballo, mediante recoñecemento a cargo do persoal médico.

Artigo 11º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse pola normativa laboral vixente coas modificacións que a seguir se expoñen:

-Matrimonio do traballador: quince (15) días naturais.

-Parto da muller: tres (3) días, polo menos dous laborables.

-Enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos: cinco (5) días naturais.

-Traslado do domicilio habitual: dous (2) días naturais.

-Falecemento de pais, neto, avós ou irmáns: tres (3) días naturais.

-Falecemento de tíos ou sobriños: dous (2) días naturais.

Cando o falecemento se producise fóra da provincia incrementarase o período en dous días naturais.

A empresa poderá requiri-lo traballador para as xustificacións que correspondan e procurará atende-las perentorias necesidades do traballador, de tempo nestes casos.

Artigo 12º.-Servicio militar.

Os traballadores da empresa que se incorporen ó servicio militar con carácter forzoso ou voluntario, para anticipa-lo cumprimento dos seus deberes, e leven seis meses no cadro de persoal da empresa, tendo cargas familiares acreditadas, recibirán mensualmente o setenta e cinco por cento (75%) do salario fixo (total fixo). Estes traballadores percibirán a parte proporcional que lles corresponda nas pagas extraordinarias referidas ó momento da súa percepción.

Os traballadores que leven un ano ou máis no cadro de persoal da empresa e carezan de cargas familiares no momento da súa incorporación a filas percibirán mensualmente o cincuenta por cento (50%) do salario fixo mensual e as catro pagas

extraordinarias completas. Os que perciban rateada mensualmente a paga de beneficios percibirana tamén na proporción que corresponda.

Os traballadores sen cargas familiares acreditadas e co tempo de servicio na empresa inferior a un ano no momento da súa incorporación a filas, percibirán soamente a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 13º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

Ós traballadores da empresa concederánselle-los seguintes premios de nupcialidade e natalidade.

Ó contraer matrimonio, quince mil pesetas (15.000).

No nacemento de cada fillo, quince mil pesetas (15.000).

O traballador deberá acredita-la causa destas percepcións.

Artigo 14º.-Axudas por defunción e xubilación.

No falecemento dun traballador da empresa, esta aboará unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción cun máximo de once mensualidades.

A cantidade correspondente á axuda por falecemento seralle entregada pola empresa á persoa ou persoas designadas polo traballador e, no seu defecto, haberá que aterse á lexislación vixente.

Á xubilación dun traballador da empresa, esta aboaralle ó traballador unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción, cun máximo de oito mensualidades.

A xubilación será obrigatoria ós sesenta e cinco anos (65) se o traballador ten dereito ó cento por cento da súa pensión de xubilación.

Artigo 15º.-Fondo de estudios.

A empresa consistirá anualmente un fondo de estudios en contía de cento trinta mil pesetas (130.000), a fondo perdido, para os traballadores e os seus fillos que cursen estudios de calquera clase, logo de relación deles presentada polos delegados dos traballadores ou outra comisión designada para o efecto coa denominación fondo de estudios.

As idades dos fillos dos traballadores estarán comprendidas entre os catro e os dezaoito anos, ambos inclusive, e a cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador e os seus fillos. Esta cantidade será repartida anualmente no mes de agosto, con criterio fundamentalmente social.

Artigo 16º.-Fondo de anticipos sociais.

Mantense para os empregados da empresa a caixa de anticipos sociais, a contía da cal se establece para este ano en seiscentas cincuenta mil (650.000) pesetas anuais.

O valor de crédito solicitado non poderá exceder de trescentas mil pesetas (300.000) e será descontado da nómina do traballador nun prazo máximo de dezaoito meses. Practicaranse os descontos sen xuros. O pagamento farase mediante descontos proporcionais na nómina mensual e nas correspondentes pagas extraordinarias. O desconto será acumulable en caso de liquidación finiquita por baixa no cadro de persoal.

A este anticipo terán dereito tódolos empregados da empresa, prevalecendo o criterio de maior atención ós traballadores con menos ingresos e máis cargas familiares.

Para solicitar un préstamo será indispensable ter liquidado completamente outro anterior.

A necesidade deberá xustificarse e explicarse por escrito. Os delegados dos traballadores deberán recibir e visa-las solicitudes que se formulen, que trasladarán de inmediato á dirección da empresa.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Os traballadores da empresa que por necesidades dela e pola súa orde efectúen viaxes ou desprazamentos a localidades distintas ás do centro de traballo, terán dereito a percibir axudas de custo consonte o seguinte cadro:

Axuda de custos completa: 4.400 pesetas.

Almorzo: 400 pesetas.

Xantar: 2.100 pesetas.

Cea: 1.600 pesetas.

O gasto de hotel, conforme as características e normas cotiás da empresa, xustificarase á parte.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

A) Horas extraordinarias que veñan esixidas para reparar sinistros ou outros datos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas.

B) Horas extraordinarias necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate: mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

C) A dirección da empresa informará mensualmente os delegados dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e os criterios sinalados nas letras A) e B), a empresa e os delegados dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias, notificándollo mensualmente á autoridade laboral para os efectos de lle dar cum

primento á normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

A prestación do traballo en horas extraordinarias será voluntaria e haberá que aterse en todo á lexislación vixente.

Artigo 19º.-Seguro de vida.

A empresa manterá en vigor o seguro de vida que actualmente ten concertado en beneficio do seu persoal para o caso de invalidez ou morte.

Artigo 20º.-Diminuídos físicos.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan ascendentes ou descendentes subnormais ou diminuídos físicos de calquera cualificación, que non estean capacitados para o traballo e que con eles convivan e deles dependan economicamente, a cantidade de doce mil (12.000) pesetas mensuais.

Artigo 21º.-Compra de vehículos.

Os traballadores da empresa poderán adquirir vehículos de turismo novos na empresa Turismos Motor, S.A., ó prezo de compra do distribuidor máis portes e revisións. Para a compra a crédito poderán acollerse ás mellores normas da financeira.

Os pais, fillos e irmáns do traballador poderán acollerse a este dereito.

Para os vehículos usados considerarase o prezo de taxación máis os gastos de reacondicionamento que precisasen. Os pais, fillos e irmáns tamén poderán acollerse a este dereito. Deste dereito non poderá facerse uso ata dous anos despois de o utilizar.

Artigo 22º.-Vacantes.

Cando na empresa se produzan vacantes para cubrir ou se creen novos postos de traballo, agás os de dirección, terán preferencia para cubrilos os traballadores que xa presten servicios na empresa ou os seus familiares, sempre que estean cualificados para iso.

Os auxiliares administrativos e os mozos que leven máis de cinco anos na empresa deberán ser ascendidos a oficiais ou a especialistas respectivamente, se existen tales vacantes e, de non ser así, asignaráselle-lo soldo correspondente ás ditas categorías aínda que conserven a anterior.

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

O persoal adscrito a talleres ou a recambios terá dereito a que a empresa o provexa cada ano de dúas pezas de roupa de traballo e dúas toallas. O mesmo dereito terán tamén os conductores.

Estes artigos entregaranse para o seu uso durante o mes de xaneiro de cada ano ou ó causar alta o traballador no cadro de persoal da empresa e ser destinado ás ditas seccións.

Cando por razóns do traballo a roupa se deteriore gravemente, será substituída.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

O complemento de transporte é de cincocentas setenta e dúas (572) pesetas por día efectivo de traballo. A partir do 1 de xaneiro de 2002, a cantidade que se percibirá será de seiscentas vintecinco pesetas (625) por día efectivo de traballo.

Artigo 25º.-Complemento de xornada partida.

O complemento de xornada partida constitúese en dúas mil seiscentas pesetas (2.600), mensualmente que se van percibir durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, setembro, outubro, novembro e decembro, sempre que o traballador non utilice vehículo da empresa para o seu traballo.

Artigo 26º.-Complemento de reténs de xornada.

Establécese en oitocentas (800) pesetas diarias para tódolos traballadores durante os meses de xuño, xullo e agosto, por día efectivo de traballo. Os viaxantes non percibirán este complemento dadas as características do seu traballo.

Artigo 27º.-Delegados dos traballadores.

En canto ós dereitos e obrigas dos delegados dos traballadores, as partes axustaranse en todo o establecido no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente en cada momento.

Artigo 28º.-Salarios.

Para o ano dous mil un e con vixencia desde o día un de xaneiro, incrementaranse tódalas táboas salariais nun tres por cento para tódalas categorías, que afectará a tódolos conceptos económicos, resultando a táboa salarial anexa.

Para o ano dous mil dous e con vixencia desde o día un de xaneiro, incrementaranse tódalas táboas salariais nun tres cincuenta por cento (3,50%) para tódalas categorías, que afectará a tódolos conceptos económicos, resultando a táboa salarial anexa.

Rematado o ano 2002, procederase a unha revisión salarial consistente en aplica-la diferencia positiva entre o 3,50% e o IPC (índice de prezos ó consumo). Esta revisión, no caso de operar, terá carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 2002 e será aboada nunha soa paga, tan pronto como o IPC sexa publicado polo INE. Esta paga pasará a formar parte dos parámetros de cálculo para o incremento de 2003.

Artigo 29º.-Normas suplementarias.

En todo o non previsto no presente convenio haberá que aterse ó disposto na lexislación xeral e ás normas supletorias deste convenio que existen na empresa.

Artigo 30º.-Comisión mixta.

A comisión mixta será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio nas seguintes funcións específicas:

1. Interpretación do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do pactado.

3. Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4. Entender previamente en cantas cuestións tendan á maior eficacia práctica deste convenio.

As resolucións adoptadas por mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida a comisión poderá eleva-la consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase: dun membro pola empresa e un membro polos traballadores, delegado deles; a súa comisión reunirase ineludiblemente antes de calquera reclamación e en caso de dúbida.

E para que conste asínase este convenio entre a empresa e os traballadores dela representados polo delegado dos traballadores, en Iñas-Oleiros o dez de decembro de dous mil un.

ANEXO

Convenio colectivo da empresa Cormosa

Táboa salarial ano 2001

CategoríaMesAno

Director123.2441.971.904

Xefe de administración122.0561.952.896

Xefe de vendas110.4661.767.456

Xefe de almacén recambios109.1881.747.008

Mestre taller104.0841.665.344

Oficial 1ª102.3701.637.920

Oficial 2ª97.4831.559.728

Oficial 3ª93.0631.489.008

Xefe de contabilidade109.1881.747.008

Oficial administrativo104.0651.665.040

Auxiliar administrativo93.0631.489.008

Aspirante administrativo88.9811.423.696

Viaxante104.7591.676.144

Dependente 25 anos104.0651.665.040

Mozo especializado91.8981.470.368

Mozo91.8981.470.368

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Táboa salarial ano 2002

CategoríaMesAno

Director127.5582.040.928

Xefe de administración126.3282.021.248

Xefe de vendas114.3321.829.312

Xefe de almacén recambios113.0101.808.160

Mestre taller107.7271.723.632

Oficial 1ª105.9531.695.248

Oficial 2ª100.8951.614.320

Oficial 3ª96.3201.541.120

Xefe de contabilidade113.0101.808.160

Oficial administrativo107.7071.723.312

CategoríaMesAno

Auxiliar administrativo96.3201.541.120

Aspirante administrativo92.0951.473.520

Viaxante108.4261.734.816

Dependente 25 anos107.7071.723.312

Mozo especializado95.1141.521.824

Mozo95.1141.521.824

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Iñas, 10 de decembro de 2001.

A empresa: Coruñesa Motor, S.A. (Cormosa), garante o pagamento dos atrasos do convenio colectivo correspondentes ó ano 2001, que se realizarán durante os meses de decembro-01 a febreiro-02, ambos inclusive.

E, para que conste, asínase o 10 de decembro de 2001.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE